A xornalista e investigadora Marta Veiga é a gañadora do XVIII Premio Johan Carballeira de Xornalismo. O xurado reuniuse esta mañá e acordou recoñecer a súa reportaxe “Cantigas para despois dunha pandemia”, publicada na revista Luzes en xuño do ano pasado. Os integrantes do tribunal destacan que se trata dun traballo que “ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solución a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do coxuntural”.

A galardonada é profesora asociada da área de Xornalismo no campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC), xornalista freelance e xestora do grupo de innovación docente Xuveciencia. O xurado estaba integrado polo presidente da Asociación Amigos de Johán Carballeira, Antón García Mosteiro, e os xornalistas David Lombao e Nieves Neira, gañadora da anterior edición. No seu fallo destacan ademais a estructura “a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade”, xunto ao feito de que, máis alá das cifras da pandemia sanitaria, trata de achegar a cara social e política desta situación.

O premio está dotado con 1.500 euros e fállase xusto no fin de semana no que se acaban de cumplir 84 anos do fusilamento de José Goméz de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira. Nos vindeiros días reunirase o xurado do galardón de poesía.