A Asociación Amigos de Johan Carballeira celebrou onte a súa tradicional ofrenda floral diante do monumento situado fronte a praia da Banda do Río, un monolito erixido para recordar a memoria de José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, e do resto das vítimas da represión franquista. Este acto, que o ano pasado non se puido celebrar na súa data tradicional debido ao confinamento, faise coincidir co cabodano do fusilamento do escritor, xornalista e alcalde de Bueu, en abril de 1937.

A conmemoración consistiu nunha ofrenda diante do monumento, a lectura dun manifesto a e interpretación do himno galego. Desde a Asociación Amigos de Johan Carballeira apuntan que nos vindeiros meses, unha vez que mellore a situación sanitaria, prevén facer máis actos. Por outra banda, hoxe está previsto que se falle o Premio de Xornalismo Johan Carballeira.