La entrega del premio del I Certame de Relato Curto en Igualdade, que convocaron Concello de Moaña y Lonxa Literara, se entregó ayer en un acto emitido en directo por el Facebook municipal desde el auditorio de Quintela, en el que la galardonada y autora de “Pan para desdentados”, María Salinas García (Valadares-Vigo) no pudo acudir pero se le hizo entrega de forma telemática. Hubo música y poesía con AldaoLado.

“Pan para desdentados”

“Na sucursal da rúa Concepción Arenal o café de Esperanza vai acompañado dun caravel vermello e quince minutos de charla, as fotocopias de Don Ernesto, o subdirector, chegan clasificadas por clips de diferentes cores, e cada luns Matilde, a empregada máis nova do banco encara a semana cun bombón sobre a súa mesa.

Para Manuel a prioridade no seu posto de bolseiro é que a xente sorría e ponlle tanto empeño que ata conseguiu derrubar a fronteira do enfado que separaba a Henrique e Marisa. Quince anos de amizade resentida por un crédito mal concedido. O bolseiro, sen carreira, sen experiencia laboral e armado coa pureza innata que posúen os Síndrome de Down deulles unha malleira de humildade, contoulles de que vai a vida a eles, que por idade poderían ser os seus pais. E agora no banco os sons dos teléfonos mestúranse coas risadas froito dalgún chiste furtivo que Manuel sacou da manga, a música de Camela afoga os gruñidos das impresoras e algúns días Antonio, o director, esquece a gravata na casa.

Os venres, cando remata a xornada comen todos xuntos no bar da esquina e por fin comprenden que o mal carácter de Antonio nace da enfermidade que arrastra a súa nai, que Matilde ás veces chega tarde porque ninguén está preparado para enviuvar aos vinte e cinco anos e que Carmiña, a muller da limpeza, fala de máis porque na casa non ten con quen facelo.

Porén, o vindeiro xoves Manuel remata o seu período de prácticas e xa sabe que non o contratarán.

Os de arriba non terán en conta que o bolseiro pintou de letras un espazo inzado de números. Obviarán que o volume de reclamacións diminuíu á mesma velocidade que aumentou a amabilidade dos empregados e, por suposto, desbotarán que eses descoñecidos que compartían cadeiras agora semellan unha pequena familia.

Mais a Manuel tanto lle ten. El marchará tranquilo deixando na oficina unha presada máis de humanidade, un chisco máis de pel e levará consigo ese anaquiño de cromosoma 21 que a xente rexeita, pero que a el o axuda a comprender que o seu lugar está lonxe. Cando chegue o xoves a sucursal da rúa Concepción Arenal volverá a ser o que era: un banco”.