Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O produtor da diva Rosalía, na terra da Rosalía orixinal

Un momento da gravación, con Carme do Caño tocando a pandeireta diante de Raül Refree. | // G.NÚÑEZ

Raül Refree ten ás súas costas unha máis que interesante carreira musical, tanto con proxectos propios como na súa faceta como produtor. Artistas como Josele Santiago (Los Enemigos), Lee Ranaldo (Sonic Youth), Silvia Pérez Cruz, Rodrigo Cuevas ou Christina Rosenvinge teñen solicitado a súa colaboración para os seus traballos discográficos.

Nesa nómina destaca tamén a agora mesmo a omnipresente Rosalía, cuxo primeiro disco, “Los Ángeles” foi producido por Raül Refree, quen tamén animou á cantante a gravar a escura versión de “I see a darkness”, de Will Oldham/Bonnie Prince Billy que pecha ese álbum. Agora Raül Refree anda pola terra de outra Rosalía, da “nosa” Rosalía de Castro, empapándose da tradición musical galega. Un percorrido que onte o trouxo ata Bueu para coñecer e entrevistarse con Xulia Feixoo e Guillerme Costa e coa pandereteira da illa de Ons María López, máis coñecida como María do Caño ou María do Brisiñas.

Refree leva toda a semana en Galicia nunha especie de residencia artística coa colaboración de Luneda Producións, unha viaxe para coñecer as principais fontes do patrimonio musical galego e manter encontros con algúns dos proxectos de referencia na nosa comunidade, como FAIA, Pan sen Fron, Tanxugueiras, Antía Ameixeiras ou Pedro Lamas. Pero o músico catalán tamén ten interese no ámbito da recollida e compilación da música tradicional. Así, achegouse onte a Bueu para entrevistarse coa etnomusicóloga Xulia Feixoo e co gaiteiro e compilador Guillerme Ignacio, ambos integrantes do grupo de traballo “Arredor da tradición”. “Para nós é moi importante que queira coñecer o noso traballo. Non só por nós, senón porque estivo con xente que toca no estranxeiro e que ten un verdadeiro e profundo coñecemento da tradición”, destaca Guillerme Ignacio. Neste sentido suliña que Raül Refree defende uns plantexamentos “en consonancia cos nosos porque o que lle interesa é ir á propia fonte e ás mestras da tradición”. Amais de estar cos compiladores bueueses Refree estivo nos días previos con Quique Peón, Xurxo Fernandes e Pablo Díaz.

A estancia de onte en Bueu permitiulle estar en contacto cunha desas mestras da tradición ás que se refire Guillerme Ignacio: a pandereteira María do Caño, natural da illa de Ons. Raül Refree tivo coñecemento desta illán a través da entrevista que lle fixeron Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio para o Consello da Cultura Galega.

Carmen do Caño, Raül Refree, Guillerme Ignacio e Xulia Feixoo, de costas, conversando onte en Bueu. | // GONZALO NÚÑEZ

Guillerme Ignacio coñeceu á pandereteira a raíz do seu traballo como coordinador do dobre disco “Elelelos”, impulsado polo grupo Retrouso entre 2013 e 2014. “Comecei a traballar con ela daquela e trátase dunha persoa con moitísimo valor. É unha verdadeira mestra da tradición pola cantidade de cantares que coñece, o ben que toca e porque é unha grandísima informante da tradición musical da illa de Ons”, explica o compilador e gaiteiro bueués. Raül Refree foi onte testemuña de excepción de todo ese saber, nunha casa situada na parroquia de Cela, cunhas vistas privilexiadas sobre a ría de Pontevedra, onde está a singular illa de Ons.

Todo este encontro cristalizará nun traballo que podería ver a luz dentro dun par de anos, razón pola cal o propio Raül Refree de momento evita facer declaracións públicas ao respecto. Esta serie de entrevistas, como a de onte en Bueu, quedarán documentadas a través das fotografías de Rocío Cibes e da cámara do cineasta Fon Cortizo.

Outro momento da charla entre Carmen do Caño, Raül Refree, Guillerme Ignacio e Xulia Feixoo

Na parte máis pública desta residencia artística, Raül Refree mantivo un encontro coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey. O concello herculino é un dos apoios deste proxecto, que tamén levou ao músico e produtor catalán a coñecer o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), do Museo do Pobo Galego, en Santiago.

No seu día Raül Refree foi peza fundamental para lanzar a Rosalía. A bo seguro que agora axudará a visibilizar e dignificar aínda máis toda a tradición musical da terra de outra Rosalía. A nosa.

Compartir el artículo

stats