Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

manuel pena | Director do FICBueu

"O FICBueu demostrou que os festivais son seguros e a actitude do público foi dun 10"

Asegura que o certame chegou a un punto de inflexión e "o importante non é o tamaño, senón facer as cousas con paixón"

O director do FICBueu, Manuel Pena, cun cartel da edición recén rematada do certame.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) pechou o sábado no Centro Social do Mar a súa edición máis complexa e incerta debido as circunstancias da pandemia da Covid-19. Practicamente sen tempo para descansar a organización comezou onte a desmontaxe e en moi pouco tempo comezará o traballo para a edición de 2021. O director do FICBueu, Manuel Pena, fai balance deste ano tan peculiar.

- En primeiro lugar, como valora esta edición marcada polas restricións do coronavirus e que obrigou a reducir a programación?

-Como una demostración de que os festivais son un espazo seguro, tendo neste sentido un gran recoñecemento polo público asistente que ía incrementando ao longo da semana, e tamén como una demostración de que o público do FICBueu é o seu fiel aliado por máis complicadas que sexan as circustancias.

- Ante a evolución do virus e as restricións que se foron ampliando ao longo do verá, chegaron a temer que non se puidese celebrar o festival?

-A incerteza de que algunha normativa o impedise estaba sobrevoando en todo momento, pero tiñamos moita confianza en se ían chegar algunhas medidas máis restictivas estas non chegarían ate o outono, polo que estabamos moi confiados en que o festival que tiñamos deseñado, ou re-deseñado polas medidas de seguridade, poderíase levar a cabo sen problemas.

- Que tería suposto para Bueu e para a Asociación FICBueu unha eventual cancelación do certame?

-Para a vila e para o público un oco. Penso que moita xente estaba necesitada dun evento presencial, de volver ao cine, dunha boa dose de cultura. Moitas persoas nos dicían que estaban encantados de volver por primeira vez ao cinema desde a pandemia. E para nós a celebración era absolutamente necesaria polo traballo realizado desde o pasado decembro, se non se desenvolvese estaríamos nunha complexa situación para acadar a financiación para pagar todo o traballo deses profesionais.

- A opción dunha celebración vía online, era unha posibilidade real ou estaba descartada?

-Foi unha opción que estudamos nun primeiro momento pero finalmente a descartamos. En todo momento tiñamos claro que o festival tiña que ser presenzal, é a única razón de ser dun festival de cinema.

- Ante unhas circunstancias tan excepcionais como as que estamos a vivir o comportamento e a responsabilidade do público era clave. Que nota lle poría aos asistentes ao festival?

-Claramente un 10. As medidas eran estrictas e non houbo nin un so problema, se executaron en total harmonía entre o persoal do festival e o público. Si que a moitos lles quedaba a pena de non poder sentarse xuntos, pero entendían perfectamente o excepcional da situación.

- Nun apartado máis técnico e xa rematado o festival, como valora a calidade das curtas presentadas este ano? As que se levaron ás Ánforas estaban entre a súa terna de favoritas para levarse o premio?

-Penso que a calidade foi especialmente boa este ano, como así o confirmaron tanto os xurados como o público. Ademais o foi en todas as seccións. Neste senso non nos afectou a pandemia, xa que apareceu so un mes antes de pechar o período de recepción de filmes. As dúas ánforas["Flor de papoula" e "Olla"] si que estaban nas miñas favoritas, nas cinco ou seis favoritas. Que eu lle outorgara as ánforas xa non o teño tan claro, este foi un ano onde non tiña grandes favoritas. Había una ducia de curtas dun nivel moi parello.

- Cando se presentou o festival anunciouse como novidade a creación da Sección Comedia, unha especie de premio para o público do FICBueu. Esta sección chegou para quedarse?

-Penso que si, xerou moita expectativa. A pena é que non lles pareceron filmes moi cómicos [risos]. Tamén dependerá de como argallemos o esquema de programación da vindeira edición.

- Igual é aínda un pouco cedo, pero ¿pensan xa na edición de 2021 do FICBueu?

-Totalmente. Arrancamos en dous meses. Hai que establecer os equipos de traballo, ir visionando xa filmes e xa ir pensando en como pode afectar a incerteza, en canto a pandemia e o festival que poderemos levar a cabo, ao traballo que desenvolveremos de decembro a maio.

- Despois de trece edicións, o festival ten marxe para seguir crecendo?

-Sempre o ten. Pero logo dun crecemento moi forte entre a oitava e doceava edición, co peche desta última penso que chegamos a un pequeno punto de inflexión e de crecemento moderado. Pero o importante non é o tamaño, senón tentar seguir facendo as cousas con paixón e cariño.

Compartir el artículo

stats