Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

Para que haxa algo de luz (sobre os acordos en ACE)

Militantes e integrantes da candidatura electoral de ACE celebran os resultados na súa sede. | // FDV Mª José González Domínguez*

Seguro que os 2.301 votantes de ACE nas eleccións do 2.019 están completamente desorientados e asisten incrédulos ás últimas declaracións públicas.

Eu, humildemente, dende a miña complicidade vital e política co meu home Xosé Manuel Pazos, quero aportar unha testemuña sincera de feitos verdadeiros e acordos que poden ser confirmados por outras persoas.

1º: Nas eleccións municipais de 2.015, ACE presentou a súa lista froito do acordo entre as organizacións lideradas por Xosé Manuel Pazos e Mariano Abalo. Cando non se tiña decidido quen encabezaría a candidatura, Abalo preguntou a Xosé Manuel cal era o seu parecer e el expresou a opinión de Esquerda Unida: quen fose o candidato á alcaldía completaría a lista co número 4; e, ao outro sector, corresponderíanlle os postos 2 e 3. Deixouse que fose Mariano Abalo quen elixise en primeiro lugar, e el optou polos postos 2 e 3, pero sempre cun reparto equitativo dos outros postos.

2º.- Nas eleccións de 2.019, os partidos ANOVA, PODEMOS e ESQUERDA UNIDA asinaron un escrito de Constitución dunha Coalición Electoral (12 de abril de 2.019) nun ámbito territorial a nivel galego que, en Cangas, chámase Alternativa Canguesa de Esquerdas- SON EN COMÚN. E, o seu logotipo, Alternativa Canguesa de Esquerdas.

De novo partiuse da premisa anterior (1 e 4; 2 e 3) e sempre mantendo o equilibrio na representación. Mariano Abalo comunicou que el iría de número 3 xa que o nº 2 sería para Vitoria Portas, que non entrou como independente nin froito dunhas primarias, que non houbo, senón que entrou no cupo que lle correspondía a ANOVA.

Pero nese intre había un novo protagonista: Podemos Cangas, cuxas pretensións cara á formación da lista non saíron adiante. Nese contexto, Mariano Abalo expresou a idoneidade de incluír na lista, como Nº 4, a Maite Villar á que presentou como militante de Podemos. A xenerosidade política de Esquerda Unida, fixo que Aurora Prieto pasase ao número 5 da candidatura, cando o acordado era que ocupase o 4. Se Mariano Abalo fixo naquel momento esa proposta, por que non foi el quen pensando altruistamente renunciase a un dos postos 2 ou 3 pactados para a súa organización?

Pero as cousas non eran como semellaban. O mesmo día que remataba o prazo de presentación das listas electorais, PODEMOS Galicia fixo saber a Xosé Manuel Pazos que non asinaría dita lista diante da Xunta Electoral de Pontevedra, impedindo a súa presentación, porque non recoñecía a Maite Villar como militante do seu partido. Lembro a conversa mantida porque eu nese momento acompañaba ao meu home no hospital, ingresado por neumonía. A pesar da súa situación, mantivo diferentes conversacións telefónicas durante o día non so con PODEMOS Galicia, senón con ANOVA, que lle fixo saber que Mariano Abalo xa non militaba na súa organización.

Xosé Manuel Pazos Varela, líder da candidatura de ACE. | // FDV

Grazas a intervención de PODEMOS estatal e a que ANOVA se referiu a Xosé Manuel Pazos como o seu interlocutor en Cangas, a candidatura de ACE puido presentarse finalmente. Xosé Manuel Pazos nunca fixo públicas estas conversas porque era un POLÍTICO con maiúsculas, sempre procedendo de forma limpa e leal.

Cando Maite Villar dimitiu por motivos persoais, en certa forma, fíxose xustiza con Esquerda Unida que recuperaba o pactado nº 4 da lista e un posto de concelleira.

Pero xa non é posible seguir calando, porque Xosé Manuel non dimitiu, non se quixo marchar, morreu. E era o momento de que Abalo e os “independentes” que o arroupan cumpriran co acordo político de reparto ao cincuenta por cento dos catro primeiros postos da lista e ser eles os leais e xenerosos agora, por unha vez acaso. Repito, sen o prestixio político do que Xosé Manuel gozaba dentro de ANOVA E PODEMOS, nese día crucial, nin Abalo nin Portas terían sido concelleiros, nin podería entrar Adrián Pena como pretende, substituíndo ao falecido alcalde.

Antes de que se puidera reunir a coordinadora de ACE (3 representantes de EU e 3 dos “independentes” de Abalo) xa estes últimos decidiran que se solicitase a acta para Adrián Pena, sen consultar a Aurora Prieto nin a Esquerda Unida. E, nun acto insólito, convocaron unha Asemblea que pretendía ser de ACE, sen a aprobación necesaria de Esquerda Unida, e mesmo sacaron un comunicado público en nome de ACE, que non ten ningunha lexitimidade democrática.

Pero, o que se interesa é un goberno de esquerdas en Cangas, por que tanto interese en quedarse con tres dos catro concelleiros? Pido publicamente que haxa unha recondución da situación para que todos os votantes de ACE se vexan respectados de acordo a uns pactos políticos que algúns rapidamente esqueceron.

Nun artigo anterior, manifestei o que Xosé Manuel diría se estivese vivo: que o seu legado político correspóndelle a Esquerda Unida. E o seu xeito de gobernar, como alcalde dialogante e amigo dos acordos, solo a el lle pertence. Cada quen que se faga merecedor/a da súa traxectoria política e que non pense en gobernar reivindicando a cada paso o seu nome, cando non ten lexitimidade política nin persoal para facelo.

*Viúva de Xosé Manuel Pazos e militante de Esqueda Unida

Compartir el artículo

stats