Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Serafín Parcero | Escritor

“Moitas personaxes da historia galega tiveron unha vida digna dunha película”

Serafín Parcero posa cun exemplar de “As illas dos deuses”.   | // GONZALO NÚÑEZ

Serafín Parcero posa cun exemplar de “As illas dos deuses”. | // GONZALO NÚÑEZ

Serafín Parcero (Moaña, 1955) vén de publicar a novela “As illas dos deuses” (Ed. Xerais) na que ficciona parte da vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co telón de fondo da represión de posguerra e cos escenarios de Bos Aires a das Illas Cíes como marco espacial do relato.

–No ano 2000 gañou o Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña e o concurso de Narracións Breves da AA.VV. Nós de Darbo. Como foi o salto a escribir unha novela?

–Foi unha evolución natural. O da Lonxa o gañei con “Contrabando” e o de Nós co conto “O verán no que Manolo Escobar veu actuar nas festas do Cristo”. Despois, no 2008, gañei o Certame de Relatos de Muller “Matilde Bares” coa obra “Ollos de cinsa”, que xa foi un relato máis longo, de ata 30 páxinas. Pero facer unha novela longa tamén o tomei como un reto. Xa a tiña comezada dende había moitos anos.

–A idea de “As illas dos deuses” róndalle pola cabeza dende hai moito tempo, entón?

–Si. Dende hai moitos anos. Quería situar un suceso dramático nunha illa pero non daba avanzado. Cando incorporei a personaxe de Castelao as cousas comezaron a ir rodando. A novela estaba comezada dende antes de ter ordenador. Pero despois conseguín rematala en menos dun ano.

–E como tivo a idea de ficcionar a vida de Castelao?

–Foi comparando varios debuxos de Castelao coas paisaxes de Ons, como a portada do poemario “Vento Mareiro” de Cabanillas. Ocorréuseme facer pasar ao galeguista por Ons. Despois todo o argumento veu rodando. No ano 2016, co título “Insulae Deorum”, foi presentada ao Concurso de Novela Torrente Ballester. Chegou a ser finalista dun total de 101 obras presentadas nesa edición. Por iso fixen unha primeira autoedición.

–¿Cal foi a súa experiencia autoeditando?.

–Pois é un proceso bastante difícil. Ás veces foi un pouco frustrante. Estou moi agradecido da aposta que fixo Xerais pola novela cun traballo tan profesional e unha portada preciosa, obra de Andrés Meixide.

–As obras arredor da Guerra Civil ou a posterior represión adoitan ser moi realistas. É chamativa a súa aposta por unha ficción que reescriba parte da vida dunha personaxe tan coñecida como Castelao.

–En realidade “As illas dos deuses” ten moitos elementos de verosimilitude. De feito, algunha xente me pregunta se Castelao estivo na illa de Ons e buscou bibliografía ao respecto. Que eu saiba non. Non fago unha biografía nin unha novela histórica, senón unha historia dramatizada con personaxes e feitos reais, pero a maior parte son feitos que parten da miña imaxinación. Estivo en Ons outro membro da Xeración Nós como Álvaro das Casas, que publicou un estudio sobre esta illa e serviume de documentación.

–Temos a asignatura pendente de traballar máis na ficción con grandes protagonistas da historia galega, non?

–Si. Eu non son historiador, pero son un grande admirador da obra de Castelao. De todos os xeitos, a historia e a cultura galega está chea de personaxes moi notables que poderían dar lugar a novelas e tamén a películas ou series, como Pedro Madruga, a mesma Rosalía ou Curros.

–Por que enmarcou en Ons a novela?

–Pola paisaxe. Cos piñeiros retortos tan característicos da beiramar. Ademais, naqueles momentos Ons era unha illa habitada con máis de 200 veciños, escola, capela... para o meu drama precisaba unha illa con protagonistas. Cíes a comezos do pasado século tamén estaba habitada, pero tiña menos dunha ducia de veciños.

–Coa personaxe do falanxista, busca amosar que non hai malos absolutos?

–É unha personaxe con reminiscencias cinematográficas. Todos estamos moi influidos pola linguaxe do cinema e das series. Inspireime nunha personaxe de Spencer Tracy, que é un policía manco. Neste caso sería un policía malo, que demostra que ao coñecer o seu pasado logra cambiar. É unha metáfora da importancia de coñecer a nosa memoria oculta durante tantos años. Hoxe, grazas a asociacións da memoria histórica coñecemos as barbaridades que houbo en Galicia na guerra e na posguerra.

–Os confinamentos aos que estamos sometidos dende vai un ano, axudan á creatividade literaria?

–A min o que me proporcionou máis tempo foi a xubilación. Pero é verdade que se algo bo ten esta pandemia horrible é o tempo para ler e facer cousas. Estou corrixindo outra novela e traballando nunha terceira, que quero ambientar na Idade Media.

Compartir el artículo

stats