Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Auditorio Municipal de Cangas “Xosé Manuel Pazos”

O irmán do finado alcalde reivindica que se lle dea o seu nome a ese espazo para a Cultura polo que tanto loitou

O Auditorio Municipal de Cangas, tras ser inaugurado o 18 de outubro de 2001. | // G. NÚÑEZ

Vimos de sufrir unha perda terrible, unha perda irreparable. Fóisenos un referente, un faro, unha persoa admirable. Pra min, se-lo irmán de Xosé Manuel Pazos Varela sempre foi algo que me encheu de orgullo, teño que dicilo porque o sinto de corazón.

Nestes dous días tan terribles que estamos pasando, o máis duro, o que máis nos está custando, é o de asimilar que nunca máis o volveremos ver; iso é o máis difícil de aceptar. Levo dous días lendo os comentarios nas redes e (iso é algo que me enche de satisfacción, faime chorar pero tamén me axuda a levalo mellor) todo o mundo coincide en que era UN HOME BO, así con maiúsculas. Así que a familia perdeu un gran home, pero Cangas perdeu un gran Alcalde (aínda que algúns non o saiban ou non o queiran saber).

Era un gran loitador (loitou contra a enfermidade ata o último momento), un gran traballador que morreu coas botas postas (un par de horas antes de irse, dende a cama do hospital, aínda estivo asinando documentos para o Concello), un home íntegro, honrado e comprometido.

Sabemos de sobra que vai pasar á historia de Cangas e á de Galiza, tanto no eido da política como no eido cultural. Que se pode engadir do seu labor no campo da cultura que non estea dito xa?

Puxo a Cangas no mapa

El foi (xunto con outros, evidentemente) o que puxo a Cangas no mapa do TEATRO, tanto a nivel de Galiza como de toda España. E, por suposto, non podemos deixar de recoñecer que, se Cangas conta hoxe cun precioso Auditorio, iso é grazas a el. Loitou, traballou e pelexou con todo o que se lle puxo por diante pra conseguilo.

Como é de ben nacidos ser agradecidos, quero aproveitar pra pedir ó futuro Alcalde ou Alcaldesa de Cangas e ó resto da Corporación Municipal que movan os fíos necesarios pra concederlle a Xosé Manuel a homenaxe que merece e que creo que lle faría moitísima ilusión a el, e que enchería de orgullo a todos aqueles que o querían e o respectaban como persoa, como referente cultural e como Alcalde.

Creo que é de xustiza recoñecer que o Auditorio de Cangas debe levar dende xa, o seu nome: AUDITORIO MUNICIPAL DE CANGAS “XOSÉ MANUEL PAZOS”

Compartir el artículo

stats