Non nos xorden as palabras, non temos voz, afónicas de dor, de impotencia, de ausencia... O teatro do Morrazo, de Cangas, o teatro galego, esta Mostra ten crebado o sorriso, triste aceno debuxado no rostro, como no lenzo de Munch lanzamos un berro seco, xordo, mudo, un berro que implosiona en cada un dos nosos corazóns. Vimos de perder a un dos principais impulsores desta Mostra, aquel que a imaxinou, aquel que a dirixiu, aquel que loitou sen descanso ate que o soño dun Auditorio Municipal para o Morrazo fora un feito. Deixounos Xosé Manuel, Pazos, Xosé Manuel Pazos Varela, un home alegre, activo, positivo, traballador incansable a prol da educación, da cultura, do teatro. Xeneroso impulsor das artes escénicas, da MITCFC, dende aqueles comezos nos que el e todo o equipo daqueles primeiros anos traballou arreo, programando, cargando e descargando, montando escenarios e ate arriscando a propia economía para que esta Mostra chegara a bo porto en cada edición. Anos ilusionantes e difíciles nos que o seu optimismo e a súa xiria conseguiron facer da vila de Cangas un referente universal das artes escénicas, da comedia, do bo humor, do bo facer. Hoxe vaise un home de teatro, un artista, un home de ben, un amigo, o Alcalde de Cangas, o Alcalde do Teatro. Sempre entre nós, Pazos, no corazón do escenario, entre bambolinas.