A comarca rendeu onte homenaxe a Rosalía de Castro co gallo do seu día. Como non podía ser doutro xeito, unha grande parte das actividades foron telemáticas. No Concello de Moaña emitiuse un festival de música e no de Bueu iluminouse o Centro Social do Mar.

O festival moañés tivo, como previa, a emisión do acto de irmanamento entre o Concello e a Fundación Rosalía de Castro, que foi gravada a fin de semana. O presidente da fundación, Anxo Angueira, fixo entrega a Moaña dunha figueira da Casa-Museo da poeta, filla daquelas “figueiriñas” que a matriarca das letras galegas inmortalizou na súa peza máis coñecida. O exemplar foi plantado nos xardíns do centro cultural de Domaio que leva o nome de Rosalía. O Concello fíxose mecenas desta fundación, o que permitirá aos estudantes moañeses facer visitas ao inmoble de xeito gratuito e o Concello poderá organizar na chamada “Casa da Matanza” de Padrón actos como exposicións ou presentacións.

Emitiuse despois un concerto do cantautor Tino Baz, que musicou varios dos poemas do maior referente da literatura na lingua propia. Finalmente, o evento deu paso a ritmos máis urbanos cunha interpretación de “Negra Sombra” en clave de rap a cargo de Sebastian Black e It´s Soul, dous referentes das músicas urbanas feitas en Moaña. O evento da tardiña foi o colofón a unha serie de actividades dirixidas a estudantes que organizou o Concello, como foi a emisión nos colexios do concerto “Cantando os cantares”, de Marcos Acuña.

Proxección de Rosalía no Centro Social do Mar de Bueu. | G.N.

Bueu sumouse á acción auspiciada dende a Diputación de Pontevedra “Proxectando a forza de Rosalía”, mediante a que se procedeu a iluminar a fachada do Centro Social do Mar coa imaxe e un texto feminista da escritora galega. A deputada provincial Noemí Outeda estivo acompañada por concelleiros do goberno local neste acto. Ademais, na Biblioteca Torrente Ballester está dispoñible unha exposición bibliográfica sobre a obra rosaliana. A mostra, situada na entrada do recinto, poderá visitarse ata o 5 de marzo con reserva previa no teléfono 986 323140. Tamén se elaboraron marcapáxinas con versos da poeta, que se repartirán entre os usuarios das tres bibliotecas municipais.