Moaña está de loito. A vila perdeu a Xosé Manuel Millán Otero, que foi alcalde entre 2003 e 2011, edil da corporación municipal entre 1999 e 2015, profesor de galego no IES As Barxas e insigne poeta. Arredor das 19.00 horas de onte coñeceuse a nova do seu falecemento no hospital Povisa de Vigo, onde estaba ingresado. Levaba varios anos loitando contra unha enfermidade do fígado e deixa dúas fillas. A tristura invadiu os corazóns de todos os moañeses que o coñecían e apreciaban a medida que se facía de noite en Moaña. O pleno da corporación previsto para onte mesmo converteuse nun emotivo minuto de silencio e boa parte dos presentes, comenzando pola alcaldesa Leticia Santos, que non puido conter as bágoas. Ademais de suspender o pleno, decretáronse tres días de loito oficial en Moaña con bandeiras a media asta.

A medida que o falecemento se coñecía por toda a vila sucedéronse as mostras de pesar. A asemblea do BNG moañés deu o primeiro paso, lembrado con tenrura á traxectoria de Millán nesta formación.

Un dos primeiros pésames foi a do tamén exalcalde e voceiro do PP, José Fervenza: “Lamento moito o falecemento de Millán. Transmitín á súa familia o meu pésame e o do Partido Popular. Coincidimos no Concello estando eu como concelleiro e como alcalde. A pesares das nosas diferenzas políticas sempre mantivemos unha relación cordial e de respecto”. Dende o PSOE trasladaron tamén as súas condolencias ao BNG e a súa voceira municipal, Marta Freire, amosouse especialmente afectada no minuto de silencio.

Os alcaldes en exercicio de Cangas e Bueu lembraron tamén a Millán. O bueuense Félix Juncal indicou: “Sinto profundamente a morte dun compañeiro, natural de Bueu, veciño de Moaña, gran alcalde e mellor persoa. As miñas condolenzas á súa familia”. Dende Cangas, Xosé Manuel Pazos amosou “o meu apoio e condolencias á familia e á corporación de Moaña”.

Xosé Manuel Millán era natural da parroquia buenense de Beluso, onde naceu en 1964. Militou no nacionalismo galego dende mozo. Tras catro anos na oposición, chegou á Alcaldía da vila que o acolleu, Moaña, no ano 2003, tras acadar cinco concelleiros e liderar un goberno tripartito con InMo e PSOE. Comezou entón unha entapa de crecemento urbanístico en Moaña, coa construcción de barrios urbanos como o do Rosal e co traslado incluso da casa consistorial ao seu actual emprazamento.

En 2007 o BNG con Millán á fronte mellorou os resultados con seis edís e formou goberno bipartito co PSOE. Dese segundo mandato datan obras senlleiras en Moaña como a rexeneración do ecosistema dunar da Xunqueira ou o novo campo de fútbol do Casal. Pegadas da xestión de Millán que permanecerán no tempo na Moaña que axudou a moldear.

A súa saída da Alcaldía foi de forma abrupta. En 2011 voltou a mellorar os resultados do Bloque, sumando 7 concelleiros. A abstención na sesión de investidura dun edil do PSOE fixo que Fervenza, do PP, chegase á Alcaldía. Millán mantívose como voceiro da oposición ao longo de catro anos ata que o relevo como cabeza de lista do BNG chegou da man de Leticia Santos, actual rexedora.

Non só a política moañesa está hoxe de loito. Tamén o están as letras galegas. Millán destacou sobre todo como poeta. A súa primeira publicación neste eido foi “Este é o tempo de sal”, en 1992, co que acadou o Premio Esquío. Tres anos depois chegaría “As palabras no espello”, grazas ao que foi galardoado co prestixioso Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, un dos máis importantes da poesía en galego. No ano 2010 publicou só de xeito dixital “Ode menor ao gran mascato Bernardino Graña cando se eleva sobre as terras do Morrazo”. Finalmente, no ano 2018 deixou para os amantes das letras o seu libro “As cinzas de Pasolini”. Participaría tamén nun grande número de obras colectivas.

Despedida hoxe no tanatorio moañés

Familiares, amigos e compañeiros de militancia de Xosé Manuel Millán decidiron deixar calquera acto público de homenaxe ata que pasen os momentos duros da actual pandemia. As condolencias á familia e honras ao exalcade poderán presentarse ao longo do día de hoxe na sala número 4 do tanatorio moañés de Trigás. As visitas pódense facer entre as 11.00 e as 14.00 horas de mañá e entre las 16.00 e á 17.30 horas de tarde, cando se procederá a trasladar o corpo para a súa incineración no ámbito familiar. Prégase aos asistentes que respecten a limitación de só 10 persoas á vez na sala e de só 25 personas nos arredores do tanatorio.