As previsións meteorolóxicas de hai dúas semanas obrigaron a adiala, pero desta vez si que puido celebrarse. A Mostra do Posible arrancou onte en Cangas para dar a coñecer que existen numerosas ferramentas e alternativas distintas aos dos grandes grupos económicos e políticos para poder construír un mundo mellor. As actividades comezaron xa o venres coa apertura da Feira de Ecoloxía e Artesanía, coa presenza dunha vintena de postos que mostraron os seus produtos, todos co denominador común de estar elaborados cun escrupuloso respecto polo medio ambiente.

A programación do primeiro día incluíu a presentación de "O libro do clima" e "Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo", de Catro Ventos Editora e 13 Grados; a actuación de Estrela Gómes dentro dunha sesión vermú; a presentación do colectivo Epona Terra, vencellado á soberanía alimentaria; unha actuación de Asacocirco; un proxecto de solidariedade con Latinoamérica da Agrupación Xosé Velo e a presentación do documental "A cidade que soñamos" do colectivo Ecoloxistas en Acción.

Esta terceira edición contará con máis de medio cento de organizacións presentes, entre as que haberá tamén un espazo importante para entidades que traballan a prol dos dereitos sociais. Entre outras estarán SOS Racismo, Solidarias e Violetas, Plataforma Saf Galiza, Marcha Mundial Mulleres Galiza e Distopía. Tamén haberá postos centrados na banca ética, como Coop 57 Galicia e Fiare Banca Ética.

O programa para hoxe inclúe máis actividades, onde volverá a ter cábida o aspecto lúdico, festivo e artístico. Ante a "situación desfavorable" que está a vivir o sector cultural debido as restricción de aforo e peches de locais a Mostra do Posible quere convertirse tamén nun " escaparate da súa inmensa labor." Así, hoxe ás 12.00 horas a compañía O Baúl da Tía Tola presentará "Estrazalonia", unha peza de teatro para os máis pequenos, e ás 13.00 horas haberá unha "seSON" vermú con A lo Cubano.

A programación retómase a partir das 17.00 horas co espectáculo "Temporal, o viaxe a través do tempo" do Mago Charlanga, e cun obradoiro de autocrítica, dirixido só a mulleres, que será na planta baixa do Concello de Cangas.

Entre as actividades desta tarde destaca o obradoiro ao redor da "sabia galega", unha moneda dixital galega coa que se quere fomentar o intercambio. A presentación será ao través dun obradoiro, ás 17.00 horas, no que se mostrará como empregar esta nova ferramenta.

As actuación artísticas voltarán ás 18.00 horas cun espectáculo de danza e performance da compañía A Artística, de Vigo, que presentará o seu espectáculo "Apnea".

A partir das 18.30 horas haberá un coloquio organizado pola Marcha Mundial das Mulleres ao redor da feminización da pobreza. Será o último acto antes do peche da III Mostra do Posible, que baixará o pano coa actuación da pianista Katherina Linke e as súas "Melodías en branco e negro".