Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XOSÉ MANUEL PAZOS VARELA | Alcalde de Cangas

“A familia quéixase e sempre quere máis, pero xa sabe que é o meu ultimo mandato”

Pazos, visto a través dunha máscara teatral do seu despacho, mentres realizaba xestións.   | // G.M.P.

Pazos, visto a través dunha máscara teatral do seu despacho, mentres realizaba xestións. | // G.M.P.

A semana pasada, unha mestra de 5º curso de Primaria no Ceip A Rúa, de Coiro, encargoulle ao seu alumnado facerlle unha entrevista a algunha persoa cun oficio ou traballo peculiar, dos que non abundan no municipio. Gonzalo Martínez Villanueva decidiu solicitarlla ao alcalde, “porque só hai un en Cangas”, por ser orixinario da parroquia e adicarse tamén ao ensino. Xosé Manuel Pazos aceptou a proposta. Acordaron que o xoves lle remitía un cuestionario, como así foi, para ir “entrando en materia”, e o luns pola tarde (antonte) quedarían no Concello para grabala e facer fotos que formarían parte do traballo escolar. Pazos, moi canso polo prolongado tratamento, respondeu o venres en “formato curto” para que servira de base ao encontro previsto, pero este non chegou a producirse porque pouco despois tivo que ser ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro, donde faleceu. Esta é a conversa que mantiveron.

Elixo a Xosé Manuel Pazos porque ten un traballo peculiar, xa que só hai un alcalde ou alcaldesa en cada Concello, e el é, nestes intres, o de Cangas, que ten uns 26.500 habitantes. Ademáis, é mestre de profesión e tradutor de libros ó galego, entre outras ocupacións. Entrevistámolo para coñecer mellor o seu oficio.

– En que consiste o teu traballo? Gústache facelo? Estás satisfeito cos resultados?

– É tan fácil de definir como difícil de realizar. Consiste en tentar facerlle a vida máis fácil a todos os habitantes do Municipio, dotar a todas as zonas que se poida de servizos básicos (saneamento, abastecemento, infraestruturas viarias, servizos sociais, educativos e culturais de calidade. Ninguén me obrigou a asumir este cargo e fágoo o mellor que podo.

– Como organizas a túa xornada laboral ? (axendas, citas, reunións, visitas...) E como está a afectar a pandemia do coronavirus no día a día municipal?

– Traballo cun gabinete de persoal moi eficiente, que me organiza a axenda de traballo no día a día, e así a tarefa lévase mellor. Respecto da crise do coronavirus, afectou e afecta á organización moi negativamente, pois no Concello de Cangas en xeral estamos a traballar coa metade do persoal de xeito presencial nas oficiñas e a outra metade telemáticamente para evitar contaxios. Así sempre hai dous turnos que non coinciden nas dependencias e os riscos son menos.

“A familia quéixase e sempre quere máis, pero xa sabe que é o meu ultimo mandato”

– Que tal é a relación cos demais membros do Goberno, da oposición e tamén coa plantilla do Concello?

– A nivel persoal boa, mesmo moi boa con algunhas persoas, máis aló dos desencontros políticos. Co persoal municipal, a relación é mellor con aquel que teño mías contacto, claro.

– Que é o mellor e o peor do teu cargo?

– O mellor é ter a posibilidade de tomar algunhas decisións que poden arranxar problemas, solucionar necesidades da xente. O peor é que moitas veces nin se pode.

– É Cangas un Concello difícil de gobernar?

– Hainos máis fáciles, ben é certo, pero ten que ver máis co tamaño do Concello que coa complexidade dos seus problemas e habitantes. Aínda que Cangas ten moitos problemas históricos sen resolver, iso é certo, e hai que ir botándolle man conforme se poida.

“A familia quéixase e sempre quere máis, pero xa sabe que é o meu ultimo mandato”

– Cales son os teus mellores e peores momentos na política?

– O mellor, probablemente, cando me nomearon alcalde de Cangas no ano 2015. É unha gran honra e tamén supón unha enorme responsabilidade. O peor momento, cando fracasou o pacto cuatripartito da esquerda no ano 2019.

– Á marxe do posto institucional, a túa profesión é mestre. Cal que resulta máis satisfatorio?

– As dúas son satisfactorias, senón non as exercería. Pero por anos de dedicación e polas persoas coas que levo traballado, escollo o maxisterio, sen dúbida. Foron máis de 32 anos de dedicación e de experiencia moi boa.

– Déixache tempo a política para disfrutar da vida persoal e familiar? En que ocupas ese tempo? Que pensan os teus achegados?

– Imos capeando a axenda como podemos. No pouco tempo que me queda, leo moito, todo o que podo. Agora, por motivos de saúde, paseo menos. A familia quéixase porque sempre quere máis, pero xa saben que é o meu último mandato, que non seguirei no cargo. Polo tanto conforman mellor.

“A familia quéixase e sempre quere máis, pero xa sabe que é o meu ultimo mandato”

– Tamén eres home de teatro, escritor e tradutor de libros ao galego. Cal de todas che produce máis satisfación? Ten tamén a política algo de teatro?

– A escrita teatral e a tradución sempre foi unha das miñas principais debilidades creativas. E nelas sigo porque me dan moita satisfación. Se a política caese no teatro sobreactuado, que é no que cae moitas veces, estaríamos moi mal.

– Pensas deixar algunha vez a política ou exercer un cargo ou traballo institucional de por vida, morrer coas botas postas como se di popularmente?

– O meu pensamento é xubilarme no ano 2023, con 65 anos e 44 cotizados de vida laboral. Son as previsións que fago, porque quero dedicarme aos meus trafegos. Desde logo, traballo institucional, ningún máis. E vivir da política, aínda menos. Pero seguirei na miña organización política como militante de base, iso si.

Grazas, Xosé Manuel Pazos, polo teu tempo e dedicación.

Compartir el artículo

stats