Un dos anuncios, ubicado na Costa da Vela do Hío.

Responsables dos concellos, de Fecimo e de GF/Studio.

Cartel localizado na Fraga.

O comercio local do Morrazo promociónase por vez primeira de xeito conxunto. Esta mañá presentouse, no Concello de Moaña, unha das fases máis interesantes do plan de reactivación económica que están a poñer en marcha a Mancomunidade do Morrazo e a federación de comerciantes Fecimo. Inmersos nunha fase de formación dos empresarios locais para dar o salto ás vendas por internet nun marketplace que se dará a coñecer mañá, estes traballos poténcianse cunha campaña publicitaria que estará moi presente nas redes sociais. O obxectivo é que a poboación se implique co comercio local á hora de consumir e que as empresas poidan chegar mellor aos seus clientes, aínda en tempos de pandemia como os actuais, segundo indica a presidenta da Mancomunidade, Leticia Santos.

Para acadar estes obxectivos recurriuse a creativos e a actores locais. O premiado estudio moañés GF/Studio, con moita experiencia no eido da publicidade, foi o encargado de “chegar a un público moi local”, polo que recurriron ao humor, á idiosincrasia morracense e sobre todo ao xeito de falar da zona. Non só no tocante ao seseo e á gheada, senón tamén cunha labor de investigación sobre expresións propias da zona e compartidas pola maior parte das parroquias da comarca, segundo apunta o creativo e fotógrafo Jacobo Gayo.

Cada campaña gráfica está ubicada nun municipio. Na primeira, sobre o fondo da Fraga de Moaña, pódese ler o texto “Se fasemos ghasolina, que non imos faser?”. A segunda amosa o porto de Bueu e a terceira a Costa da Vela canguesa coa expresión “Isi home! Aquí estamos como a madre abadesa”. Toda a campaña será compartida na web domorrazo.com e nas redes sociais e agrúpase baixo a etiqueta #SonDoMorrazo, “que xoga tanto coa importancia de sentirnos do Morrazo coma co son da nosa fala”, indica Gayo.

No que corresponde aos spots, tamén se rodaron nos tres concellos. O primeiro deles ubícase na praia de Beluso. Actúan a actriz Casilda Alfaro e o actor vigués con familia do Morrazo David Carbó. Como nas outras pezas audiovisuais, amósase a confusión entre o emprego de expresións locais e os que non as entenden. Neste primeiro vídeo Casilda Alfaro aparece lendo un exemplar de FARO.

O segundo vídeo, tamén xogando co humor e con este tipo de confusións lingüísticas, rodouse nos camiños do monte de Broullón, en Moaña. Actúan a actriz moañesa Antía Costas e Rita Sixto, afincada en Cangas. O terceiro e último vídeo ten como escenario O Salgueirón de Cangas. Os actores son Lois Soaxe e Machi Salgado.

O xerente de Fecimo, Rodrigo Pastoriza, explica que a campaña estará en marcha polo menos durante un mes, “aínda que permanecerá durante moito tempo nas redes, porque transmite unha mensaxe de compromiso co local que nos parece moi bonita e que é atemporal”. A banda sonora dos anuncios está protagonizada pola canción “Magüeiro”, do grupo Baiuca.

Ademais da presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Moaña, na presentación da campaña publicitaria interveu o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, quen puxo en valor que todo o proxecto de reactivación económica ”supón un salto cualitativo para a Mancomunidade, centrada ata o de agora só na recollida de residuos. Agora pasa a xestionar aspectos tan importantes como a dinamización da economía local”.

Pazos aplaudiu tamén un plan de reactivación deseñado por Fecimo “pero dirixido a toda a economía local, sexan ou non socios”. De feito, todo o plan foi acordado durante as reunións telemáticas celebradas este verán entre a Mancomunidade e os distintos colectivos de empresarios e profesionais do Morrazo.

Por parte de Bueu acudiu a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, quen salientou que “esta campaña, na que levamos meses traballando, supón un gran paso”, pois “o sector do comercio e a hostelería local necesitan que nos comprometamos dende as institucións”.

O xerente de Fecimo, pola súa banda, sinalou que a Mancomunidade implícase co comercio local “xusto agora, cando máis falta nos fai”, mentras explicou os obxectivos de dixitalización do comercio morracense que permitirá minimizar as perdas de ingresos derivadas da crise sanitaria.