Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fabricantes de burbullas (I)

O cangués Ángel Zabala Borines foi un dos pioneiros en Galicia en producir gasosa, cunha fábrica en Cesures

Gasosas Cabanelas. // Arquivo do autor

É ben certo que a historia da chamada auga gasosa pouco tén que ver con España e menos con Galicia, pouco avanzadas na química, xa que foron eminentes científicos franceses, ingleses, holandeses e suecos, os que desde diferentes ópticas, conseguiron separar a comezos do século XVII o dióxido de carbono. Pero sería o inglés Joseph Priestley quen obtuvese en 1767 o CO² proviñente da fermentación da cervexa, conseguindo disolvelo en auga coa axuda dun vaso apropiado a tal fin. Este sistema sería mellorado no século seguinte polo reloxeiro alemán Jean Jacob Schweppe cuxa intención non era outra que elaborar auga carbonatada a imitación das que manaban no famoso manancial de Seltzers en Hess, Alemaña que exportaba máis dun millón de botellas en 1867. Se o nome de Schweppe se perpetuou nunha marca de refrescos o de Seltz pasaría a denominar a auga carbonatada que moitos coñecimos nos sifóns para engadirlla ao vermú. Desde estas datas e ata as primeiras décadas do século XX, as augas minerais naturais e as carbonatadas adoitaban venderse nas farmacias por iso se lle atribue ao farmacéutico de Manchester, Thomas Henry, a primeira comercialización con fins medicinais da auga con gas, a auga de seltz, limonadas e outros remedios que pretendían máis que calmar a sede. Entre estes aparece a gasosa a que se atribuían tamén virtudes medicinaos pois era dixestiva e facilitaba a circulación sanguínea, segundo a publicidade das primeiras fábricas.

A primeira fábrica de bebidas carbonatadas aparece en Nova York en 1832 e desde aquí comeza a estenderse por América e Europa. Trinta anos despois só existían en España unha decena de fábricas, a maioría en Cataluña, sendo as farmacias as primeiras que contaron con maquinaria para fabricar a auga carbonatada. Pecisamente polo contido gasoso do produto, esta bebida esixe o seu envase en botellas de cristal, mentres que o leite e o viño podían adquerirse levando o cliente o seu propio recipente. E así aparece o novidoso sistema da devolución do casco ou envase retornable que se pagaba na primeira adquisición e cuxo prezo era facilmente reintegrado en caso de non comprar o produto de novo.

Galicia e a "ghasiosa"

A primeira fábrica coñecida de bebidas espumosas estableceríase no concello coruñés de Bergondo cara a 1840 estando en produción pouco máis dun ano e medio. Non sería ata o ano 1874 que se abre outra en Santiago pero a seguinte, segundo se recolle nos rexistros, deberíase ao cangués Ángel Zabala Borines, un dos oito fillos de Ignacio A. Zabala y Pimentel, señor da Granxa de Rodeira, casado con Benita Borines y Avalle. O seu pai foi rexidor e alcalde de Cangas e unha irmá sua, Balbina, mereceu a atención mediática por unha milagrosa curación que lle supuxo ser coñecida a nivel local como a "Santa de Rodeira". Nunha época en que as rendas da terra xa non daban para manter unha familia de seis fillos, Ángel Zabala, un deles, vai abrir en San Luis de Cesures cara a 1882, un almacén de coloniais e ultramarinos e anos máis tarde, a primeira liña de autobuses Cesures-Padrón. Como dixemos, Ángel vai instalar a que vai ser a segunda fábrica de gasosas de Galicia en 1886 baixo o nome de "Gaseosas Zabala", marca que contaba con manancial propio, elaborando entre 100 e 300 litros deste produto á hora e contando ao pouco con distribuidores nas vilas da contorna, chegando incluso a Santiago. José Ángel Castaño Zabala seguiría rexentando durante moitos anos a fábrica de gaseosas "Zabala" e un almacén de bebidas na rúa Carlos Maside de Pontecesures.

Nestas datas, a fabricación de gasosa vai sufrir unha auténtica revolución, abríndose fábricas en todas as cidades e en case todas as vilas galegas. Despois de Zabala e por proximidade a Cangas, anotaremos en 1888 a apertura da fábrica de Sanjurjo Guntín en Pontevedra e a de Manuel Troncoso e Irmáns en Vigo que estarían sen competencia un tempo ata que un ano despois abriron tamén nesta cidade "La Aurora" e "Las Delicias". Porén, na cidade do Lérez, ademáis da antes citada, abrirían fábricas en 1894, José Piñeiro e Eduardo Barros Franco. En 1900 abriríanse as tres primeiras fábricas en vilas do Morrazo, duas en Marín, unha da man dos industriais Juan Rocafort e outra dos Irmáns Troncoso e a terceira en Bueu a iniciativa de Tomás Bolívar. Nesta relación de pioneiros da gasosa sobrancearía o apelido Troncoso que igual que o de Feijóo van estar moi ligados durante anos á fabricación deste produto e dos refrescos en Pontevedra, Vigo, Ourense e algunhas outras vilas.

A primeira fábrica de gasosas de Cangas abriría en 1906 da man de Manuel Cabanelas Pedrosa, empresario multiactivo desta época ao que xa lle dedicamos referencias noutros traballos anteriores. Semella que a primeira intención deste industrial non era esta senón que, sen abandonar o tema das burbullas, pretendía a fabricación de viños espumosos ao estilo francés ou catalán. Coidamos que desistiría do tema do cava pola falta de castes vinícolas apropiadas na zona e polo estudo que fixo in situ dos modernos métodos aplicados en Cataluña a onde se desprazara en agosto de 1905.

Cabanelas sempre defendía a calidade dos seus refrescos e gasosas ante a competencia que consideraba de segunda clase pois valoraba os seus produtos porque levaban precinto e etiqueta. En 1912, á Cabanelas vaille aparecer a competencia das fábricas de Germán Rodal Fernández na praza do Arco e a de Manuel Mariño na rua Alfonso XII, denominada despois Calvo Sotelo e logo rua do Hio.

Xa cara a 1914, Cabanelas deixaría este negocio das gasosas que había continuar neste ano, quizáis por traspaso, José María Mariño Martínez que abre a sua fábrica na rua Real. José Mª Mariño era fillo de Nemesio Mariño García, dono da "Fonda Americana" (c. a 1900) e do Café "La Marina", aberto na praza da Constitución en 1901, moi concorrido polos xelados que expendía os xoves, domingos e días festivos. Nemesio falecería sete anos despois a causa dunha coitelada inferida no medio dunha liorta por un canteiro que traballaba en Cangas. Xa que logo, Cangas seguiría contando nestas datas con tres fábricas de gasosas que se manterían ao menos ata 1924, ano no que Antonio Souto Barreiro tamén rexentaría en Bueu unha fábrica de gasosas e sifóns denominada "La Columbia", herdeira daquela primeira de Bolívar.

"La Argentina"

Cara aos anos vinte José Mª Mariño comercializaría a sua gasosa baixo a marca "La Argentina", distribuindo os refrescos "Royal Oro" e as cervexas "La Austriaca". As camionetas de reparto deste e máis de Manuel Mariño, ocupadas por varias persoas, serían protagonistas de sonados accidentes, sobre todo a deste último, que cargada de gasosas e sifóns, caeu pola canteira da Borna terraplén abaixo, salvándose todos de milagre

En 1930, esta fábrica pasaría logo a un local de Montero Rios onde incorporaría o tapón corona como novidade e Ángel Graña Martínez abriría unha nova fábrica en Eugenio Sequeiros, continuando as de Manuel Mariño e a de Germán Rodal Fernández na rua do Hio e na praza do Arco, respectivamente. En 1939, Cangas seguía contando con catro fábricas de gasosa e refrescos, abrindo José González Cerviño outra nova en Vilariño e pechando dous anos despois a de Rodal na praza do Arco.

Nesta altura, a capacidade de produción destas fábricas achegábase aos 100 litros á hora cada una e a maquinaria para a produción non era excesiva nin moi custosa, sendo de rápida amortización pola gran demanda destes produtos (gasosa e sifón) de aí a proliferación deste negocio en toda Galicia. A maquinaria constaba dunha mesturadora do gas coa auga e coa sacarina, dulcina, esencia de limón e ácidos tartárico e cítrico, este previamente disolto en auga fervendo. Nunha fábrica básica había unha envasadora de duas botellas que en caso de gran produción podían ser de catro ou seis, unha taponadora e unha envasadora de soda ou seltz para os sifóns. Porén, o máis importante dunha fábrica destes produtos era a auga e a sua cualidade para o que se precisaba contar cun bo pozo ou manancial, asunto este moi crítico en Cangas pola contaminación que se producía nos mesmos como xa referimos ao falar das fontes. Por iso e pola situación das fábricas de gasosas no casco antigo, estas estaban sometidas a rigorosos controis sanitarios e chegado un momento, abocadas a deixar o envasado propio, acuciadas tamén pola forte competencia das grandes marcas.

(*) Mestre e historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats