Súmome de xeito absoluto á petición de Etelvino Vázquez e de Antonio Pazos para que o Auditorio Municipal de Cangas leve o nome de Xosé Manuel Pazos.

Xosé Manuel, creador multifacético, dinamizador cultural, activista social e xestor político, ten merecemento abondo para tal recoñecemento e lembranza.

O Auditorio de Cangas foi obra dun impresionante esforzo común de moitos colectivos culturais, sociais, educativos, veciñais etc. e da mobilización de centos de canguesas e cangueses. Ao final, tanto traballo pagou a pena.

Penso que todos estaremos de acordo en que o nome de Pazos encarne esa loita colectiva.

Naturalmente, o Auditorio é un fito, mais tamén un punto de partida dende o cal seguirmos reivindicando e obtendo outros equipamentos necesarios en todos os eidos.

Permítaseme facer alusión a outro amigo tamén desaparecido recentemente e que foi fundamental na consecución do Auditorio: Xosé Pereiro Francés.

Grazas a Xosé Manuel Pazos, a Pepe Pereiro e a centos de cangueses e canguesas máis ou menos anónimos demostrouse que coa razón unida á intelixencia e a perseveranza as melloras son posíbeis. A miña homenaxe a todas elas e eles

* Escritor e mestre de Cangas