Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Arias, nobre de Ribadavia, mandou facer a igrexa de San Martiño

O investigador moañés indaga, co gallo das vindeiras celebracións da feira Moaña Antiqua e das festas parroquiais, na orixe do templo románico rematado e consagrado en 1197

Tímpano da portada rematado co baixorrelevo de Fernando Arias e a inscrición: ARIAS FECI. Foto cedida por X.C. Villaverde.

Co obxecto de coñecer a historia da igrexa de San Martiño de Moaña, nun primeiro lugar recorreuse ao libro "Arquitectura románica en Pontevedra" do historiador ferrolán, Isidro Bango Torviso, editado pola fundación "Pedro Barrié de la Maza" en 1979 quen, despois de traducir do latín ao castelán a inscrición que se atopa arredor da curvatura do tímpano da súa porta principal, sinala o seguinte:

El único problema lo presenta la lectura del signo B o R de Abas o Aras, inclusive puede que sea Arias, la altura y lo desgastado del granito hacen difícil su visión.

A devandita dúbida foi fácil aclarala pois, mediante unha escaleira de man, accedeuse a dito tímpano co obxectivo de limpar e resaltar, cun lapis, as súas letras finais; deste xeito, tal e como se pode observar na foto, a inscrición remata coa frase en latín: ARIAS FECI, equivalente a EU ARIAS MANDEINA FACER, posta enriba dun baixorrelevo coa súa figura.

Coñecendo que un personaxe apelidado Arias mandou construír o templo, consagrado en 1197, non se soubo nada del ata que, na primeira década do presente século, o catedrático xubilado de latín, José Bto. Rguez. Parada, investigou no Archivo Histórico Nacional de Madrid, un documento en latín do ano 1184 (Clero sécular -regular, Carp. 17); despois de transcribila e traducila ao galego, comprobou que se refería a que, na cidade portuguesa de Coimbra, o 31 de xullo de 1184 Fernando II, rei de Galicia e León, fai dación e doazón da "Herdade de Sabaceda", no Morrazo, a un nobre membro da súa corte, chamado Fernando Arias, emparentado coa máis alta aristocracia galega mediante o seu casamento con Tareixa Bermúdez, filla de Bermudo Pérez de Traba e irmán do conde Fernando Pérez de Traba, o magnate máis poderoso e influente de Galicia a mediados do século XII.

Dito catedrático moañés, despois de estudar a fondo o documento conclúe:

...que o 31 de xullo de 1184 en Coimbra, poucos días despois da vitoria de Santarem, no intre de recompensar polos servizos prestados aínda que todos fosen beneficiados polo botín, Fernando II, por intervención do arcebispo Pedro Suárez que estaba presente, fixo a doazón da herdade que tiña en Sabaceda a Fernando Arias, un nobre rico da súa corte, relacionado familiarmente con el e honrado con importantes tenzas...

De todas maneiras, Fernando Arias en ningún caso podería "motu proprio" mandar erguer a igrexa, nin gravar no tímpano a inscrición ARIAS FECI, sen a autorización do Arcebispo de Compostela. O 7 de maio de 1179 o papa Alexandre III promulgara unha bula pola que se lle outorgaba o Palio a Pedro Suárez e, nunha das cláusulas, prohibíaselle expresamente a calquera persoa ou comunidade adquirir ou fundar casas e igrexas nos lugares propios da Igrexa compostelá, sen coñecemento do Arcebispo.

En resumo, Fernando Arias foi un nobre rico da corte de Fernando II, emparentado coa poderosa familia do conde de Traba e relacionado co círculo familiar do monarca, quen o honrou con importantes tenzas e o favoreceu con algunhas doazóns; entre elas, a de Sabaceda.

Na revista "Bracara Augusta" da Cámara Municipal de Braga, aparece un traballo sobre os Arias de Galicia asinado polo ilustre médico e medievalista de Ribadavia, D. Manuel Rubén García Álvarez, finado en 1980, onde se pode ler o seguinte parágrafo arredor das orixes de Fernando Arias:

Lo que sí parece seguro es que era gallego y que residía en esta región en la primera mitad del siglo XII, inclinándome yo a suponerle natural de la Castela de Orense, es decir, de aquella tierra medieval que corresponde al actual Ribeiro de Avia, en la comarca de Rivadavia.

Fernando Arias e Tareixa Bermúdez tiveron varios fillos; un deles, posiblemente Fernando, fixo casa en Sabaceda onde residiron os netos, Fernando e Paio Arias, segundo se constata en senllas escrituras dos anos 1232 e 1237, procedentes tamén do "Archivo Histórico Nacional de Madrid" que os sitúa en "Sancti Martini de Moania" (San Martiño de Moaña); trátase dos primeiros documentos, escritos en latín, nos que aparece claramente o topónimo Moania (Moaña en galego e castelán).

Os irmáns, Fernando e Paio dedicáronse á vida eclesiástica; o primeiro como presbítero de Moaña e Lores (Moraña) e, o segundo, como frade en Armenteira.

Das análises feitas no museo de Pontevedra, en cuxo edificio Sarmiento está exposto un tímpano procedente da igrexa moañesa, dedúcese que foi cicelado por canteiros portugueses que, no século XIII, traballaron na catedral de Tui o que dá a entender que o templo rematouse en 1197 sen sancristía e que, posteriormente, os dous citados netos de Fernando Arias mandaron construír unha no estilo románico de transición ao gótico, con porta exterior coroada polo tímpano do museo, cuxa réplica pode contemplarse no patio da antiga reitoral moañesa. Esta sancristía botouse abaixo en 1763 para construír a actual.

A observación doutras representacións medievais similares, levan a contemplar a posibilidade de que os dous persoeiros que se atopan nos extremos do tímpano en actitude de ofrecer unha doazón, deben ser os citados Fernando e Paio Arias.

O padroado e dereito de presentación de abades que tiñan os Arias sobre a igrexa de San Martiño rematou en 1237 cando os dous irmáns, por non ter descendencia, cedéronllos ao mosteiro de Armenteira, onde Paio exercía de frade. A partir dese ano, atopáronse escrituras do século XIV en que aparecen os Eans (Yañez en castelán), devanceiros de Fernando Eans de Soutomaior, pai de Pedro Madruga, como patróns do templo moañés.

Compartir el artículo

stats