Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De casa-escola a consultorio médico

A mestra Matilde Bares, na fiestra situada á esquerda, na súa casa xunto ao seur irmán Manuel Antonio e a súa familia.

A presentación do proxecto para o derrubo da que foi casa da mestra Matilde Bares, ante o seu ruinoso e perigoso estado, na rúa Eduardo Vincenti está axitando a vida social de Bueu. Están a xurdir movementos e iniciativas para instar ao Concello á súa compra e rehabilitación e así preservar a memoria desta significada veciña. Nesta situación o arquiveiro municipal da vila, Belarmino Barreiro Rosales, aproveita para achegar o seguinte traballo sobre as orixes da edificación e dos seus usos posteriores xa que tras o pasamento da mestra foi mercada, sucesivamente, por dous médicos.

Consta nos fondos do Arquivo municipal de Bueu unha pequena instrución titulada “Expediente promovido por Dª Matilde Bares (Giráldez), veciña desta Vila pedindo varias gollerías. Alcalde, D. Laureano Piñeiro Domínguez”. En realidade, o atado comeza cunha instancia asinada o 7 de xuño de 1905 segundo nela se di, pola profesora do Colexio particular “Virxe das Dores” de Bueu, suplicando un ano antes deste alcalde citado, que polo Concello se lle definan as aliñacións necesarias para a apertura de cimentación nun solar da súa propiedade que leve á construción dunha casa habitación colindante polo sur coa que se está a construír do señor Campos na daquela prolongación da rúa do Príncipe, futuro tramo superior da rúa de Eduardo Vincenti Reguera (adicada o 10 de setembro de 1906 ó deputado en Cortes e promotor en 1904 da Mancomunidade de Concellos do Morrazo).

A primeira páxina da escritura presentada ante o Concello de Bueu, asinada pola mestra o 7 de xuño de 1905.

A primeira páxina da escritura presentada ante o Concello de Bueu, asinada pola mestra o 7 de xuño de 1905.

Para elo a mestra aporta un plano no que xa fai constar na planta baixa “tenda do colexio” e na pranta alta unha distribución de cociña, galería-comedor, salón e cinco dormitorios, dous grandes e tres máis pequenos. Coincide no tempo co ofrecemento feito polo Cardeal Arcebispo de Santiago de Compostela, don Martín Herrera ao Concello de Bueu para a fundación dun colexio católico e misa dominical nesta Vila de Bueu previa dotación do solar polo municipio, acordando este aceptar e dispoñendo 500 pesetas con cargo ó orzamento xeral para 1906.

A continuación consta un segundo escrito de 19 de novembro de 1906, no que a mestra expón que a consecuencia dun exceso de retiro inútil que se lle marcou para unha rúa máis ampla o proxecto de construír no circundado unha capela nas veigas da Barca viuse perxudicado e imposibilitado presentando un perigo certo como consecuencia das augas públicas que inciden na propia casa levantada e, como afirman os intelixentes na materia, esixe do consistorio que se lle franquee a rúa pola liña anterior e se lle rechee de terra o espacio resultante ata a vivenda ante posibles danos e perxuízos. A Corporación resolveu que se a interesada acepta rechear á súa costa o oco existente da parcela sobrante a nivel da canexa quedará eximida de reconstruír o muro de sostemento do camiño que polo sur da súa casa se atopa desfeito e con perigo para os transeúntes.

Un plano co deseño da fachada e parte exterior da vivenda promovida por Matilde Bares, con data de xuño de 1905 e que obra no Arquivo Muncipal de Bueu.

En 1909 dona Matilde interesa a instalación dunha galería e mailo levantamento dun peche en ladrillo polo vento sur co carreiro á Barca séndolle desestimado. No mesmo ano, a Sociedade Gimnasio de Artesanos de Bueu solicita autorización para a celebración de tres funcións teatrais na escola desta casa os días 11 a 13 de novembro. Polo quincenal bueués “El Adelanto” sabemos que en agosto de 1912 durante unha viaxe por Europa, don Manuel Antonio Bares e familia, irmán da mestra e emigrante en Argentina arriba a Bueu onde vai invitar a don Miguel de Unamuno y Jugo, rector da Universidade de Salamanca. En visitas posteriores coincidirá tamén con don Víctor Said Armesto (ligado a Bueu polos veráns que pasou coa súa avoa no pazo do Casal ou Casal dos Picos na Graña), con don Manuel Curros Enríquez e outros intelectuais do momento.

Da saga dos Bares, Manuel Antonio Bares Giráldez é o grande esquecido, posiblemente o máis significado deles (mestre nacional, concelleiro, alcalde, tenedor de libros, xornalista escritor, pensador… e benefactor dende a emigración do seu pobo natal) a pesares que o Pleno da Corporación Municipal de Bueu en sesión de 26 de xuño de 1959 adicoulle a rúa de baixada ó porto, actual tramo inferior da avenida de Castelao. Bueu segue a estar en débeda con el.

Unha foto publicada na prensa da época con motivo do seu 75 cumpreanos.

Unha foto publicada na prensa da época con motivo do seu 75 cumpreanos.

Polo rexistro fiscal de urbana do ano 1922 no distrito da Praia e rúa de Eduardo Vincenti, 34 logo 39, sabemos que a casa escola de Matilde Bares ten 104 metros cadrados en pranta, valor 7.500 pesetas e de contribución pagaba 54 pesetas. Lindaba pola dereita coa canexa do Tombo, pola esquerda con Eugenia Piñeiro, pola fronte coa rúa citada e pola traseira con don Ignacio Lis Lombos. Este era o primeiro da liñaxe dos Lis, médico de asistencia pública domiciliaria da zona primeira.

Outro plano orixinal do proxecto da vivenda, esta vez coa distribución dunha das plantas. | // ARQUIVO DE BUEU

As súas orixes hainas que buscar na parroquia de Santa María de Carballedo, Concello de Cotobade, curmán de Daniel García Lis, casado en Cela e pai do malogrado médico e xuíz de paz, don José García Santaclara pola gripe de 1918. Todos eles emparentados co que fora párroco de Santa María de Cela, don Manuel de Lis Meijón falecido en xaneiro de 1900 e responsable de que os Lises parasen en Bueu.

En 1931 tenta por segunda vez levantar o muro de peche da horta da casa pero desiste finalmente. En 1932 ten lugar a homenaxe popular á mestra xubilada coa recollida de sinaturas do vecindario e antigos alumnos como recoñecemento público e de gratitude a toda unha vida adicada ó ensino.

Cartel co programa da homenaxe que se lle brindou a Matilde Bares no salón Paraíso no ano 1932.

Dende a emigración a Sociedade Hijos de Bueu en América envía unha placa conmemorativa que se empraza na fachada principal da súa casa e que aínda hoxe testemuña aquel acto de afecto e consideración.

O 11 de abril de 1935 perante o notario de Cangas don Hipólito Hermida Oubiña, a casa escola pasa por venda a don Luis Pimentel Gil, médico da Praia e dono do pazo de Santa Cruz. Conseguirá a praza de médico municipal da zona segunda, primeiro interinamente en 1941 e en propiedade no ano de 1944. O valor da vivenda pasa a ser de 12.500 pesetas, pagando de contribución 400 pesetas. El si vai conseguir erguer o muro de peche en ladrillo que garde o circundado da vivenda a linde coa canexa do Tombo nese mesmo ano da compra.

Dez anos despois diante do mesmo escribán, agora de Marín, o 28 de novembro de 1946 merca o inmoble o tamén médico, don Ignacio Lis Alonso, natural de Santomé de Piñeiro e fillo de Lis Lombos e á súa vez pai de Ignacio Lis Cerqueiro, doutor que exercerá na Casa do Mar de Bueu nos anos setenta.

Imagen del estado ruinoso de la antigua casa de Matilde Bares, en la calle Eduardo Vincenti.

Trala revisión catastral de 1953 o valor ascende a 30.000 pesetas e 960 pesetas de contribución urbana anual. Nela instalará o consultorio médico na que fora escola de dona Matilde e casa habitación familiar na pranta alta que aínda lembramos ata a súa xubilación e peche da actividade. En 1983 ten lugar o pasamento do doutor Lis Alonso. Xunto coa Casa Consistorial e mailo baile do Paraíso posiblemente esta casa primeira do Bueu urbano fose a máis concorrida polos veciños durante xeracións.

*Arquiveiro municipal de Bueu

Belarmino Barreiro

Compartir el artículo

stats