Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dous milagres e un misterio sen resolver (I)

Balbina Zabala, de 26 anos, filla do exalcalde de Cangas, curou en 1887 dunha parálise e foi coñecida como a santa de Rodeira

As cautas autoridades eclesiásticas acabarían por non calificar de milagre senón de extraordinario, o feito da curación instantánea da señorita Balbina Zabala de 26 anos, filla do exalcalde Ignacio Zabala Pimentel, residentes na sua casa de Rodeira. O considerado como milagre ocorreu o 13 de xuño deste ano, dia de San Antonio, cando na víspera lle levaron á casa unha imaxe do Sagrado Corazón para que a vise, pois era un encargo dela para donarlla á colexiata. No devandito día, puxeron a imaxe aos pés da cama na que levaba postrada dez anos, desde 1878, e despois de confesarse e comulgar na bendición da imaxe, estivo desmaiada tres cuartos de hora. Ao volver en si, preguntou se alguén lle tocara pois pararan as dores que tiña, producidas por unha chaga que non curaba. Antes, cando se lle facían as curas, case non podía tocárselle pois producíanselle terribles dores e agora recuperara a mobilidade no brazo e perna esquerdos e posta de xeonllos na cama pediu a roupa para vestirse ela soa, camiñando sen muletas, apenas apoiada no brazo de alguén.

Coñecedores os veciños disto, que o predicador padre Boneta cualificou como providencial, o domingo día 19 de xuño, a procesión do Sagrado Corazón sairía coa imaxe da casa, acompañada da xa nomeada como “santa”, con grande asistencia de público que incluso acudira desde diversos lugares. A banda municipal de Vigo acompañaría a comitiva ata a igrexa que lucía adornos e a bandeira española e logo houbo festa ata a unha da madrugada con iluminación de fogatas e foguetes, actos programados para este evento relixioso. Ainda que non houbo unha “Santa Balbina”, este feito perduraría con certa polémica e durante anos lembraríase e falaríase da “santa de Rodeira”. Á petición da ciencia médica da época, sería trasladada a Santiago onde un competente comité médico, cualificaría este caso de fenómeno misterioso cuya explicación no ha alcanzado todavía la ciencia médica.

Recreación pictórica da habitación da coñecida como "Santa de Rodeira".

O milagre divulgado por un católico anónimo

No ano de 1879 caeu enferma a moza dona Balbina Zabala que á un talento pouco vulgar, reunía unha virtude solidísima, un carácter dóce e afable e unha humildade que raiaba en portentosa, segundo confesión da súa propia familia e amigas. A enfermidade que atacou á a pobre rapaza revestiu desde os primeiros momentos un carácter de marcada crueldade: trousaba os alimentos que tomaba, deixou de facer as súas funcións naturais, unha fatiga ou disnea frecuente impedíalle pronunciar unha soa palabra, e a máis diso isto botaba nalgúns días gran cantidade de sangue pola boca, de modo que os seus pais perderon por completo as esperanzas de salvala. Cando a crían na agonia e os médicos que a asistían consideraban que a ciencia xa rematara a súa misión, a enferma pasou un mes e dous, e tres e seis e oito, inmóbil, coas extremidades esquerdas paralizadas, desmaiándose de cinco en cinco minutos, sendo preciso para volvela ao estado normal soprarlle con forza nas fosas nasais, co cal se conseguía reanimala, pero non sen que sentise, ao volver en si, agudísimas dores.

Os médicos absortos naquel uso raro que ninguén conceptuaba, nin habia entón motivo para iso, milagroso nin sobrenatural, concretáronse en observar e a esperar o desenlace daquela verdadeira anomalía patolóxica. Chegou a primavera do ano 1880 e a xoven Balbina, lonxe de manifestar impaciencia ou desesperación, fixaba os seus ollos conmovidos nos cadros de varios Santos que habia na habitación. Continuaba coa horrorosa disnea, sen moverse, e desmaiándo de cinco en cinco minutos pouco máis ou menos, sendo preciso que non saísen do seu lado tres ou catro persoas que se turnaban para soplarle nas fosas nasais e facela volver en si. Por prescrición facultativa só tomaba de dous en dous días unhas pingas de champán mesturadas en auga fria. Polo menos con este medicamento e o réxime alimenticio, os vómitos de sangue foron menos frecuentes.

Unha vista aérea da zona de Rodeira onde vivía a señorita Balbina Zabala

Cando levaba sete anos postradísima e ademais se lle tiña presentado no peito unha chaga que lle daba vivas dores e ensanchaba de diámetro, producindo a inflamación de todo o costado, un notable médico da escola compostelá examinouna e ficou abraiado e confundido, sen dar explicación daquel que denominou fenómeno, reservándose o diagnóstico, que porén conceptuaría como fatal para a enferma. Virona outros médicos de Santiago e Vgo, estando conformes en que non podía prolongarse moito tempo o triste estado daquel cadáver que parecia reanimarse por unha forza galvánica. E este era o mesmo prognóstico do ano 1886 e o fenómeno, o caso, a anomalía, ía pasando xa a categoría de prodixio.

Recreación do traslado da Sagrado Corazón á excolegiata.

“Non podía articular palabra”

Chegou o ano 1887 e o tumor canceroso de natureza indeterminada xa invadía gran parte da rexión torácica; a infeliz Balbina xa non podia articular unha palabra; os pés perderon a súa forma ordinaria torcéndose cara atrás; e a parálise estendeuselle ás dúas extremidades inferiores. Os soplos dos enfermeiros volvian á vida á enferma ao menos dúas ducias de veces ao dia. O champán e a auga prestábanlle a aquel escrúpulo de corpo humano o sustento para a súa existencia artificial. -Oito anos morrendo! exclamaban os seus pais desconsolados e repetían saloucando todos cantos se achegaban ao triste leito da moza. Os padecemientos non facían mella na vontade indomable daquela privilexiada criatura. Cando a interrogaban sobre os seus tormentos ela sorría e erguía os ollos ao ceo.

O P. Herranz tiña sido o o seu confesor durante algún tempo e aínda que o ilustre xesuita notaba algo superior na virtuosísima moza, non se atreveu a certificala nin de santa nin de visionaria. Outros PP. Xesuítas admirábanse da piedade e do talento daquela rapaza. Máis tarde o P. Boneta, superior dos Mercedaríos de Conxo, substituíu aos antigos confesores de Balbina e como home de experiencia e de talento recibiu a beneficio de inventario as sinxelas revelacións da enferma. Despois de oito anos de crueis martirios, xa todo Cangas se decatou daquel prodixio e admiraba a paciencia e o fervor daquela criatura, que non exhalaba unha soa queixa á pesar de que as dores que sentía eran inaguantables. Uns dias antes de San Antonio confesouse con R. P. Boneta e despois que comulgou con extraordinario traballo, dixo con voz case imperceptible.

-Padre, gustaría pedirlle un gran favor...

-Fala, miña filla -respondeu o P. Boneta- e veremos se é posible concedercho.

-Querería que se encargase unha imaxe do Sagrado Corazón de Xesús pois a igrexa de Cangas carece dela. Quere Vde. falarlle disto ao meu pai e ao señor Cura?

-Si, miña filla, eu farei canto estea da miña parte.

E en efecto, accedendo aos desexos de Balbina pudo acordarse que se encargase unha imaxe a Valencia. Cando chegou o Sagrado Corazón, e como Balbina manifestase ardentes desexos de vela pois ela xamais podería ir á igrexa de Cangas, a dous quilómetros da súa casa, deuse orde para que lle levasen a caixa que contiña a imaxe e como pesaba perto de 30 arrobas, procurouse un medio de locomocion fácil para a condución do vulto.

Imaxe belísima

Abriuse este, sacouse a imaxe, que era belísima, e foi levada ao cuarto da enferma. Cando foi colocada sobre unha mesa frente ao leito, Balbina comezou a saloucar e a botar abundantes bágoas. Os pais creron que sufrira unha gran impresión e trataron de acougala. Os saloucos foron cada vez máis grandes e así permaneceu tres cuartos de hora, quedando ao fin sumida nun profundo desmaio con toda a familia arremuiñada en derredor do leito. O desmaio prolongábase esta vez dun xeito alarmante: xamais excedera de sete ou oito minutos. Pasou un cuarto de hora e a ansiedade era indescritible. E así transcorreron ata corenta minutos e Balbina permanecía inmóbil, pero o seu pulso latexaba aínda como así llo comunicaba a todos os presentes o médico de cabeceira. De súpeto, Balbina deu un berro afogado, abriu os ollos e exclamou en alta voz:

-Quen me tocou? Meu Deus! Estou curada! Estou curada!

Todos retrocederon con abraio e crérona sumida nalgún delirio.

-Seréate, miña filla.

Se, xa o estou! Oh Xesús meu! Ouh, Sagrado Corazón de Xesús! El curoume!

E ergueu os brazos en alto, antes inmóbiles, cruzando as mans. O abraio de todos chegou ao seu cume cando Balbina pediu as roupas para vestirse. As roupas! Nada tiña de vestir aquela infeliz despois de oito anos de postración inaudita! Proporcionáronlle un hábito do Nazareno e á vista da súa nai e doutras persoas da familia vestiuse pola súa man. Todos se resistían á crer que a parálise tiña desaparecido. Pero ela, lixeiramente apoiada no brazo do seu pai chegou ata a ímaxe do Sagrado Corazón, fincouse de xeonllos e vertendo abundantes bágoas permaneceu así media hora.

Un recorte de "El Eco Franciscano" falando do mariñeiro de Cangas que recuperou a vista milagrosamente.

Cicatrización completa

Ninguén se daba de conta de como pudera resistir a roupa sobre a chaga e logo comprobouse con sorpresa que a metade se achaba xa recuberta cunha costra e o resto en vías de curación. Ao día seguinte a cicatrización foi completa. Os médicos que no dia anterior a atendían como enferma en gravísimo estado, quedaron cheos de estupor e asombro.

Ao se dar noticia disto, o pobo de Cangas acudiu en masa á morada da Srta. Balbina Zabala, a cal se negaba a recibir o menor eloxio e súplica, pedindo que se esquecese todo e que a deixasen. Coas esaxeracións do vulgo púñase de mal humor e ante as dúbidas e reticencias das señoras semiilustradas, sorríalles cunha humildade impoñente. Ao momento, dispúxose unha gran función e a fama do milagre voou por toda o provincia sendo obxecto de vivos comentarios ata na prensa de Madrid. A moza Balbina empeñouse entón en acompañar a imaxe ata a igrexa de Cangas pero toda a familia e os médicos opuxéronse, pois ao cabo de oito anos era imposible que puidese dar un paso. Entón Balbina exclamou sorrindo: -Non temades, teño forzas para ir a Cangas co Sagrado Corazón e volver á miña casa. E asi foi. Balbina, seguida dun xentío inmenso foi a Cangas polo seu pé e volveu, camiñando nada menos que os catro quilómetros sen manifestar cansazo. Segundo as últimas noticias, a moza Balbina continúa perfectamente e cada dia recobrando máis forzas, pero abstraída a cotío en profundas meditacións. Tales son os feitos testemuñados por ducias de persoas respectables e por centenares de homes e mulleres do vulgo. Temos a seguridade de que ninguén ha de atreverse á pedir probas dos feitos anteriores porque todos sabemos que así como o reto dirixido por unha persoa respetable aos librepensadores de Francia e España, acerca dos milagres de Lourdes, foi esquinado ou refutado despois de terse aceptado ao principio, o noso reto sería tamén desprezado ou desatendido. Pero regocixémonos os que sentimos arder nas nosas almas a divina chama da fé católica e pidamos a Deus por eses desgraciados que, aos chamamentos do Señor, responden satanicamente co sorriso volteriano do desprezo e da dúbida.

En maio de 1890, pasando uns días nunha casa duns amigos de Pontevedra estes afirmaron que Balbina, coñecida como “A Santa” en Cangas, sentábase á mesa pero non comía. A penas tomaba auga pura e se a obrigaban a comer algo, trousaba o inxerido ao momento. Neste tempo dedicouse a contestar cartas de xentes que lle pedían consellos e dedicábase a cousas da igrexa, notándose só algo cansa cando facía longos paseos.

(*) Investigador e mestre

Últimas novas da “santa” de Rodeira e o milagre do ano 1912

En abril de 1900 desataríase unha forte polémica arredor de Balbina Zabala considerada santa en Cangas pois díxose que fora curada pola Virxe dunha grave enfermidade e que agora só se alimentaba de café e té. Nesta data, Balbina xa marchara a residir a Caldas de Reis onde residía o seu irmán Ángel, pioneiro da fabricación da gasosa, e un xornal relacionaría este asunto co seu casamento cun tal Martínez de Filipinas e cunha partida de café daquel país para o Asilo de Pontevedra. Non se explica a relación da santidade da señora co café pero isto, sacado dunhas supostas cartas privadas dirixidas ao filipino, foi a orixe da polémica. Por pesquisas realizadas, concluimos que o tal Martínez era o cangués Alejandro Martínez Iglesias, cónsul español en Manila desde 1893 e piadoso favorecedor da igrexa de Cangas que cando Balbina viaxou a Filipinas, fíxolle agasallos por tres mil duros (15.000 pts.). En 1899, xa retornado o cónsul e cun regalo en xoias de 8.000 duros, ambos contraerían matrimonio en Coiro coas reticencias do cura que opinaba que ela “no era hábil para el matrimonio”. Como fose, este asunto foi esquecido co tempo e desta vez a Igrexa, con grande criterio, en vez de alimentar o milagre, decidiu darlle carpetazo para desilusión da numerosa comunidade católica canguesa, ávida de poder contar, xa que non cunha santa, ao menos cunha beata local.

O mariñeiro cego

Con bastante máis discreción que o anterior, o milagre do ano 1912 só foi dado a coñecer pola revista dos franciscanos e foi obrado, neste ano nun xoven mariñeiro de Cangas que quedara cego e que recobrou a vista grazas a intercesión de Santa Clara que pertencía á orde franciscana. Xa sabemos que os milagres e os misterios non teñen explicación pero a vida de Santa Clara aseméllase máis á da “santa de Rodeira” e este milagre semella máis propio de Santa Lucía ainda que luz e claridade son case sinónimos.

Compartir el artículo

stats