Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dolores Chapela | Vindeira edil do BNG e do bipartito moañés

“A crise das preferentes levoume á defensa dos consumidores”

Dolores Chapela (izquierda) con Juan Parcero y Leticia Santos, esta semana.

Dolores Chapela (Moaña, 1974) será a nova cara do goberno bipartito moañés. Asumirá, o vindeiro mes, a acta de edil do BNG que deixa por razóns persoais Juan Parcero. Trátase do segundo cambio na estrutura do goberno local dende o comezo do mandato, tras a entrada de Daniel Costas por Paulo Ríos, para que este asumise o cargo de deputado no Parlamento galego.

–Cando lle comunicaron que podía entrar na corporación e no equipo de goberno, foi unha sorpresa?

–Non agardaba a noticia de Juan Parcero, pero fun na lista de número 9 e sabía que estaba ahí e en calquera momento poderían solicitarme entrar. O máis importante para min foi tomar a decisión cando me propuxeron entrar na candidatura. Chamoume Leticia Santos hai dous anos e tiven que darlle moitas voltas. Foi un paso importante pero me decidín porque me gustou moito o equipo de traballo de Santos, como traballa e a súa aposta pola política social. Como é lóxico tiven que consultalo coa familia, porque sempre é un sacrificio persoal, pero me apoiaron porque na familia todos compartimos a idea de que hai que participar activamente. O que se está a facer por Moaña é moi ilusionante.

–Nos dous cambios do grupo do BNG de Moaña non houbo renuncias e entraron os seguintes da lista. Estabades todos mentalizados de que podería haber relevos?

–Non sei a razón. Supoño que será pola implicación co compromiso que asumimos. Creo que chegamos todos aos comicios con tanta ilusión e ganas que incluso os que ían de 10 ou 11 seguro que aceptarían. Estanse a facer cousas interesantes por Moaña e iso facilita asumir o sacrificio persoal de entrar na política.

–Entendo que está satisfeita co labor do bipartito ata o de agora, non?

–Si. Creo que apostan pola política social. A min a protección das persoas máis vulnerables nestes tempos tan duros é algo que me apaixoa e quero participar deste proxecto.

–Vostede é licenciada en Dereito e ten unha traxectoria moi vencellada aos dereitos dos consumidores. Como comezou a traballar nese eido?

–Pois comecei no mundo do asociacionismo dos consumidores na época da crise das preferentes e subordinadas, que afectou tanto no Morrazo. Comezamos a asesorar ás persoas afectadas e, a partir de entón, metinme de cheo no mundo do consumo, tocando temas como a banca ou as facturas de electricidade. Tamén estou involucrada na formación dos consumidores. A través da Unión de Consumidores de Galicia estamos moi vencellados ao Morrazo e temos unha oficina en Cangas.

–A crise das preferentes cambioulle a vida laboral, entón?

–Si. Foi entón cando a miña orientación profesional se centrou máis no mundo do dereito do consumo e do asesoramento das persoas consumidoras. Aquela situación tivo a moitas persoas afectadas, foi tremendo. Ao final houbo unha solución pero o pasaron moi mal, con momentos moi duros e coa incerteza de quedarse sen os aforros.

–Terá que asumir Ensino e Deporte. Son áreas que lle apetecen especialmente?

–Vou asumir o que deixa Juan Parcero. Con Ensino síntome bastante identificada porque teño dous fillos pequenos e participo na Anpa e no consello escolar do colexio. Sempre entendín que os pais e nais debemos ser activos na comunidade educativa. Creo que podo facer un bo traballo no Ensino. No eido do Deporte vou ir aprendendo pero comezarei xa a contactar coa gran cantidade de entidades deportivas que hai en Moaña. Penso aprender rápido e escoitar moitísimo ao sector deportivo moañés, que é moi maduro e forte.

–Tócalle unha época moi complicada para os colexios, coa crise da COVID-19.

–A verdade é que si. Os colexios requiren este ano máis adicación que nunca. Non me asusta. Por estas circunstancias temos que estar máis pendentes da comunidade educativa e apoiar ao profesorado e direccións dos centros, que están facendo un grande esforzo, así como o alumnado. Temos que defender sempre o ensino público.

–Entra con algún reto especial por diante?

–Gustaríame finalizar algún dos retos estrela que están iniciándose. Como a escola infantil de 0 a 3 anos de Domaio, que me parece un proxecto moi bonito e unha necesidade clara para Moaña e para atraer máis nenos á parroquia de Domaio. No mundo do deporte interésame poder poñer en marcha o centro de ocio e deportivo de O Beque, no que espero traballar con outras concellerías como Mocidade ou Medio Ambiente.

Compartir el artículo

stats