O Concello de Moaña converteuse en mecenas da Fundación Rosalía de Castro, como unha das accións adoptadas de cara á celebración, o vindeiro mércores 24 de febreiro, do Día de Rosalía 2021. Para rubricar esta colaboración o propio presidente da fundación, Anxo Angueira, acudiu ao municipio e agradeceu o xesto cunha pequena figueira, “filla” das que a poeta menciona no seu coñecido poema “Adiós ríos, adiós fontes”. A propia alcaldesa, Leticia Santos, e a tenente de Alcaldía, Marta Freire, plantaron xunto a Angueira esta pequena árbore que terá que medrar e dar froitos. Plantouse ao carón do Centro Cultural Rosalía de Castro da parroquia de Domaio, xunto ao busto da matriarca das letras galegas. O acto de irmanamento foi gravado e emitirase a través do Facebook do Concello o propio día 24.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina, explicou que grazas a esta colaboración os escolares de Moaña poderán facer visitas gratuitas á “Casa da Matanza”, na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Ademais, o Concello poderá organizar alí presentacións e outros eventos.

A alcaldesa, Leticia Santos, inaugurou onte o acto referíndose á poeta como “a musa do pobo” e salientando dela “a súa defensa, no século XIX, de valores que aínda están vixentes como a defensa das mulleres, dos máis desfavorecidos e, sobre todo, o orgullosa que sempre estivo da nosa identidade e da nosa fala”.

Marta Freire, pola súa banda, fixo fincapé tamén nos “valores de loita feminista e ecoloxista que representa hoxe en día Rosalía, que segue a ser un referente de Galicia”.

Anxo Angueira intervén ante o busto de Rosalía. | // GONZALO NÚÑEZ

Anxo Angueira pechou os discursos poñendo en valor o exemplar da figueira que se plantaría inmediatamente despois “e que vén da horta da casa de Rosalía para esta terra de Domaio”. Sinalou que a poeta “é de todos pero, sobre todo, é de todos aqueles que queiran ser de Rosalía”, por iso agradeceu que o Concello se fixese mecenas da casa-museo “nun tempo tan complicado, pois tivemos que estar pechados demasiado tempo”.

Angueira botou man das dificultades actuais para sinalar que “cómpre celebrar a Rosalía, porque con ela naceu tamén unha esperanza e unha ilusión para Galicia en tempos moi difíciles. Amosounos que hai que confiar no noso pobo e no futuro e estar no bando dos humildes e da nosa lingua”.

Poesía, rap e TikTok

O Día de Rosalía, que se celebra este mércores 24, contará cunha morea de actividades organizadas polo Concello de Moaña de xeito telemático. Pola mañá, os alumnos de todos os colexios asistirán, desde as aulas, a unha actuación musical de Marcos Acuña. Xa pola tarde, no Facebook do Concello e á partires das 20.00 horas, actuará o cantautor Tino Baz, que interpretará catro temas do seu disco de obras da poeta de Padrón. O festival online estará seguido por unha versión de “Negra Sombra” en hip hop a cargo de Sebastian Black e It´s Soul. Neste mesmo vídeo emitirase á plantación da figueira gravada onte. Tamén, dende Mocidade, organízase no instituto As Barxas unha gravación de TikToks dos alumnos imitando as coreografías de “The Lelli Kellies” para os máis pequenos e de Sebastian Black para os alumnos maiores.