Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Adicción ao móbil

A adicción ao móbil inda non está recoñecida polos manuais de saúde mental, pero segundo varios estudios afecta a entre o 10 e o 50% da poboación. A nomofobia é o medo irracional a saír sen móbil. Os adolescentes son os máis vulnerables, e os seus problemas de saúde mental están crecendo. Ao igual que a preocupación das nais e pais polo ciberacoso, a pornografía, o abuso das redes sociais, e o senvivir sen o móbil.

Unha adicción é unha compulsión a repetir un comportamento prexudicial. Máis grave canto máis difícil de controlar e maiores os seus prexuízos. A compulsión a usar o móbil é bastante intensa, pero os seus prexuízos non son tan visibles como noutras adiccións. Salvo en casos extremos, máis que adicción, existe un uso abusivo con consecuencias negativas pero abordables.

Os teléfonos intelixentes teñen grandes utilidades. Unha obvia é facilitar a conexión. E as redes sociais (facebook, twitter, instagram) aproveitan esta necesidade humana para manipularnos. Fomentan, sen ningunha ética, o tempo de conexión, para vender no mercado publicitario millóns de consumidores. A máis xente conectada, a máis tempo de conexión, máis ganan en publicidade. Controlan perfectamente o que fai cada usuario. Empregan as notificacións, os likes, as etiquetas, as solicitudes de amizade, para multiplicar a necesidade de consultar a cada momento o móbil. Incentivan ao máximo que se interactúe. E caemos na trampa, e a fomentamos. Está mal visto non contestar un whatsapp, un messenger, non dar likes aos amigos. Se non o fas es un antigo ou un rariño, e podes quedar illado.

Moitos adolescentes senten ansiedade se non están activos nas redes, amosando a súa vida virtual, ideal, pero falsa. Se non publican nada os seus amigos creen que están moi enfermos. Vénse grupos espallados arredor dun banco, sen mirarse, enfrascado cada un no seu frasco intelixente. Conectados a un mundo ficticio e desconectados da vida que os rodea. Cada frasco co seu aroma prefabricado especialmente. Saben o que nos gusta, o que pensamos, e o fomentan. É como cando buscamos uns zapatos e nos saen anuncios de zapatos no xornal, no noso xogo, ou en Facebook. Se simpatizas con Vox todo son novas que alimentan os teus argumentos. Se te preocupa o planeta verás a cada momento vídeos das atrocidades que sufre. As redes sociais están polarizando a sociedade. Dan opinións, ou fakes, como informacións e reafirman á xente nas súas visións parciais, empurrándoas por un túnel construído o xeito de cada un con retallos de realidade virtual.

Debemos regular máis a influencia das poderosas corporacións que moven estas redes. E hai que educar no uso do móbil, con medidas socioeducativas, e na familia. Ensinar xestión emocional, a lidar co aburrimento, destapar a oca falsidade dos likes. Contrastar a información con feitos, non con opinións. Formar en sexualidade para evitar que a confundan coa pornografía. Promover unha interacción real en espazos saudables, subvencionar un ocio participativo, cultural, activo, máis alá de saír a beber. Evitar que a mocidade leve os móbiles a durmir, os consulten nas comidas ou nas clases. Promover a autorregulación con topes de uso diario, desde o exemplo.

Algunhas sinxelas técnicas para reducir o seu uso son: non levalo sempre enriba, ter un sitio onde deixalo. Poñer de foto de pantalla un cartel coa pregunta ¿o necesito agora? Empregar o modo avión, modo silencio, ou nocturno. Pasar horas, ou un día, sen móbil. Sincronización manual do correo. Eliminar as apps que non se empregan. Chamar, mellor que enviar mensaxes. Silenciar os grupos de whatsapp. Eliminar as notificacións.

(*) Directoer UAD Cangas. Psicólogo clínico

Compartir el artículo

stats