Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A gripe de 1918 en Moaña

O autor aborda a incidencia da primeira pandemia sanitaria na vila hai un século

A Praia de Moaña nos anos da gripe. | // ARQUIVO ASOCIACIÓN CULTURAL NÓS

Cadro coa evolución das defuncións entre 1914 e 1919 en Moaña e na parroquia de Tirán. | // ARQUIVO ASOCIACIÓN CULTURAL NÓS

O médico forense Emilio Barros Balea. | // FOTO PACHECO/ARQUIVO A.C.NÓS

Outra imaxe da Praia de Moaña nos anos da pandemia da gripe de 1918.

No outono de 1917 aparece unha gripe moi contaxiosa en distintos acuartelamentos militares de Estados Unidos, non obstante hoxe dáse por iniciada a gran pandemia da “gripe española” a comezos de marzo do ano seguinte no campamento militar de Fort Riley (Kansas) despois de producirse un gran número de contaxios e varias mortes. Posteriormente na primavera a enfermidade comezou a transmitirse con gran intensidade en fábricas, almacéns, oficinas e prisións en distintas cidades americanas ata o punto que na fábrica de Ford enfermaban cada día 200 empregados e chegaron a sumar máis de 2.000 enfermos, segundo informaba a prensa especializada en mediciña de New York.

Neses anos o mundo estaba inmerso na Gran Guerra e os soldados americanos estaban combatendo no noso continente, estendéndose con gran virulencia a gripe nas distintas frontes. En España que non era contendente tamén empezou a haber un grande número de infectados.

En maio de 1918 os medios de comunicación de Madrid comezaron a falar da aparición dunha enfermidade parecida á gripe pero con efectos leves. En xuño un diario de Pontevedra facíase eco de que a gripe invadía a Vila e Corte e xa inundaba as provincias. Á nova enfermidade chamábanlle Gripe Postal.

O 30 de xullo o periódico “El Norte de Galicia” informa de que en Alemania e nos demais países europeos aparece a gripe cunha gran letalidade (tres por mil dos atacados). Neste mesmo artículo xa se falaba de “Gripe Española”, denominación que non tardou en poñerse en cuestión en España pois había datos claros da súa iniciación en América.

Durante ese verán en Galicia a enfermidade (que xa empezara na primavera) amainou, non habendo apenas contaxios nos meses de xullo e agosto, pero a primeiros de setembro aparecen de novo os contaxios na zona de Vilagarcía cunha rápida propagación e alta mortalidade.

O trasatlántico “Infanta Isabel de Borbón” que saíra de A Coruña o 28 de setembro para a Habana, ao chegar a Las Palmas mandáronno de volta para o lazareto de San Simón en vista dos contaxiados pola gripe. Na illa da nosa ría morreron, varios tripulantes, pasaxeiros e ata o capitán.

A primeiros de outubro a prensa da capital da provincia xa anuncia que a gripe comenzaba a provocar mortes en toda Galicia, pero recomendaba non alarmarse pois o contrario predispoñía a contaxiarse. Comézanse a recomendar medidas como extremar a hixiene nas casas e nas persoas, lavar as roupas dos enfermos con lixivia. Nos cafés, cines, igrexas e sociedades de recreo, barrer con serrín humedecido cunha disolución antiséptica. A epidemia xa chegaba a moitos concellos entre eles Cangas e Bueu, se ben Moaña non figuraba entre os atacados pola enfermidade.

Nesas datas o Gobernador Civil dá ordes ós concellos costeiros para que observen a saúde dos tripulantes dos pesqueiros que pasan por Portugal, pois dicíase que as tropas americanas estiveran no país veciño reclutando persoal para participar na guerra e trouxeran a gripe.

O 9 de outubro en Moaña xa hai gran pánico, pois os vapores da vila que estiveran en Leixoes, tiñan a varios tripulantes atacados pola gripe e xa houbera algún falecemento, aínda que nas actas de defuncións do Xulgado Municipal de Moaña, non figuraba ninguén con gripe nesa data. As diagnoses máis comúns eran de enfermidades do aparato respiratorio, tales como neumonía, tuberculose pulmonar e outras. A botica de Moaña xa carecía de toda clase de desinfectantes.

A primeira defunción diagnosticada como “bronco neupmonía grippal” (sic) no concello de Moaña foi Carmen González Cortegoso, labradora de 26 anos de Domaio que faleceu o día 13 de outubro. Nese mesmo mes, faleceron de gripe en Moaña 12 persoas cunha idade media de 24 anos.

O día 20, Faro de Vigo faise eco das queixas veciñais de Moaña lamentando o estado sanitario da vila pois xa había varias defuncións e seguíanse lavando as roupas dos enfermos nas fontes públicas, botando lixo ós camiños e non se desinfectaban nin as casas, nin os locais, nin as igrexas e seguíanse autorizando bailes públicos.

A finais de mes Faro de Vigo voltaba a informar profusamente da situación da gripe en distintos sitios da provincia. En Moaña había máis de 15 días que a epidemia estaba contaxiando a máis de 700 veciños os cales eran atendidos por dous médicos: o doutor Soage Camiña e o doutor Cobas Núñez de día e de noite nas catro parroquias, pois outros dous estaban de baixa, os doutores Julio Rodríguez e Cervera. A situación era desesperada, os médicos tiñan que percorrer casa a casa por camiños en mal estado, e moitos dos enfermos eran pobres non habendo mediciñas para tratalos, e un alimento básico coma o leite non se vendía en Moaña porque ás leiteiras pagábanlle mellor prezo noutras localidades.

As defuncións comezaban a ser numerosas sobre todo entre xente moza, habendo moitos enfermos graves. O concello empezara a subministrar desinfectante ós pobres e o domingo 25 de outubro iníciase unha suscripción para axudar ós desgraciados, recollendo donativos o alcalde Manuel Pereira e o párroco de Moaña Enrique Rubido. Prohíbese a entrada ó público na casa dos difuntos e os enterramentos fanse antes de 24 horas, suspéndese a feira e tamén a visita ós cemiterios os días de santos e difuntos. Dada a situación, o Ministerio de Gobernación envía a Moaña ó médico forense de Santiago de Compostela Emilio Barros Balea que fora médico municipal e alcalde de Moaña, e que saíu para a nosa vila o 6 de novembro.

Chegando San Martiño, Faro de Vigo informa que o pobo presenta un aspecto tristón e desanimado, notándose unha impresión deprimente no vecindario pola epidemia e sobre todo polas defuncións de xente moza. Entre os días 12 e 13 de novembro, morreron sete persoas: seis de gripe e unha de tuberculose pulmonar. Durante ese mes, faleceron 20 persoas diagnosticadas como gripe e con idades similares ao mes anterior.

Nos barrios céntricos de Moaña non hai novos casos pero si nos barrios altos, e tamén en Tirán e Meira hai algunhas recaídas así como en Quintela e a Praia. A farmacia de Manuel Álvarez esgotou o aceite de ricino e o benzoato sódico. O doutor Barros Balea fai un reparto por zonas para atender mellor ó vecindario sendo felicitado pola idea, e para complicar as cousas tamén hai varios casos de papeiras.

A parroquia de Domaio volve a estar sen o médico Julio Rodríguez Franco, polo que os tres de Moaña teñen que atender as catro parroquias.

A mediados de novembro están amainando os contaxios e comezan a ser autorizadas feiras, mercados e tamén os espectáculos e abren as escolas. En Meira segue habendo moitas defuncións e novos contaxios non así no resto do concello.

O 15 de novembro dende Faro de Vigo censúrase ó alcalde por permitir nos enterros acompañamentos ata o cemiterio de mulleres veciñas ou familiares gritando e voceando, costume que xa foi desterrada noutras vilas por ridículo e inmoral ademais do perigosa para os contaxios, e polos efectos que produce ós enfermos das casas cercanas ao camiño por onde pasa o acompañamento.

En moitas vilas elimínase o toque de campaíña diante do enterro para evitar a impresión deprimente dos enfermos, e en Moaña nin sequera se eliminou o griterío do acompañamento que alarma e inquieta. Pídese ao gobernador civil que estimule ó alcalde para que se esforce en cumprir as disposición sanitarias e as ordenanzas municipais.

Aporto estas cifras do concello de Moaña e da parroquia de Tirán coa cautela propia de manexar datos de hai máis de 100 anos, ademais da pouca precisión dos diagnósticos médicos recollidos nas actas de defuncións no rexistro civil do Xulgado Municipal de Moaña.

En xaneiro de 1919 a Inspección Provincial de sanidade fai públicas as súas estadísticas, segundo as cales entre os primeiros días de setembro e o seis de decembro de 1918, en que se dá por rematada a epidemia e a mortalidade que ocasionou. Na provincia houbo 104.659 atacados e 4.185 defuncións, en España 140.451 defuncións que eran un 72,4x10.000 habitantes no ano.

Número de defuncións 1918 en Moaña: 251

Media dos anos (14, 15, 16, 17 e 19)en Moaña: 151

Diferenza de defuncións: 100

Tasa de mortalidade da gripe en Moaña en 1918: 125 x 10.000 hab.

*Veciño de Moaña e membro da Asociación Cultural Nós

Compartir el artículo

stats