Pensabamos que inda íamos a brindar en vindeiros 27 de marzo, arredor do Día Mundial do Teatro. Levaba un tempo cunha fortaleza que nos sorprendía a todas e todos. Ergueito, con ánimo e forza, ía dobregando todas as dificultades que se presentaban, vencendo e botando abaixo os malos presaxios (cores amarelas, caraveis, espellos,…) que se interpoñían no camiño e que se atribúen ao mundo da farándula. A súa familia, a profesión, a participación na vida política e socio-cultural,.. pero a súa vida foi e será o Teatro. Foron case 50 anos, foi case toda a súa vida, a expresión teatral dende aqueles primeiros momentos a mediados da década de 1970. Sempre tivo moi claras e moi presentes aquelas citas de Voltaire e Lorca: “ Quen condene o teatro, é un nemigo do seu país” (Voltaire), “ Un pobo que non axuda e non fomenta o seu teatro, se non está morto, está moribundo” (F. García Lorca). Compartimos amizade, parroquia matria de Coiro (Xosé Manuel de nacemento, eu de adopción), profesión, actividade política, … e moitos soños e iniciativas. A inicios da década de 1980, a nosa relación socio-cultural foi moi intensa. A participación no Grupo de Teatro “Matamoura” baixo a súa dirección: a alegría de convivir festa e ledicia nas Comparsa “Os Ruáns” e a Murga “A ti que che importa”; aquela fin de semana teatral en Lubián nas súas queridas terras de Sanabria,o nacemento de Xiria e a organización das Primeiras Mostras de Teatro... Compartimos oposición e goberno na política local de 1993 a 1998, cando saíu elexido deputado ao Parlamento de Galiza, e con posterioridade no pretérito mandato (2015-19). Quero lembrar aqueles momentos da cea no ano 1998 (sendo alcalde de Cangas o noso común e benquerido amigo Euloxio López), cando se estaba a rodar en Cangas “ A noiva de medianoite” e celebrar a alegría contigo, Paco Rabal, Paco Bujalance, Camilo Camaño... Dende a súa última óptica e plantexamento políticos, Esquerda Unida, nós dende o nacionalismo do BNG, pero sempre compartindo afecto e respecto mutuo. Recoñecemento tamén dende o movemento asociativo da Memoria Histórica. A vida sigue, o teatro non baixa o telón. Quero despedirme de tí co epitafio de Moliére, escrito por el mesmo: “ Aquí xace Moliére, o rei dos actores. Nestes momentos fai de morto”. Viva o Teatro! Viva a Amizade!. Eternamente, unha grande aperta!

*Exedil do BNG de Cangas