O chamado Corredor do Morrazo inaugurouse o día 2 de decembro de 2005 ás cinco e media da tarde, polo daquela presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e a conselleira de Política Territorial María José Caride. Esta vía rápida de triste memoria, comezara a construirse o 9 de maio de 2003 con Alberto Núñez Feijóo á frente da mesma consellería quen con moito dixo que inauguraría este vial xa no verán anterior, 18 meses antes do previsto.

Xa lle dedicamos tempo e espazo ao sistema viario das rotondas que proliferou procedente das antigas glorietas para facer o tránsito viario máis fluido e menos custoso ao se evitar e aforrar a instalación de sinais semafóricos. Contodo, este “avance” viario, a veces mal aplicado, tivo repercusión na seguridade dos peóns e por iso se executan obras e accións neste sentido. Incluso os condutores, nas seudorredondas de menos de vinte metros, se ven privados de visibilidade polos diferentes artefactos e esculturas que adoitan colocarse nelas. Unha das redondas con escultura que cumpre coas medidas e que alcanzaría gran popularidade en Cangas desde que se construiu a vía rápida, foi a denominada “do Gordo” pola estatua ciclópea e oronda, cal loitador de sumo xaponés, que preside a entrada da vila. Agora, cando cumpre os quince anos, xa foi obxecto dun “lifting” que non lle afectou á escultura que quizáis o necesitase máis, senón aos viais para máis seguranza dos peóns como xa indicamos. Visto o visto, cabe que este espazo xa emblemático a quen mellor lle correspondería con máis motivos e mérito, sería á unha efixie do noso egrexio trobeiro Xoan de Cangas pero os tempos xa son andados. Contodo, ainda é posible manexar unha proposta de futuro para esta oronda figura estática, que leva quince anos sen facer nada, como sería a sua “robotización” e que fose ela mesma quen dirixise o tránsito rodado e peonil e que incluso saudase, dándolle a benvida aos que nos visitan.

No ámbito artístico, estas esculturas que se se exhiben ao ar libre en parques, xardíns, ruas, redondas... ou as pinturas murais que adoitan decorar fachadas e medianeiras reciben o nome de arte invasivo por estaren ubicadas fóra do ámbito museístico. Desde a colocación desta escultura en 2005 e como aconteceu tamén con outras, a figura que preside esta redonda xa recibiu varios bautismos populares, trunfando finalmente o alcume de “O Gordo” ainda que o nome que lle puxo o escultor fose o de “Avance” pois esa semella ser a sua actitude, lenta pero menos estática que outras obras do autor. Descoñecemos quen deu o beneplácito e aceptación da estatua pero si sabemos que en principio ía ser outra escultura do mesmo artista, Ramón Conde, a que se ía colocar no lugar pero que foi rexeitada pola rotunda e explícita desnudez do que el chama “homes montaña”. Precisamente, unha colección de humanos “montaña” baixo o nome de “O Poder” crearían no pasado ano, gran polémica entre o clero de Santiago.

A respecto do “Gordo” de Cangas cabe aclarar que cando chegou á nosa vila xa contaba ao menos con 13 aniños e polo tanto agora tén xa 28, seguindo alleo e estático ante as polémicas e sen mostrarse nada “invasivo no seu avance”. E aí o temos impertérrito e moi quediño, quince anos despois, gañando a popularidade e o agarimo dos veciños ata tal punto que xa nas eleccións de 2007 e por contar “con máis razóns de peso” que ninguén, foi proposto para alcalde, ainda que sen moito éxito pois non presentou candidatura nin programa. Andando os anos, a estatua veu afrontando como un anacoreta a soedade e a intemperie grazas á solidariedade dalgúns veciños que cara o Día dos Inocentes procedían a cubrilo cun gorro e unha toalla que semellaba protexelo da friaxe invernal pero que en realidade representaba máis a un bañista extemporáneo saído de Rodeira cun bote de xel e un “brus” en cadansua man. Cabe apuntar ademáis que a sua adaptación ao novo habitat non foi cousa doada polas diatribas que se xeraron ao seu redor e que curiosamente non xurdiron do mundo da arte senón do “intelectual” de trazos grosos, nunca mellor dito: Xa pouco despois da sua ubicación, “O Gordo” daría pé a certas controversias que se espallaron polos “mentideiros” clásicos e polas redes sociais, algunhas delas fomentadoras da teoría do caos e da confusión (fakes) e outras merecentes de formar parte dunha antoloxía do disparate.

A escultura do Gordo na entrada de Cangas

Controvertida literatura

Unha das primeiras opinións que se divulgaron cando se inaugurou esta escultura, advertía que non pretendía meterse cos gordos pero preguntaba que a quen se lle ocorreu poñer esta oronda estatua, dando por sentado que era para darlle a benvida aos visitantes (?) pero dubidando en se tiña algo que ver co ben que se come en Cangas ou se fora unha doación de Michelin. Admitíase tamén que algunhas das estatuas que se colocan nalgúns sitios dan pánico pero que quizáis o obeso da redonda veña indicar sen máis que a Cangas lle “tocou o gordo” da lotería. Outra opinión, airada e con tacos, preguntaba se hai que ter estudos para facer “iso”, que como veciño da vila dáballe vergoña a estatua e quería saber canto custou, considerando que era mellor que lle desen os cartos a el que os investiría mellor. Na mesma liña pero con linguaxe máis pulida, alguén apuntaba que ao que se lle ocorreu poñer aí a estatua, quedoulle a cabeza descansada, engadindo que se puña malo de pensar nos cartos que custou e quería saber quen foi o autor. Pouco a pouco iríanse desentrañando algúns “misterios do Gordo”, aventurándose que tanto dislate era porque non acababan de “entender” a estatua, que esta só indicaba como ía quedar o alcalde “cando pillase a tallada dos convenios” (?).

A pregunta sobre quen era o autor da obra, non sabemos con que obxecto, tardaría un tempo en ter resposta pero finalmente, un dos contertulios abraiábase de que ninguén soubese que o seu autor era o escultor e pintor Botello, advirtindo que antes de falar de gordos... un pouco de cultura! Outra resposta non se fixo agardar e de forma tallante, indicaba que xa todos sabían que era de Botello e que por ser del non se debe pensar que é unha fermosura..., que se cría que iso era cultura... A esta opinión, novas respostas que afondan no dislate: A calquera cousa lle chaman arte, que non nos guste a escultura non quere dicir que no saibamos quen é Botello, pero algo está claro, cadaquén entende a arte como lle peta, mais se isto é arte para min non o é pois non lle vexo o mérito por ningunha parte.

Houbo quen quixo conciliar, indicando que non entraba en que fose bonita ou fea, que iso depende do gusto de cadaquén e que se a sala de exposicións da Casa da Cultura se chama Botello... que relación tén este artista con Cangas para que se lle dea tanta importancia... Pois a enterarse hala...!

Por fin, faise ver unha opinión que se mostra máis documentada e transmite unha corrección, indicando que non se di Botello, senón Botero pero que esta escultura é de Ramón Conde que se asemella ao estilo do Botero. E aproveitando que Roma pasa por Santiago, opina que lle gusta máis o Gordo (ainda que vai estar temporalmente), que o Coya, o dos hobbits remando en frente do Concello ou os mexillóns fóra de escala na rotonda.

Unha vez aparentemente resolta a controversia Botello/Botero, ábrese outra frente dialéctica sobre se os cangueses pensan que teñen unha obra de Botero, que iso é un “botillín” (diminutivo de Botello), indicando que é unha copia das suas esculturas e que ademáis non representa para nada a Cangas e que non pega nin con lotite, que é de risa. Tamén outro desde un concello veciño tén a opinión de que é feísima e que lle dá igual quen a fixo pero que polo menos a puxeron en Cangas pois na vía rápida de Bueu (?) non puxeron ningunha estatua pero pensa que ao gastar os cartos no Gordo, estes non foron parar aos petos dos políticos. Desde Vigo, alguén con conciencia ecoloxista fai comparanza coa do Sireno e pensa que en ambos casos era mellor plantar unha árbore que mellora o medio ambiente, engadindo ademáis que isto é cousa dos políticos pero que contodo, a figuriña tén a sua coña pois semella que está ao axexo na altura e que dun momento a outro vai saltarche enriba.

Case dous anos despois e durante a campaña das Eleccións Municipais, O Gordo alcanzaría a sublimación popular, personalizado como o candidato á alcaldía nunhas follas volandeiras. Despois disto, pensábase que O Gordo iría caendo no esquecemento crítico cando alguén volve na sua defensa, afirmando que grazas a esta estatua non se perde na gran rede vial do Morrazo (?) e así xa sabe que chegou a Cangas. Tamén apunta que sente certa grima ao mirala pero que isto lle serve a moitos para evitar engulir demáis e comer como é debido... Contodo, asegura que é unha gran obra de artes e de partes... e que se a puxeron aí sería por algo. Despois de máis de dez anos de esquecemento dialéctico está claro que o seu custe e as razóns que motivaron a colocación desta obra de Ramón Conde seguen sen esclarecerse, ainda que no difuso episodio dos chineses alguén quixese ver un Buda ou unha escura intervención das triadas ou Pinyin. Agora, quizáis con motivo deste cumpreanos, Google Maps acaba de fixar e bautizar “urbi et orbi” ao Gordo, xa sen aspas.

(*) Mestre e historiador de Cangas

O autor da escultura

Ramón Conde Bermúdez naceu en Ourense en 1951 e deixou os estudos universitarios para trasladarse a Madrid formándose en fundicións e talleres de diversos artistas. Despois de tres anos retorna a Galicia onde vai desenvolver lentamente a súa linguaxe plástica e a comezos dos anos noventa realiza as primeiras obras públicas, adquerindo proxección internacional coa participación en varias exposicións en París e a Bretaña. En 1991 inauguraría a súa obra “Os Redeiros” na Gran Vía de Vigo, unha das súas pezas máis emblemáticas, e nese mesmo ano vai trasladarse a USA como profesor convidado na Universidade de Houston Downtown. En 1992, xa de volta, inaugura unha exposición no recinto feiral da Expo de Sevilla na que figura “O Gordo” e anos despois, en 1994, instala outra das súas obras máis coñecidas, “O Guardián”, no parque da Torre de Hércules. Nos anos seguintes fai exposicións en Berlín, Hannover, Londres e Italia, e outras en distintos puntos de España. As suas esculturas públicas, máis de trinta, figuran en cidades como Ourense, A Coruña, Pontevedra, Santiago, Vigo e outras senlleiras en vilas como Padrón, Rianxo, Culleredo, Marín, Cangas... e varios bustos de gran realismo de persoeiros galegos e non galegos moi recoñecidos. Nunha das últimas instalacións, titulada “O Poder” e promovida polo Concello compostelán en agosto de 2014, provocaria o anoxamento da igrexa compostelá e gran polémica na prensa. Nas datas en que se instalou “O Gordo”, as preferencias escultóricas de Ramón Conde pasaban por obras que segundo el, non se esgotasen cunha simple ollada: E iso é, simplemente, o que tén a estatua do Gordo, non lle deamos máis voltas pois con esa masa corpórea e a sua manifesta inactividade ainda vai tardar en esgotarse e todos os sentidos da palabra.