Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mystica Itinera: camiños e lugares de devoción (I)

Cangas sempre intentou aportar unha nova ruta xacobea en base á sua advoación parroquial santiaguista

O Camiño primitivo.

Cruz de Ermelo colocada en 1954 polo alcalde de Bueu J. Mª Massó. | // ARQUIVO DO AUTOR

Cruz copta nunha ara do Facho e restos de Santarandel (San Andrés) Hio. | // ARQUIVO DO AUTOR

Santiago Matamoros na igrexa de Cangas ARQUIVO DO AUTOR

O rei suevo Teodomiro e San Martiño de Dumio (Séc. VI)

Peregrinos

A devotio e a inventio foron na Idade Media os peares sobre os que se fundamentou o mito do Santiago Apóstolo, despois da translatio, para xestar unha peregrinatio que ademáis do que tiña de fe cristiá, formaba parte dun estratéxico plan de consolidación dos territorios conquistados aos árabes, movendo unha chea de xentes e creándose as ordes de cabalería. E ainda hoxe, non cabe dúbida que a fe ou os retos persoais son os que seguen a inducir á maioría das xentes a facer o Camiño de Santiago que é onde se concentran as sinerxias económicas desta antiga ruta peregrinatoria, xurdindo logo variantes desta que tamén queren levar a sua parte. E desenvolvendo exclusivamente a vella idea da inventio veu a creación da nova ruta pola costa, ligada ao Camiño Portugués a Santiago, xurdida dun puro interese crematístico, obviándose o espiritual, xa que faltan argumentos, antecedentes ou a iconografía xacobea. Mais, ao igual que aconteceu noutros casos (o camiño do sur), tras desta exitosa iniciativa aparecen os intereses hostaleiros da Guarda, Oia, Baiona, Vigo e agora dunha decena de concellos portugueses, tendo como parte positiva a posta en valor do patrimonio histórico local, ainda que non teña relación con Santiago. Unha iniciativa semellante foi a emprendida desde Bouzas hai uns anos, creando unha ruta marítima denominada o Cabaleiro das Cunchas en base a unha curiosa lenda (inventio) de cando viaxaban os restos do Apóstolo cara a Compostela na lendaria barca de pedra. Ainda que máis extraordinaria é a chamada Camiño Branco que din que une a Antártida con Santiago (?).

No Salnés, arredor dunha moeda dos tempos de Fernando II, atopada no Grove coa inscrición S. IACOBI, crearon a chamada Variante Espiritual do Camiño Portugués que une Pontevedra, Poio e Armenteira con Vilanova de Arousa onde se continúa por mar ata Padrón e tamén hai anos que se vén promovendo o camiño de Santiago a Fisterra. Estas rutas veñen sumarse como apéndices ás oficiais (Camiño Francés, do Norte, Inglés, Camiño Portugués, Atallo da Vía da Prata (chamado tamén do Sur ou Mozárabe...) e o Camiño Inglés que anda a potenciarse coa asociación de quince concellos de Ferrol, Betanzos, Ordes e Santiago que agora se pretende ampliar á área da Coruña. As últimas “rutas xacobeas” son a creación do Camiño Miñoto polo Ribeiro en polémica co chamado Geira romana e dos Arrieiros e incluso rutas submariñas (?) na ria de Arousa e no Cantábrico. Agora coa febre xacobea en alza, o asunto xa chega ao delirio, e Ordes, A Estrada, Arteixo, A Laracha... e incluso Corrubedo demandan unha ruta e ata o vindeiro Ano Santo, de seguro que saberemos dalgún “invento” xacobeo máis como o recente de Moaña, fruto tamén de ideas peregrinas. Nesta postura de tirarlle rendemento á fe tamén cabe destacar unha proposta, xurdida en círculos conservadores pontevedreses de explotar unha aparición da Virxe nun convento da cidade. De recente creación tamén é a chamada Vía Mariana, que trata de unir os santuarios dedicados á Virxe María entre Braga e Muxía, pasando por Crecente, A Cañiza, Fornelos...

E nesta dinámica sumatoria de viais místicos e desde os inicios do Xacobeo, tamén se intentou aportar unha nova ruta por Cangas en base á sua advocación parroquial santiaguista, que se pretende tantear agora de novo, motivada por este neocamiño da Costa do que falamos. Ante o éxito desta nova ruta costeira e postos a inventar, poderíase tentar outra variante que levase aos peregrinos en barco desde Vigo ata Cangas e desde aquí a Pontevedra recuperando a antiga verea que comunicaba coa capital. E neste sentido neoitinerario, máis que Santiago de Cangas, que nace a comezos do século XVI, a moderna capela de Santiago de Donón ou o San Roque peregrino do Hio, habería que pensar en Santiago de Hermelo, de quen recibe logo o nome a igrexa de Cangas, por ser moi anterior no tempo (sec. X ?) e relacionada, igual que Darbo, co daquela ainda bispo, Diego II Xelmírez. A parte disto, poucos máis argumentos xustificativos, ainda que xa non se precisan como antano, se lle poden apoñer a unha ruta santiaguista no Morrazo e menos ainda se a promoción é só local. Ademáis, as prospectivas que nos dá a Xunta para o Xacobeo 2021 con previsión de 10 millóns de turistas (non só peregrinos) pasan por potenciar os transportes por terra (bus, tren) e por aire (avión) e non din nada de por mar co que Cangas volvería quedar á marxe deste magno evento: Bueno, non de todo, pois a Deputación integrounos na chamada Ruta dos Fenicios en base a algúns achados desta cultura na costa, entre os que está o Facho, pero sobre todo relacionado coas discutidas illas Cassitérides que se queren identificar coas illas Cies cando está claro que eran as illas Británicas.

Neste sentido, non cremos que peregrinen ata aquí os fenicios actuais (sirios e libaneses) pero cabe que, no dobre significado de fenicio, tenten atraer a empresarios, banqueiros e comerciantes como así nos constatan as visitas de Amancio Ortega.

Visto isto e retomando os vellos argumentos que esgrimimos cando se creou a Senda Ecolóxica do Morrazo (finais dos 90), coidamos que os petróglifos, o santuario do Facho, as tumbas de pedra e o Románico da nosa península son referentes histórico-relixiosos e patrimoniais coa suficiente potencialidade para promover unha ruta especial. A estes camiños cara o santuario do Facho tamén podemos cualificalos de místicos pola conexión espiritual que conlevan e con entidade abondo para conseguir obxectivos semellantes aos do novo Camiño Portugués pola Costa, aos da chamada Variante Espiritual do Salnés ou con maior similitude, aos do vello Camiño a Fisterra pero cun enfoque máis turístico, non moi distinto dos vieiros santiaguistas actuais.

Mais, volvendo ao tema que nos ocupaba e xa no sentido de aportación documental para o aproveitamento turístico, imos facer unha serie de apuntamentos sobre unha época, historicamente escura, cal foi a implantación do Cristianismo na nosa zona pois a primeira referencia documental provén do ano 569 no concilio de Lugo no que se alude ao territorio (parochia) denominado Morratium, dependente logo do arcedianado iriense do Salnés. Só a través dos restos altomedievais que comentaremos e de topónimos xermánico-medievais como Aldán, Gandón, Donón, Francón, Gondesende, Cuntín, Gondarán, Romarigo, Lubrei, Allariz, Bagüin (Walduinus)... podemos acreditar o asentamento dos suevos nestas datas, ao menos desde o século V. O carácter campesiño dos invasores xermánicos, non cabe dúbida que habería de influir no desinterese e abandono de moitas das explotacións pesqueiras da época romana e por tanto das villae costeiras como Nerga (Villa Nérica), Pepín (de Pepinus), Melide (Melitus), Verín (Verinus), Marín (Marinus), A Coruxana (villa Corugiana)... A futura expansión do cristianismo sería a que activaría de novo a explotación do mar como necesidade do consumo de peixe nos corenta días de xexún (Coresma) e do sal para a sua conservación.

(*) Historiador e mestre de Cangas

O santuario do Facho

Xa que logo, o referente principal desta época é o Santuario galaico-romano do Facho de Donón, derivado do nome Dononus mencionado en escritos eclesiáticos e enclave relixioso pagano de magnitude superior a Fisterra, no que se concentra un número de aras votivas (case 180) que sobrepasa ás atopadas no resto de Galicia e o máis grande achado deste tipo na península. Segundo as memorias das excavacións, este enclave relixioso tivo vixencia entre o século I a. C. como enclave galaico, logo romanizado, ata o século VI, ocupando un espazo sobre duas extintas poboacións castrexas do Bronce e do Ferro. Ainda sen concluir a sua excavación total, apúntase ao deus indíxena Berobreo, tamén romanizado, como receptor das ofrendas votivas en torno a aspectos relacionados coa saúde (per salutem). Ainda que a nivel especulativo, e como se apuntou que Berobreo é un numen local e único da zona relacionado cos Lares romanos, cabe apuntar a localización en Arcucelos - Laza dunha ara dedicada a Berobrico pero ligada esta ao tamén deus indíxena Bandua e non aos Lares, cuxa distinción votiva habería que elucidar. Outra cuestión que merece unha certa atención é a presenza nunha das aras do Facho dunha cruz ansada (copto-exipcia) que nos podería remitir a un certo sincretismo xa influenciado polo primeiro cristianismo en Galicia que, segundo os expertos, tivo moita conexión con zonas africanas desde o século III e acreditado pola advocación de San Cibrán, bispo e mártir de Cartago. A parte da difusa predicación de Santiago por estes lares, os datos sobre a expansión cristiana parecen estar centrados, por lóxica, nos centros militares e nas urbes como Astúrica (Astorga) ou Brácara (Braga) pero tamén se detectan en lugares máis pequenos e rurais como Béteca (Boticas - Portugal) cuxo presbítero xa participa no ano 314 no concilio de Arlés na Francia. Destes séculos, precisamente, poden datarse os achados de restos e sepulcros cristiáns máis antigos de Galicia como o de Santa María de Temes en Carballedo que polo material (mármore grego) suponse traído de Roma ou Santa Olalla de Bóveda, antigo templo adicado a Dioniso, cristianizado nos séculos III-IV. E falamos de sepulcros paleocristiáns porque na nosa zona tamén contamos con varios exemplares deles excavados na rocha, e mesmo exentos, que se relacionan cos primeiros eremitorios cristiáns e as inhumacións dos primeiros frades que por aquí se estableceron.

Compartir el artículo

stats