Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No centenario do escultor Xoán Piñeiro

O artista Camilo Camaño lembra á figura de Piñeiro, do que hoxe se cumpren 100 anos do seu nacemento

Escultura do artista adicada aos seus pais.

Asomaban os albores do outono do ano 1920, seguramente cru e ateigado de interrogantes para unha humilde familia cuxa economía dependía da bonanza do tempo, tanto para o desenvolvemento dos labores do campo, como para a cotiá faena da pesca, ambas as dúas esenciais para a subsistencia dos habitadores dunha especie de illa ancorada no solpor de Cangas, Fisterra do Morrazo, e bañada polas augas atlánticas do Mar de Vigo e, a tiro de pedra das Illas Atlánticas de Cíes. Era un 18 de outubro cando na aldea de Nerga, concretamente no Camiño da Fonte, agromaba Xoán Piñeiro, primeiro dos sete fillos de María Casilda e Eladio, dous veciños deste singular lugar pertencente á parroquia do Hío.

Dende moi novo sinte verdadeira paixón pola actividade artística, amosada nas pegadas que deixa nas laxas e madeiras que vai gravando e tallando pola contorna mentres exerce de pastor, como axuda ao desenvolvemento familiar dos labores do campo, deixando nun plano lonxano o interese por asistir á escola, á que acude tardía e irregularmente, na que o contacto coas primeiras letras vai ser aos doce anos, dado que tiña que colaborar na casa, non sendo quen de atopar sentido, nin memorizar e metabolizar contidos do catón ou manuscrito, algo que pouco ou nada tiña que ver cos debuxos que realizaba no encerado, ou as figuras que de volta á casa realizaba a carón da luz do candil.

A pesares da oposición familiar, posto que non entendían debido a que consideraban necesaria a aprendizaxe dun oficio de proveito e de atoparse nunha situación pouco ou nada favorable para continuar co seu labor artístico, Xoán non desiste e enceta unha decidida entrega na procura dunha formación sólida co obxectivo de facerse un espazo no mundo da arte. No ano 1944, logo de catro anos de servizo militar obrigatorio, dous na infantería e outros dous na mariña, ingresa na escola de Artes e Oficios de Vigo, e da man do seu primeiro mestre, Camilo Nogueira, coñece as primeiras técnicas de modelado e tallado, o que suporía un maiúsculo avance sobre o que viña facendo de máis novo. Daquela, con absoluta facilidade, obtén diplomas en talla e debuxo, o que supuxo unha maior decisión para continuar coa súa intención de formarse como artista a pesares da oposición dos seus pais, que matinaban en que se dedicase a algo que o fixese un home de proveito. Co fin de poder contar cun espazo cunhas condicións mínimas que lle permitisen traballar nos bosquexos e modelados, monta á medida das súas posibilidades, un minúsculo obradoiro en Cangas, concretamente na rúa Benigno Soage, -fronte ao que fora taberna dos Filgueira, logo Casa Juan-, corruncho que logo sería o lugar de asentamento do "afiador". Era unha maneira de deixar atrás a aldea onde nacera e afastarse do mundo. Contábame Eiroa que os mozos da época, abusando da boa persoa que viña dunha aldea que daquela supuña un lugar remoto, tirábanlle pedras polo ventanuco e rompíanlle as escaiolas e barros que con tanta ilusión modelaba e alí amoreaba o xa escultor Xoán Piñeiro.

Traballador inesgotable, con asombrosa facilidade comeza a realizar retratos, aos que imprime, ademais dunha abraiante identificación co modelo, unha singular expresión que ateiga de vida a toda a materia. Para esta etapa, ademais dos seus pais, familiares e contorna, vai seleccionar unha serie de personaxes con marcados rasgos e singular fisionomía. Esta vai ser unha obra que, xunto coa costumista e de corte tradicional, e a obra sacra, han servir de base para futuras creacións, e supor un firme alicerce para se forxar como escultor, como artista, como creador.

No ano 1947, presenta a talla en madeira "San Telmo" ao concurso que a Obra Sindical de Artesanía convocara en Vigo, acadando ser premiada, o que supón un primeiro recoñecemento ao o seu traballo como artista. En outubro dese mesmo ano solicita unha beca ao Concello de Cangas que, en colaboración coa Obra Sindical, vai permitirlle ampliar os seus coñecementos nun obradoiro-escola de talla e imaxinería en Santander, ao que se incorpora no mes de novembro e vai permanecer alí ata o verán do seguinte ano. Concluído o curso 1947/48, decide permanecer en Santander o resto do verán, tempo no que realiza os primeiros encargos, dous bustos, o que lle permitiría facer fronte á situación de precariedade que padece, en boa medida polos constantes retrasos das contías das becas. Vai ser daquela o artista veterano Victor de los Ríos, quen o anima a que se estableza en Madrid.

De regreso a Cangas, vai establecer amizade con amigos que o animan: Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro, Xosé María Castroviejo, Pepe Poeta ou os Massó, amizades que han perdurar no tempo. No outubro de 1948, solicita unha beca á Deputación Provincial de Pontevedra co gallo de ampliar os estudos de escultura en Madrid, a que lle é denegada, sendo de novo o Concello de Cangas e Artesanía Nacional, quen lle prestan axuda visto o éxito obtido en Santander, o que facilitou o seu ingreso como alumno libre na Escola das Nobres Artes de San Fernando, onde entre outros, obtén coñecementos dos profesores Moisés de Huerta e Enrique Pérez Comendador, impulsores dunha singular tradición estética da figuración e realismo clásico. Ao tempo do aproveitamento académico, asiste a clases do Mestre Capuz na Escola Superior de Artes e Oficios, quen lle facilitaba as chaves do centro para que aos domingos puidese adiantar nos traballos. Neste tempo, non deixará de atender os encargos, polo que monta un pequeno obradoiro en Santander ao que acude de xeito intermitente dende Madrid durante os anos 1949 e 1950. No 1949, aínda como alumno de San Fernando, envía á Exposición Nacional a obra "Escorzo", da que fai referencia nunha importante crónica de arte Camón Aznar, que resulta ilustrativa: "... pero predominan los bustos, y entre éstos destaquemos el modelado en ´Escorzo´ por Piñeiro". De momento X. Piñeiro vese inmerso na realización de obra de corte sacro así como o retrato, sempre coincidindo no dominio e perfeccionamento da talla directa en pedra e madeira, sacada de puntos para ampliación ou redución, modelado e vaciado. No ano cincuenta, desenvolvía o seu labor en Madrid, Santander e Galiza. Axudado por Fernando Álvarez de Sotomayor, daquela Director do Museo do Prado, instala o seu obradoiro en Vallecas. Este obradoiro vai ser ademais un espazo de encontro de intelectuais, entre os que van ser habituais membros do colectivo Brais Pinto.

No 1952 a Deputación de Pontevedra, concédelle unha beca renovable durante tres anos, tempo que continúa en San Fernando, aínda que so vai asistir ás clases realmente de seu interese. Daquela coñece ao tamén becado pintor goianés Xavier Pousa, con quen comparte obradoiro. Nunha das viaxes dos dous artistas a Goián, coñece a Carmiña Álvarez, curmá de Pousa, con quen vai casar no 1956 e, coa que vai ter catro fillas. Neste ano o Concello de Cangas non entendendo necesaria a axuda que viña realizando dende os comezos, retíralle a beca de estudos.

As distincións conseguidas nas participacións en mostras oficiais, como a 2ª medalla na exposición Nacional do ano 1955, coa obra ´Meus pais´, ou a 1ª medalla no 1956 e premio extraordinario do Concello de Madrid, coa obra "Expiación", ábrenlle o camiño a encargos de obras monumentais. No ano 1962 de regreso a Galiza e, ata o 1964 instálase en Vigo, concretamente nunhas instalacións habilitadas nas murallas da aínda guarnición militar Castelo de O Castro, onde monta o seu obradoiro de escultura, porén non abandona o espazo madrileño, acaso mais ben como refuxio bohemio que centro de traballo. Aí vai converterse no punto de encontro con amigos e artistas, algúns antigos compañeiros da escola, como: Venancio Blanco, Donaire, César Montaña, Chirino, Carrilero, Berrocal, Capa, Amadeo Gabino, Lapayese, , Barón, Elena Colmeiro, Mercedes Ruibal, Laxeiro, Pérez Bellas, ... Xa instalado en Vigo, rapidamente se integra nos movementos culturais. Relaciónase coa Asociación de Prensa e co Ateneo de Pontevedra, así como con poetas e escritores como Cuña Novás, Celso Emilio ferreiro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, etc., convertendo o obradoiro de Vigo, como xa fora o de Madrid, lugar de amizade e tertulias.

De novo sinte necesidade de illamento e no ano 1965 instálase en Goián, por onde van pasar artistas como: Silverio Rivas, Picallo, Antúnez, Xosé Álvarez ou Eloy Delgado, entre outros. Xoán Piñeiro, consciente das dificultades polas que el pasara, abriu o seu espazo a calquera que tivese motivación pola arte. Nesta etapa amplamente creativa e fecunda vai traballar en encargos e xorden moitos de monumentos públicos que han ser instalados pola xeografía galega, de xeito que vai mudando de Xoán fai santos, a escultor de monumentos, claro está, pasando polo de Artista Xoán Piñeiro. Á sazón, lembro que me comentara que no obradoiro de Goián, cando comezou fundir bronce, fixera un aparello co motor dun Citroën 2 cabalos, para activar a temperatura do crisol.

Podiamos falar ata infindo deste personaxe, grande artista, creador, maiúsculo escultor a pesares das dificultades, xeneroso e amigo. Polo de agora imos deixar aí para que o maxín dos interesados afonde no ausente e, incluso poida aportar anécdotas que enriquezan a súa lembranza. Porén non quixera concluír sen antes referirme ás últimas estadías nas que coincidiramos, que se converteron nas derradeiras.

No mes de novembro de 1980, falecía o pintor cangués Antonio Nores Rial, amigo tamén de Xoán Piñeiro. Por iniciativa e co apoio da recente corporación municipal de Cangas, primeira elixida democraticamente dende o alzamento desnacional do 36, cuxo alcalde viña a ser Xosé Chapela (Chimé) e concelleiro de cultura Henrique Harguindey Banet, decidimos organizar unha exposición homenaxe ao devandito A. Nores, coa participación de artistas do Morrazo. Ao poñernos en contacto con X. Piñeiro, non dubidou en colaborar, polo que nos diriximos César Varela e eu ao seu obradoiro en Goián. Coma de costume abriu unha botella de albariño de Viñó para nos convidar antes de pasar a seleccionar obra para a referida mostra-homenaxe. "Escoller vós", díxonos coa habitual xenerosidade.

Instalada a exposición, daquela, diante da ausencia de todo espazo cultural, fora no local do Casino, sito en Euxenio Sequeiros, a inauguración estaba prevista para o domingo 21 de decembro ás 12 do mediodía. En Vigo, o sábado 20, tiña lugar unha homenaxe ao escultor Reinaldo, á que entre outros asistía Xoán. Con anterioridade falaramos da posibilidade de que pasase a noite con nós en Coiro, para ao mediodía do domingo acompañarnos no acto inaugural, pero debía rematar algunhas obras dada a exposición que tiña en datas próximas, quero lembrar que en Sevilla, polo que desestimou a posibilidade de se quedar. Ao remate do devandito acto en Vigo, e de regreso a Goián, ao paso por Porriño, un fatal accidente acabaría coa vida do Mestre, e con el todo un proxecto de vida, unha magna contribución á Arte. A mostra foi inaugurada co consentimento da familia, e ao remate, na compaña de Xosé María Barreiro, viaxamos para asistir ao sentido e triste soterramento en Goián.

O 21 de decembro de 1980, quedará marcada para sempre na memoria do seu Cangas natal e súas xentes, tamén de Vigo onde residiu, e Goián onde casou e creou. Nalgún momento coincidiremos nesa viaxe a ningures e sen retorno, coa seguridade de que o escultor seguirá coa mesma lideira de labrar pedra, tallar madeira, acariñar barro, para nos agasallar cos seus xenerosos partos, pois abofé que consigo levara infinidade de proxectos, de obra á que tan sutilmente se tiña entregado, pois como reafirmación a toda a figuración e realismo que dende neno se tiña entregado, e logo fora cultivando para consolidarse no oficio que tanto amara, virían novas etapas de creación e recreación nun movemento plástico de altos valores éticos e estéticos, que foran gañando presencia vangardista. A simplificación progresiva das formas aproxímano a espazos cubistas e altas doses de abstracción, sen perder en momento algún a doce expresión que reportan as formas envolventes das composicións. Dita evolución seguramente comeza na simplificación de trazos das "Plañideiras". O maxisterio da perspectiva na "Cea". O amor e dozura en "Alumbramento".

Daquela, grazas a sensibilidade do entón concelleiro de Cultura Henrique Harguindey, puidemos nomear dúas rúas con frescos e merecidos nomes de cangueses, unha dedicada a Antonio Nores e, outra a Xoán Piñeiro, esta na súa Nerga natal, concretamente onde sesenta anos antes nacera o xenial escultor e anteriormente coñecida como Camiño da Fonte, onde xunto ao nome luce un relevo do artista por xentileza da familia, da mesma maneira que o autorretrato presente na Alameda de Félix Soaxe.

Cangas conta con varias obras do xenial escultor, entre elas e máis popular na mesma alameda "A volta do mar" máis coñecida como "Estatua da fame", porén, non debemos esquecer que un dos maiores desexos de X. Piñeiro era realizar o gran monumento á vila, aos seus mariñeiros, unha obra de gran formato que pretendía que se emprazase na punta do peirao ou en todo caso na fronte marítima, a modo de tributo ao mar e, de benvida as xentes que nos visitasen. Sería a dun mariñeiro sobre a proa da embarcación "Mariñeiro tocando o corno", polo que seguiremos optimistas e pensando que nalgún momento, e algunha corporación, será sensible e dará cumprimento a esa derradeira vontade.

Lembro cando me dixera: "Camilo, temos que conseguilo, esa gran obra será a miña homenaxe a tanto sufrimento das xentes do mar e símbolo de Cangas". Por todo iso e moito máis, Xoán Piñeiro seguirá inmortal a través de tan magna pegada que nos deixa como legado.

*Artista

Compartir el artículo

stats