Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Guerra de Cuba: a volta dos derrotados (II)

O autor aborda a chegada ao porto de Vigo do "León XIII", con máis de 2.000 soldados a bordo

Pintura de Lluís Graner. Desembarco de repatriados de Cuba.

Accidentada arribada: o venres 15 de setembro o "León XIII" chega a Vigo

Ás 7:00 horas da mañá, é avistado á altura da Borneira o buque "León XIII", que transportaba o cuarto continxente de repatriados chegados a Vigo provenientes da illa de Cuba, comandado este polo Xeneral Toral y Velázquez . Traía 153 xefes e oficiais e 2.057 soldados de reemprazo. Chegaban nunhas condicións insalubres pola total falla de espazo. A capacidade do transatlántico era apenas de 1.100 pasaxeiros, viñan carentes da máis elemental atención hixiénica e sanitaria. Non falemos da ausencia de víveres e auga que tiveron que soportar practicamente toda a viaxe: isto favoreceu a perda de 22 soldados no tempo que durou a travesía. Ás 8:30 da mañán chegan a bordo representantes do Goberno Militar e da Corporación Municipal de Vigo, presidido polo alcalde Antonio López de Neira. Déronlles a benvida, pediron calma e tranquilidade á multitude que agardaba ansiosa o momento do desembarco para apertar os moi xoves e infelices soldados. A xente que esperaba no peirao oscilaba entre as 700 persoas da primeira hora da mañán e as 1.500 pola tarde, case todas mulleres.

Finalizado o acto formal de benvida, o xefe da expedición, Xeneral Toral, abandona o León XIII dunha maneira unilateral, contravindo a lexislación marítima, para instalarse comodamente no Hotel Continental (hoxe desaparecido) situado o carón do aínda existente Hotel Universal, na compaña do seu secretario persoal. Con anterioridade ao abandono do barco, Toral ditou unhas ordes que alporizaron aínda máis a multitude alí congregada, a saber: quedaba suspendido o desembarco dos soldados repatriados ata o día de mañán sábado ás 09:00 horas. Como o León XIII quedou afastado do peirao por seguridade, ante a presión dos manifestantes, non puideron proporcionarlle dende terra auga nin alimentos ós soldados que os pedían a berros, aínda sen ningún tipo de atención sanitaria, nin comida, nin bebida, ata que chegou a hora previamente sinalada. E iso que no pavillón do porto estaba preparado dende primeira hora do venres un posto de comida e refrescos instalado pola Cruz Vermella para servicio da tripulación a desembarcar, dado que os enfermos e contaxiados quedarían no barco camiño do Lazareto, onde tiñan que cumprir a corentena. Para facer cumprir as ordes de Toral, quedaron apostados no peirao vigués uns reténs compostos por forzas de Carabineiros e Garda Civil, que foron sobrepasados en repetidas veces.

Ante tan esaxeradas decisións, as xentes que agardaban o desembarco dos repatriados preto do peirao de ferro, organizáronse en manifestación, enfrontáronse ás forzas da orde, ata ben entrada a noite, e producíronse graves altercados que tiveron reflexo en toda a prensa do Estado.

O obstinado xeneral Toral, xefe da expedición do "León XIII"

Texto José Toral y Velázquez foi un controvertido militar, sempre rodeado de polémica, tremendamente agresivo e despectivo cos seus subordinados. Naceu en Mazarrón (Murcia). Foi o último Gobernador Militar da praza de Santiago de Cuba. Foi derrotado na contenda que librou contra o exército norteamericano pola posesión do último recuncho español da illa caribeña. Na batalla de Santiago de Cuba morreron 2.000 soldados españoles e 1.614 por parte norteamericana. A capitulación de Santiago marcou o final da dramática contenda; realizouse na media xornada do 16 de xullo do fatídico 1898, logo de recibir Toral o permiso do Goberno Español. Na firma do traspaso estiveron presentes o propio Xeneral Toral, en representación española, e o seu homólogo e vencedor o estadounidense M. Shafte.

Pero centrémonos no acontecido no interior do transatlántico León XIII, cando este xa estaba amarrado no peirao de ferro de Vigo. Fago mención entre outras, de dúas acción da sistemática saña e covardía mostrada polos mandos do navío ás ordes de Toral, contra soldados cansos, famélicos, espidos e mortos de sede, logo da penosa e macabra viaxe: O soldado Marcelino Martínez, da 4ª Compañía do 2ª Batallón de Simancas, recibe un terrible golpe de sable na orella, polo feito de pedir auga a berros ó xentío presente no peirao. O agresor respondía ó nome de Capitán Rodríguez, pertencente o 1º Batallón de Simancas. Outro caso: o dun soldado desfalecido, obrigado a poñerse firme cando era incapaz de manterse en pé, que recibiu por iso unhas fortes labazadas.

Ante a constante negativa de non permitir o desembarco dos soldados embarcados no León XIII, os manifestantes xúntanse ante a fachada do Hotel Continental, onde estaba hospedado Toral, proferindo insultos contra o Goberno, a Compañía Trasatlántica, as Forzas da Orde, e mesmo contra o propio Xeneral Toral; exisíndolle a este que retomara o seu posto no León XIII , ademais de apremar o pronto desembarco dos soldados repatriados. Ante a non resposta do xeneral, decidiron marchar novamente cara o barco, onde tiveron un serio enfrontamento coas forzas de Carabineros e Garda Civil, incapaces estes de controlar o numeroso xentío. Ante tal alboroto presentáronse no peirao, subidos no coche oficial do Goberno Militar de Vigo, o Xeneral da praza Sr. Núñez Lucio e o Xeneral Toral, sendo estes recibidos a pedradas e insultos, ata o punto de teren que retroceder. Logo, a enfadada multitude, marchou cara o Goberno Militar, onde foron recibidos polo titular, o cal prometeulles a pronta liberación. Finalmente, a sensata intervención do Gobernador Militar Sr. Núñez, e do responsable de Carabineiros no lugar, foi decisiva para os famélicos e atordoados soldados poñeren o pé en terra .

Efectivamente, fiel á palabra dada polo Gobernador Militar de Vigo, e cando eran as 14:00 horas, son liberados os soldados retidos, reciben as primeiras atencións de mans de membros da Cruz Vermella no pavillón do Porto, de familiares e particulares que estaban agardando no propio peirao. A pesar de todo os actos de protesta chegaron ata ben entrada a noite, na que, amparado polas primeiras sombras, Toral abandona o Continental, pode achegarse ó barco a pesar de ser recoñecido por algúns dos manifestantes. Ante ese feito arrizou novamente a choiva de pedras, que chegaron hasta a propia cuberta do vapor. Cando o León XIII encaraban camiño do Lazareto, Toral faise cunha chalana, e á altura de Redondela desembarca para coller o tren para a capital do Reino, non sen antes escoitar os reproches dos enfadados redondeláns que o recoñeceron na estación.

En Madrid, o Xeneral Toral tivo que facer fronte a varias demandas presentadas por soldados e familiares dos mesmos, acusándoo de infrinxir mal trato ós seus subordinados nos anos que estiveron en Cuba. Saíu indemne de todas elas.

Ante tanto trafego O Xeneral Toral cae nunha profunda depresión, foi ingresado na Clínica Psicolóxica de Carabanchel (Madrid), na ca, deixou de existir o 10 de xullo de 1904. Contaba 72 anos de idade.

Santiago Ramón y Cajal, soldado en Cuba, con 22 anos

Nado no 1852 en Petilla de Aragón (Navarra), morre en Madrid no 1934. Un dos referentes españoles en medicina, galardoado co premio Nobel no ano 1906, foi coñecedor de primeira man do sufrido polas tropas españolas, na longa estadía española na illa do Caribe. O galeno fora enviado a Cuba para cumprir o servicio militar obrigatorio (Quinta de Castelar), non quixo ningún tipo de privilexios, por vontade propia, renunciando a outros mellores postos ofertados. No momento do traslado foi ascendido a Capitán Médico, posto no que aguantou soamente un ano na illa do Caribe dende 1874 a 1875, dado que enfermou gravemente de disentería e malaria, motivo polo que quedou licenciado do exército de terra. Nas súas memorias de xuventude, fai un relato pormenorizado do sufrido polas tropas españolas do momento, deixándonos unhas desoladoras testemuñas do proceder corrupto e ineficaz do Exército Español na illa, situación perpetuada ata mesmo a expulsión sufrida de mans do exército norteamericano no 1898.

D. Santiago, non dubidou en facer fronte ós continuos desmáns dos mandos do exército español, ata o punto de sufrir nas propias carnes represalia. Non se cansaba de pronunciarse publicamente de que os soldados españoles morrían máis por enfermidade e desnutrición, que polas balas dos insurrectos. Tamén se enfrontou á corrupción administrativa, dende oficiais de destacamento, ata os propios cociñeiros do mesmo , que collían en beneficio propio as mellores comidas, e recursos que enfermos e feridos necesitaban, dándolle a estes unha auténtica "purrela". Pouco antes da súa partida cara España, para recuperar varias pagas que o exercito lle debía, non tivo máis remedio ca botar man dun comisionista, a quen lle tivo que abonar case un 40% da cantidade cobrada. Todo desbaratado.

"Al carro de la Cultura Española, le falta la rueda de la Ciencia"; D. Santiago Ramón y Cajal.

*Veciño e investigador cangués

Compartir el artículo

stats