Compañeiro,

aprendín a fiar a idea na revolución que atopei nas túas palabras.

Déchesme a lingua cando buscaba de neno de vinte e poucos anos

o impulso segador da poesía.

Sentín a perda de verdade

cando entendín entre os teus versos a dor que me tronzou o corpo

unha e outra vez até a extenuación.

Habitamos no tempo dos mediocres a ira contra nós,

perdemos e gañamos tantas veces

que tan só me quedou o sorriso,

sempre amando.

Compañeiro,

en rodeira seguides insensatos no voso abrazo,

e nas tabernas tronzades o tempo que desgastamos

e nas chalanas as vosas bágoas,

as olivas dos teus ollos famentos sementan a terra do Xálima

apertando o teu sorriso,

labrando pedra a pedra,

sempre amando.

Compañeiro,

a túa palabra impresa deixará unha literatura inmensa,

impasible e atronadora,

acugulada na inmensidade do teu peito,

arrancada á dor a GOETHE,

velaquí as cinzas, as palabras,

velaquí o espello,

velaquí ti, esconxurando o tempo do sal.

Compañeiro,

asentimos a perda que nos rodea

e seguimos derrotando até enmudecer aos carballos da túa casa

asentimos a farsa e calafateamos aos ausentes,

vós que en min nacedes en cada liña,

vós que sementades o noso campo,

vós que tanta falta nos facedes,

sempre sempre sempre na túa morte sempre todo amando.

*Poeta de Moaña e concelleiro