O programa de actividades de Adicam para o Mes Internacional do Cancro de Mama inclúe as mesas informativas sobre a doenza e o seu tratamento que se instalan desde hoxe nos municipios do Morrazo, así como en Pontevedra e Vigo. A cidade olívica inicia e remata ese calendario, pois hoxe atenderán ao público no mercado do Calvario, e o luns día 19 péchase o ciclo con mesas en varios centros hospitalarios e tamén na rúa Príncipe. Entre estas citas, haberá mesas informativas na zona da Peregrina, en Pontevedra (mércores 7), Marín e Bueu (xoves 8), Cangas (venres 9) e Moaña (sábado 10).

A fin de semana (venres 9 e sábado 10) será o turno das XIX Xornadas sobre o Cancro de Mama, no salón de plenos de Cangas. Abordaranse temas como o diagnóstico durante o embarazo e a lactancia, a sexualidade en pacientes con cancro e mesmo o "pasado, presente e futuro" da covid-19, con turno posterior de preguntas.