A asociación cultural Peis d’Hos continúa coa súa labor de difusión e divulgación da música e baile tradicional. Neste novo curso estrea unha escola en Moaña, onde impartirá clases de acordeón, baile, canto, pandeireta, gaita e percusión.

A agrupación, que é unha entidade sen ánimo de lucro, conta cunha escola estable en Cangas desde 2013 e agora inicia a súa andaina en Moaña. As persoas interesadas poden visitar a súa web [peisdhos.com], os seus perfís en redes sociais ou ben chamar ao teléfono 670 706 147. As clases terán lugar sempre cos protocolos sanitarios recomendados polo Ministerio de Sanidad e a Consellería de Sanidade para evitar a propagación do COVID-19.

A asociación conta con varios grupos, como Trébede, Lina e Lola, As Mosas do Hío e O Viveiro Peis d’Hos. Todo o seu repertorio está baseado no traballo de campo dos seus compoñentes, que desde hai tempo recopila diverso material etnográfico, como baile, canto, música, vestimenta ou costumes.

Traxectoria

Desde a súa fundación Peis d’Hos ten percorrido boa parte da xeografía galega e da Península Ibérica. Un dos seus proxectos máis destacados foi a montaxe audiovisual “Irei a Darbo”, en 2016. Tamén participou no “Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional” celebrado na Cidade da Cultura no 2018 e no ano 2015 foi unha das agrupacións que representou a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa.