Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Grandes naufraxios na costa de Cangas (I)

Unha aproximación aos numerosos restos que xacen nos fondos mariños da ría

A Borneira nunha carta náutica de 1910. |

Unha imaxe de prospeccións arqueolóxicas submariñas.

Un gravado dun naufraxio en Galicia.

O bergantín “Amigo fiel”.

Outra recreación dun naufraxio en Galicia.

As fragatas “Herminie”, francesa, e a inglesa HMS Jupiter.

Grandes naufraxios na costa de Cangas (I)

Achegámonos a este tema, non só a través dalgúns vellos relatos que nos legaron os veciños de Darbo senón tamén pola continua pingueira de achados na nosa zona e o seu conseguinte expolio. Estas accións incontroladas semella que van tendo fin ao ser obrigatorio informar á Mariña dos pecios e facerse cargo da sua investigación, hai xa uns anos, a Universidade de Vigo, a través da unidade de detección remota do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (Cacti). Nas costas de Cangas e coa colaboración do centro de buceo Balea e a empresa Argos, os científicos despregaron un sónar para captar entre as toldadas augas e o lamacento fondo, imaxes dos restos de barcos pousados nas augas da ría, desde os pecios máis antigos como naves árabes (ano 899) e o galeón “Nª Sra. de los Remedios” nas Cíes, canóns en Salaíños, pecios en Punta Subrido, Nerga, A Borneira... aos máis recentes naufraxios.

Non sabemos que hai de aproveitable nos restos que quedan, mais de seguro que haberían de conformar un excelente tema para lucir nun museo do mar. Actualmente xa é abondosa a bibliografía aportada por estudosos do tema e de entre o material documental existente, traemos agora as referencias a grandes navíos, deixando para outra ocasión os ainda máis numerosos naufraxios de embarcacións de pesca.

Nunhas prospeccións subacuáticas realizadas en Barra en 1983 por arqueólogos do Museo de Pontevedra foron localizados os restos dun navío do século XVI. Non sabemos certamente se os restos deste barco se poden corresponder con algún dos dous barcos ingleses que, segundo as noticias, petaron contra uns baixos na costa de Cangas cando saían da ría pola bocana norte despois de arrasaren Vigo. Despois disto, o 2 de xullo de 1589 a armada de Drake xa retornaba ás suas bases cando se levantou un forte vento de suroeste que fixo que o filibote de John Hawkins, curmán do corsario, e un navío comandado por Henry Docwra ficasen varados perto da nosa costa, posibilitando o ataque dos cangueses aos mesmos. Esta acción fixo que os ingleses abandonasen en botes os barcos, procedendo os asaltantes á liberación dos prisioneiros que levaban e á queima dos devanditos navíos.

A primeira referencia documentada data de febreiro do 1657 e alude ao naufraxio da fragata “Venganza” que armada ao corso foi bater nas rochas do entorno da Illa dos Ratos, poñéndose en subasta os seus escasos restos. Porén, o punto con máis frecuencia de accidentes había de ser o dos Baixos da Borneira e un dos primeiros naufraxios documentados neste lugar, foi o da fragata francesa “Herminie” ocorrido o 14 de agosto de 1761 que hai quen a confunde coa “Hermione”, famosa esta por levar a Lafayette na axuda dos insurxentes das colonias americanas contra os ingleses. A “Herminie” fora botada en Baiona (Francia) cinco anos antes deste naufraxio e contaba con 36 canóns grandes, 26 medianos e seis pequenos, apenas usados en duas ocasións e viña fuxindo, perseguida polos ingleses, da batalla naval de Fisterra. A bordo da mesma viña como gardamariña o xoven Justin Bonaventure Morard de Galles que anos máis tarde chegaría a almirante da armada francesa, o que testemuña o salvamento da sua tripulación.

Un ano despois, un tal Francisco Silvy obtería unha autorización para rescatar os canóns deste buque, correndo pola sua conta o material de recuperación e os buzos. En troques, recibiría da Facenda Real, 300 reais por cada canón e 120 por cada cureña nas que se asentaban. Porén, o misterio que agacha este pecio é precisamente que nel, aínda hoxe, se atopen 21 canóns que era o material a recuperar. Ante isto cabe supoñer que as cousas miudas fosen levadas polos mariñeiros no abandono do barco e que fose totalmente imposible, polo lugar e a época, rescatar a sua artillería. Contodo cabe a opción de que o pecio fose expoliado polos veciños e pescadores e mesmo que os canóns atopados fosen doutro naufraxio.

O 6 de setembro de 1800 naufragaría en Punta Sobrido a fragata “HMS Stag” da Royal Navy con 32 canóns, ao mando do capitán Winthrop. Este barco viña de participar no ataque da escuadra inglesa ao Ferrol cando o sorprendeu un temporal que a levaría a naufragar e arder perdendo a un dos seus homes.

En 1806 sería o bergantín español “Amigo fiel” quen de novo fose estragar o seu casco na Borneira e o 10 de decembro de 1808 naufragaría nos baixos do Carrumeiro nas Cíes a fragata de guerra inglesa de 50 canóns “HMS Júpiter” ao abrírselle unha unha vía de auga no casco pero salvándose tamén toda a tripulación.

Este barco da clase Portland estaba considerado como un dos navíos máis rápidos da flota inglesa e a pesar de estar forrado con planchas de cobre na obra viva, esta blindaxe non lle evitaría o desastre. Cando naufragou xa contaba con trinta anos de servizo (botado en 1778), tendo participado en numerosas accións de guerra. Traemos este barco a conto polo expolio, controlado en parte polas autoridades, que se fixo dalgúns elementos do mesmo e que foron almacenados na Axudantía de Mariña de Cangas dando lugar a unha reclamación dos mesmos polos franceses cando ocuparon Vigo. Xa comentáramos que o coñecemento da ubicación deste material bélico veu da man do avogado cangués Manuel Rodal, enemistado daquela co alcalde de Cangas e sospeitoso tamén de ser afrancesado.

Arredor de 1840 un veleiro inglés en ruta a Australia petaría no Cabalo de Aldán nas Osas, ficando como lembranza do naufraxio a Cruz de Couso que se di foi erixida polo conserveiro Celestino Buet en lembranza dun desastre que deixou moitos cadáveres. Dez anos despois, o 18 de novembro de 1850, o bergantín “Única Rosa”, capitaneado por Vicente Nogueroles e cargado de sal, buscaría acobillo dun temporal na ría de Aldán, petando contra un con e afundíndose cando pretendía varar na praia de Pinténs. Neste naufraxio perderían a vida un tripulante do barco e un mariñeiro da zona que acudira con outros ao salvamento da tripulación. O 20 de febreiro de 1857 e nos baixos de Punta Robaleira, tería lugar o naufraxio do “Madrid”, un vapor da navieira inglesa CP&O Line que desprazaba 480 tm. e que navegaba en rota de Southampton a Cádiz cun valioso cargamento de especias que sería totalmente recuperado debido á proximidade dos areais.

En maio de 1874 embarrancaría nos baixos Forcados das Cíes o vapor inglés “Bonita” de carga e pasaxe, botado había catro anos e pertencente á Belgian Royal Mail Company. Aínda que nestas dats houbo outros dous naufraxios anteriores na Cíes, mencionamos só este por ser raqueado ou rapinado por 15 mariñeiros de Cangas e de Coruxo, que serían encausados por este feito. O día 11 de xuño sería o vapor “Flor de María” que saiu de Vigo á unha e media da tarde con carga de mineral e aos tres cuartos de hora chegou aviso de que tiña encallado entre a Borneira e o Borneirón, conseguindo o consignatario salvar o barco e a carga trasvasándoa a lanchóns.

En 1876 produciríase o naufraxio da fragata “Jean” na ría de Aldán e neste mesmo ano, sería unha lancha de pesca a que deixase duas vítimas nos baixos da Borneira, zona na que en 1877 embarrancaría a goleta de recreo María sen rexistrarse vítimas.

Co naufraxio do bergantín “María Teresa” o 26 de outubro de 1880, este punto costeiro levaba camiño de se converter, xa nestas datas, nun dos máis negros da ría xunto cos baixos Biduídos ao noroeste das Cíes. Este bergantín-goleta de nacionalidade inglesa e matrícula de Xibraltar, capeaba o temporal reinante na ría cando rompeu amarras e foi encallar entre A Borneira e O Borneirón, rompendo o temón e abríndoselle varias vías de auga. Os tripulantes desembarcaron e varios barcos fondeados en Vigo ofrecéronse, previo pago, a desencallalo pero coa demora e a noite, o temporal arrastraríao cara a Congorza. A carga que foi salvada constaba de 123 barrís de fariña candeal malagueña, 124 pipas de ron e augardente e bocois con viños xerezanos. Tamén se salvaron as pertenzas dos mariñeiros, obxectos de valor e do instrumental do barco, o velame e a maioría da carga, agás 16 pipas de ron en paradoiro descoñecido.

Ás nove da noite do 29 de agosto de 1884 vararía nos baixos da Borneira o vapor inglés “Isle of Dorsey” que facía unha parada técnica en Vigo de camiño a Barcelona con carbón. Ás doce da noite personáronse no lugar as autoridades sanitarias, cónsul inglés, a trincadura da Mariña e os carabineiros de Cangas nun bote. Despois de prestarlle os auxilios necesarios, o barco puido desencallar ás seis da mañá coa pleamar, dirixíndose a Vigo para revisar o casco.

Desde que temos constancia dos periplos marítimos atlánticos, os barcos que navegaban costeando, enfrentábanse na altura de Galicia a numerosos temporais que os asolagaban ou desarboraban, arrastrándoos contra as rochas e cantís, facéndoos naufragar. A nosa costa foi desde antigo de tránsito obrigado para as flotas que se procedían do norte chegaban ata aquí impulsadas polo noreste do verán e as procedentes do sur adoitaban aproveitar os ventos austrais na época de outono e inverno que se facía máis perigosa. A propia configuración do litoral, os ventos que sopran recurrentemente e as correntes mariñas contribuirían a facer das nosas augas un auténtico cemiterio de barcos, ata tal punto que navíos de todas as épocas as teñen convertido nun dos lugares con máis barcos afundidos a causa de conflitos bélicos ou pola adversa metereoloxía.

Nas últimas décadas téñense localizado uns 1.600 barcos afundidos, mais os especialistas calculan que pode haber ata 8.000, estando documentados uns 700 pecios na actualidade o que a penas suporía un 10% deles.

Dos xa coñecidos, uns 300 están considerados de interese histórico (máis de cen anos baixo as augas) e gozan de especial protección para evitar expolios. Os pecios históricos de Galicia están formados na sua maioría por mercantes, pero tamén figuran barcos de pesca e buques de guerra. A penas se tén constatado que unha ducia destes barcos levase nas suas adegas algún cargamento monetario, residindo o seu auténtico valor na función que exercen como cápsulas do tempo pola información e datos que gardan no seu interior sobre un determinado momento histórico.

Na ría de Vigo, destacan como puntos de maior concentración de pecios, a Enseada de San Simón (Rande), a contorna de Cíes e a Costa da Vela, localizándose outros en Baiona, na entrada a Vilagarcía ou a Pena das Ánimas, entrando na Coruña, mais, evidentemente,sobre todos estes lugares sobrancea a Costa da Morte, un enorme cemiterio de barcos.

*Investigador e historiador

Barcos ingleses do corsario Drake

A fragata “Herminie”

As fragatas inglesas e outros naufraxios

Naufraxios en Galicia

Compartir el artículo

stats