Quixera aproveitar a oportunidade que me ofrece o xornal FARO DE VIGO para amosar o meu máis profundo agradecemento a todas as institucións públicas e privadas, asociacións de todo tipo, sindicatos, partidos políticos, medios de comunicación, cargos públicos e mulleres e homes do mundo da cultura que, xunto a amigos e a outras moitísimas persoas, non só de Cangas senón tamén doutras partes de Galicia e do resto do Estado, tiveron a ben expresar publicamente e, tamén privadamente, palabras de recoñecemento dirixidas ao meu home Xosé Manuel Pazos, recentemente falecido. Non é posible citarvos un por un, seguro que deixaría a alguén fóra e non sería xusta. Grazas a todos e todas por tanto.

No medio deste terrible desamparo, síntome acubillada polo desexo de algúns de vós de dar a coñecer a súa traxectoria e as experiencias de vida que compartistes con el. As vosas verbas agarimosas convértense en xanelas a través das cales, moita xente que non tratou persoalmente a Xosé Manuel, poida coñecelo.

Porque el era así como o describides: mestre querido polo seu alumnado, home de teatro, galego comprometido coa lingua e a cultura e, tamén, político, que dende unha ideoloxía de esquerdas, entendía esta profesión cunha vocación de servidor público, honesto e dialogante. Sempre quixo ser un alcalde próximo, recibindo a todo aquel que o pedise, independentemente das súas ideas, falando e escoitando queixas e peticións da veciñanza que o paraba na rúa nos paseos que tanto lle gustaba dar... E, nesta xanela que eu abro aquí, quero que saibades que era un home alegre e cheo de enerxía que imaxinou unha “Cangas amable” para mellorar a vida cotiá dos seus habitantes, sen esquecer os grandes retos da vila. A súa axenda do 2.021 xa tiña marcadas xuntanzas, compromisos, eventos... que chegaban ata o mes de decembro pensando na resolución de temas como o PXOM, o PMUS, a eficiencia enerxética, o CAR, a circunvalación...

Quero expresar o meu agradecemento aos oncólogos que o acompañaron na loita contra a enfermidade, pero en especial ao seu médico e amigo Paco Bujalance. Con eles venceu moitas batallas que fixeron posible a curación durante un tempo feliz. Mesmo, hai uns días, recibira moi boas noticias na súa derradeira revisión, mais como el escribiu nas redes sociais “isto, como se sabe, é unha caste de ruleta rusa á que apostamos día a día”, aproveitando para mandar ánimos a todos os que están a manter a mesma loita que el mantivo.

Quedará na memoria colectiva o emotivo aplauso dos traballadores do Concello que o acompañou na súa derradeira entrada nas dependencias municipais e o inmenso respecto co que foi levado o seu cadaleito por membros da “súa policía local”. Gracias a este Corpo, a Protección Civil (tan querida por el) e a moitos traballadores do Concello que fixeron posible que o seu velatorio e enterro puidese celebrarse con tanta precisión e respectando todas as normas sanitarias anti-covid.

Seguro que serán moitos e moitas os que lembrarán o seu traballo como alcalde nestes practicamente seis anos, non so aqueles e aquelas que confiaron nel para revalidar o seu segundo mandato, encabezando a lista de esquerdas máis votada.

E do que estou segura e de que el, como político honrado e leal que era, desexa e espera que o seu legado político, que deixa despois de décadas de xenerosa entrega, recaia no seu partido de militancia política, Esquerda Unida, formación que co seu impulso soubo ver que era necesaria a confluencia, con outros pareceres, para formar unha candidatura de Unidade Popular, ACE.

O respecto escrupuloso aos pactos políticos acordados, a ética e a moralidade públicas así o esixen.

*Viuva do finado alcalde da vila Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela