Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A orixe do casco urbano de Moaña

A Praia e os lugares colindantes nunha foto de Pacheco do ano 1914./ Arquivo A.C. Nós

O catastro de 1752 fai unha descrición polo miúdo dos poucos veciños de Moaña que vivían da pesca e do número de dornas que dispoñían para esa tarefa: só cinco, unha delas de carga e pasaxe; o embarcadoiro atopábase no Puerto de la Martinga, documentado nunha escritura feita polo escribán dos Piñeiros, Agustín José del Monte, na data do 25 de outubro de 1740; por medio dela, os veciños da parroquia de san Martiño danlle poder a dous procuradores da audiencia para que os defendan nos tribunais, diante dos recadadores de impostos de Vigo, polo abuso nos tributos. Desta maneira está descrito o feito nun anaco dela:

... por cuanto los administradores de la Villa de Vigo han venido al puerto de la Martinga sito en esta dicha feligresía a impedir que un patache que cargaba de sardina en dicho puerto de la Martinga Anclado en tierra, no lo hiciese sin pagar los derechos de Alcabala, y al mesmo tiempo estorbar, que los barcos y lanchas que se las traian y vendían no lo executasen …

Dito peirao estaba situado na zona da denominada Praia da Martinga onde vertían ao mar as augas do regueiro de tal nome formando unha pequena enseada, hoxe reenchida. O areal foi descrito como Playa de la Martinga, nunha partida de defunción asinada polo abade de Moaña, D. Pedro Saavedra de Yebra, para dar conta de que, na data do 15 de novembro de 1810, apareceu afogado alí Manuel Piñeiro, home de María Lago.

Cadro que representa "A Praia" a comezos do S. XX, co areal e o núcleo da Martinga.

Nunha relación de moañeses maiores de 25 anos e das aldeas onde residían, inscrita en 1724 no libro de contas da confraría parroquial do Santísimo Sacramento, aparece Quintela como a terceira máis poboada de Moaña, despois de Verducedo e Broullón; descoñecendo os motivos polos que no catastro do marqués de la Ensenada de 1752, con 27 casas, retrocedeu varios postos

Entre 1845 e 1850 o polifacético Pascual Madoz publicou 16 grosos tomos do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España onde, ao referirse á freguesía de Moaña (San Martín) describe, entre outros datos, que estaba composta por 29 lugares que reúnen máis de 490 CASAS. Na relación deles, Quintela seguía como lugar único.

Con respecto ás terras onde estaba situado o pequeno lugar de A Martinga, Xosé Carlos Villaverde cita o seguinte:

"Hai documentos nas rendas da casa do Rosal que cobraban do lugar de As Martingas, non dicían “Praia”, porque se referían a terreos concretos. Por exemplo. Vicenta pagaba ¾ ferrados de millo (1810). Lorenzo Durán tiña escritura de retrovenda (1817). Antonio Freire vendeu un terreo de ¼ menos dúas varas (1807). Domingo da Cruz e José Paz, pagaban rendas por ter viñas no Barreiro (topónimo desaparecido) das Martingas (1816)".

No capítulo XII do libro A freguesía de Moaña de Manuel Uxío García, Xosé C. Villaverde e Luís Chapela, o propio Villaverde, despois de inserir unha páxina do censo de 1860 no que se constata a división de Quintela en dous lugares: Quintela, con 47 casas e Martinga con 18, aporta o seguinte dato:

O barrio da Praia non aparece como tal.

Proseguindo coa ribeira do mar moañés, o seguinte areal formaba parte da Miranda e da Xeira, lugares en que as poucas casas existentes atopábanse lonxe dunha praia dedicada a subministrar moluscos, especialmente berberechos e ameixas, para o consumo dos moañeses. Esta praia continuaba pola antiga aldea de A Seara que no ano 1752 dispoñía de dúas casas cando, Verducedo, continuaba sendo a máis poboada con 47 e lle seguía Abelendo con 38.

Despois de todas as investigacións sinaladas e de analizar o censo de 1877, aportado tamén por Villaverde, obsérvase que, pola primeira vez, aparece o seguinte lugar:

Playa – Lugar – Edificios, 37

O Documento do censo de 1877 onde se indica que "Playa" tiña 37 edificios. | // A.C. NÓS

Ao mesmo tempo en que dito censo constata, oficialmente, a existencia do actual barrio moañés da Praia, deixa de citar A Martinga como lugar pois, a súa zona estremeña coa ribeira do mar, xa dependía do novo barrio e, o resto da súa superficie integrouse de novo a Quintela que se converte no lugar máis poboado de Moaña con 96 casas.

Os motivos polos que, a ribeira do mar de Moaña estivo practicamente despoboada durante tantos séculos, resúmenos Villaverde da maneira seguinte:

"O asentamento da vivenda lonxe da costa, posiblemente obedecía a unha estratexia, a fin de evitar o fácil acceso á pirataría que, durante séculos, azoutou a costa galega".

Este novo barrio, xunto co de Seara e, actualmente, o do Rosal conforman o moderno centro urbano moañés.

*Investigador da historia local e próximo “Cronista Oficial” de Moaña.

Compartir el artículo

stats