Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aquel carnaval de antes (I)

Baile da damas e galáns no Entroido de Darbo en 1969. | // Cesión Lois Guimeráns

A Lucho Solla, aos que foron membros do grupo de gaiteiros “Sachadiço”, a Pepe Bermúdez e Belén Guimeráns, e a todos devotos do carnaval.

É tempo de comer filloas, orellas, roscas, bicas ou un bo cocido porque é do máis típico do xantar do carnaval

O silencio comezou a falar dende a chegada da pandemia que tanto nos afecta. E fíxoo dun xeito drástico e dramático. Porén, as concorridas romarías do Morrazo, como San Amaro, Santiago de (H)Ermelo, a de San Amedio (san Mamede), a de Darbo ou a de San Martiño quedaron afastadas tanto no relixioso como no festivo. As danzas ancestrais formadas por damas e galáns que dende tempo inmemorial se celebran tradicionalmente nas parroquias de Aldán, do Hío e na de Darbo,e que foron creadas para facer fronte ás pestes ou enfermidades pandémicas como a lepra, non se celebran por causa da pandemia actual. Así que este ano o carnaval tamén quedou suspendido, e non se escoitaron as melodías dos gaiteiros, e o balbordo e cantar dos veciñ@s.

Xuventude de Gandón e Menduíña, nos anos 70.// Cesión Luis Rial

Madamas e galáns tamén bailan no carnaval. Aplaudimos aos que fan por manter viva a tradicional festa do carnaval de Cobres, no concello de Vilaboa. Non esquecemos o traballo de recuperación do antigo carnaval, que numerosas persoas, algunhas xa ausentes, puxeron empeño en volver imitar dalgunha maneira como era esta festa antigamente. Claros exemplos témolos nas parroquias de Meira (Moaña) e de Darbo (Cangas) coa recuperación da vestimenta e o baile dos danzantes.

Queremos con esta curta crónica arrincar un pequeno sorriso e espertar un recordo nas mentes máis lonxevas da veciñanza. Para elo debuxaremos pequenos esbozos de como eran estas festas no Hío, engadindo tamén algo sobre as mesmas en Aldán e Darbo grazas a información de veciños/as.

Rapaces de Darbo no entroido de Nerga, no lugar do Xogo da Bola, nos anos 60.// Cesión Lois Guimeráns

Sabemos que este traballo non sería posible sen a transmisión oral e a achega de imaxes fotográficas de distintos informantes, moitos/as xa finados e outros entre nós: José Luis Rial Hermelo, Lois Guimeráns, José Nogueira Novas, Mucha Nogueira, Andrés Coya Otero, Marcelino Carabelos, José Antonio Sotelo ou mesmamente o magnífico gaiteiro Lucho Solla, e un longo etc. Tampouco debemos esquecer os traballos elaborados por Guillerme I. Costa ou por asociacións como A Cepa ou Lembranzas da Ría. Grazas ás imaxes, observamos o ben que se pasaba nunhas datas que tendo pouco, a diversión era moito maior ca actual.

Carnaval de Gandón e Menduíña, anos 50. // Cesión Luis Rial

Sobre o carnaval en Aldán

Na década dos anos 50 do pasado século, as aldeas de Gandón e Menduíña ían xuntas nesta celebración, e o baile celebrábase no lugar denominado de A Eira, en Gandón. Na aldea do Piñeiro celebraban o baile no local coñecido popularmente como “A do lechero”.Temos constancia de que entre as tres aldeas fixeron unha unión conxunta que se representaba nun único estandarte. Durante moitos anos, o luns de carnaval, os veciños/as de Aldán baixaban ata un pequeno acuartelamento nesta parroquia que se atopaba nas proximidades da fronteira coa parroquia do Hío. Alí daban con altas voces unhas reverencias verbais ao corpo da Garda Civil. Despois desprazábanse ata a parroquia veciña de Beluso, para comer, bailar e cantar para despois do xantar regresar a Aldán. “Os Terribles de Tomiño”, “Os Leóns” ou “Os Alvariños”, amenizaban durante anos ás comparsas aldanesas.

O grupo de gaiteiros Os Terribles, de Tomiño, no lugar de Piñeiro.// Cesión Luis Rial

Nalgunhas ocasións téñense achegado tamén ata Darbo, onde repoñían forzas nos locais de Graciana, Casa Fanchuquí ou na de Milhomes. De coñecida sona é a persoa do incansable músico José Fernández Canosa, popularmente coñecido como “O gaiteiriño do Piñeiro”, quen chegado estas datas alegrou durante moitos anos á veciñanza ao son da súa gaita. Nas conversas establecidas co veciño de Vilanova (O Hío) Benito Piñeiro González (1928-2011), acreditábanos que sendo el un mozo lembraba saír andando coa comparsa dende Vilanova ata Gandón e rematar o día en Darbo. Pensamos que isto debeu de acontecer antes do 1950.

Sobre o carnaval de Darbo

Transmítennos varias testemuñas que os veciños/as de Darbo en numerosas ocasións e sempre na xornada do martes, ían en comparsa cos gaiteiros “Os Airiños do Monte Castelo” a tocar e bailar na aldea de Nerga, no lugar coñecido como O Xogo da Bola. Alí os de Nerga construían de maneira artesanal un palco para que actuasen os gaiteiros. Durante a xolda bebíase un saboroso viño tinto dos areeiros que se atopan entre Nerga e Donón. O padal daquel viño que se servía en baldes aínda perdura na memoria dos veciños nacidos hai máis de cinco décadas. Vestidos de damas e galáns danzaban ao compás das muiñeiras, valses, pasodobres, alboradas e outras melodías que os incansables gaiteiros interpretaban con alegría.

Mozas de Nerga, de esquerda á dereita: Josefa Costas Otero, María Teresa (dama), Sara (dama) e Luz Divina Otero. Anos 50

Para saber máis do vestiario e da incidencia das damas e galáns de Darbo no entroido do Hío, botamos man da publicación realizada pola Asociación Cultural Lembranzas da Ría nas redes sociais (facebook) con data de 05/02/2018 e tamén do traballo elaborado polo investigador Guillerme I. Costa, pois en Nerga tamén existiu o baile de damas e galáns. Documento moi importante é o video filmado no 1951 onde se ven as damas e galáns de Nerga e de Darbo bailando no Xogo da Bola (Nerga). Tamén son valiosas as imaxes do carnaval do Hío cos seus gaiteiros e comparsas. Vídeo filmado por Antón Beiras, segundo nos informou o investigador Anxo Rosales.

Anxo Coya

*Investigador e veciño do Hío

Compartir el artículo

stats