DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cemiterios da parroquia histórica de Moaña

Co gallo do Día de Defuntos o autor percorre a historia dos enterramentos rituais en San Martiño, comezando pola necrópole do atrio da igrexa descuberta no ano 2006

Cinceiro monumental onde se depositaron as cinzas da meirande parte dos osos procedentes da igrexa de San Martiño e do seu adro alto. | // ADRO ARQUEOLÓXICA

Cinceiro monumental onde se depositaron as cinzas da meirande parte dos osos procedentes da igrexa de San Martiño e do seu adro alto. | // ADRO ARQUEOLÓXICA

Sartego que continúa soterrado na necrópole de San Martiño.

Trebello que se destinaba a erguer as lousas que tapaban as tumbas do interior da igrexa románica de San Martiño, o templo orixinal de Moaña.

Sartego onde foi enterrado un “disidente” de Quintela no ano 1922.

No libro “A freguesía de Moaña” escrito conxuntamente con Luís Chapela e X. C. Villaverde, este último describe no apartado dedicado á Arqueoloxía, o seguinte:

Hai inventariados na antiga freguesía de Moaña, dous “Monte do Castro”. Un localizado na Ameixoada (GA36029037), estremando case co concello de Cangas, o cal foi romanizado, e outro no Cruceiro (GA36029022), detrás da casa Reitoral e ao norte da igrexa de S. Martiño. Neste último apareceron superficialmente anacos de cerámica castrexa, lisa e decorada e abundante tella romana (tégula). O lugar onde foi erixido o templo parroquial, nun pequeno monte ou outeiro, forma un foso natural coa aba do castro.

Ata o de agora, non se atoparon restos de enterramentos na meirande parte dos castros escavados en toda Galicia aínda que, ao mesturarse os castrexos cos romanos e abandonalos para asentarse en núcleos de poboación rodeados de terras fértiles, comezaron a construír necrópoles galaico – romanas e alto medievais nas súas proximidades.

Este é o caso da “Necrópole de San Martiño” onde, no ano 2006, como xa se ten informado noutras ocasións, descubríronse dous sartegos labrados no xabre duro, que continúan soterrados; tales sartegos, debido as súas características, pódense datar na alta idade media. En canto ao antropomorfo exento que se atopa no exterior da reitoral, a 150 mts. aproximadamente dos citados, pode ter unha orixe baixo – medieval e, debeuse trasladar no intre en que se clausurou dita necrópole.

No segundo camposanto coñecido, situado no interior da igrexa de San Martiño, enterráronse a meirande parte dos mortos de Moaña desde 1197, ano en que foi consagrado o templo románico, ata 1883. en que se inaugurou un novo cemiterio católico. Mentres tanto, a devandita necrópole seguiu acollendo mortos disidentes (suicidas, transeúntes, herexes, descridos, etc.) ata o ano 1763 en que foi pechado, co obxecto de habilitar un novo na cara norte do propio adro alto, cara ao mesmo fin.

Unha Real Orde do 2 de xuño do ano 1833, prohibiu os enterros dentro das igrexas; por elo, nese mesmo ano, construíronse muros nun recuncho do adro alto para acoller un novo cemiterio católico pois, o risco de transmisións de enfermidades nos recintos con pouca ventilación como a igrexa moañesa era moi grande; así, segundo as contas de 1832 do seu libro de fábrica, descargáronse:

Veintidós reales de cal y arena para encintar las sepulturas por mandato del Sr. Juez de Cangas por no poder sufrir el mal olor que había en toda la Iglesia.

Por tales motivos, na data do 6 de novembro de 1833 foi soterrada, por primeira vez, nun novo camposanto que, de comezos, era propiedade da Igrexa, María Josefa da Pena, maior de sesenta anos, solteira e pobre de solemnidade.

O novo camposanto, ao principio, estaba situado na metade do espazo que na actualidade se emprega para festas e aparcadoiro; a outra metade engadíuselle no ano 1866 aproximadamente, trocando, desde entón a súa adscrición parroquial pola municipal. Con respecto ao cemiterio de disidentes, inaugurado en 1763 na zona este do adro alto para suplir á devandita necrópole, seguiu acollendo mortos ata o ano 1942 en que foi substituído polo novo de Trigás; deste cemiterio aínda se conserva un sartego no que foi enterrado un home de Quintela que se aforcou no ano 1922.

Sobre os defuntos que se enterraban nos dous cemiterios citados, o capelán de San Xoán de Tirán, D. José Vidal, na data do 12 de abril de 1884, mandoulle unha carta ao gobernador eclesiástico de Santiago, na que lle comunicaba que o párroco de Moaña, D. Manuel Iglesias, estaba facendo un grande abuso de poderes, pois:

... entierran a los pobres que cumplen a medias los preceptos en el atrio y a los ricos, aunque no los cumplan nada, en el cementerio.

Debido ao forte incremento da poboación que se estaba dando en Moaña como consecuencia do aumento da pesca de baixura, especialmente nos barrios máis achegados á ribeira do mar como os da Praia e Seara, no ano 1942, inaugurouse o actual cemiterio de Trigás e, a carón del, outro pequeno para disidentes que foi pechado a comezos dos anos oitenta do século XX; por tal motivo, na actualidade, unicamente disponse dun único cemiterio civil na parroquia histórica moañesa onde foi instalado, no ano 1989, un artístico cinceiro destinado a acoller á maioría das cinzas dos finados que se foron soterrando nos anteriores cemiterios, tanto católicos como disidentes, situados dentro da igrexa de San Martiño e no seu adro alto.

*Investigador da historia local de Moaña

Compartir el artículo

stats