Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Guerra de Cuba: a viaxe de volta dos derrotados (I)

Vigo foi un dos portos de destino en 1898 dos repatriados; volveron en deplorables condicións pola precipitación das tropas españolas

Tras as continuas derrotas sufridas polas tropas españolas na colonia de Cuba, o 12 de agosto do ano de 1898 asínase o armisticio entre EE UU e España, polo cal quedaban suspendidas todas as accións de guerra entre ambos países. Foi dende esa data cando as decimadas forzas españolas víronse na imperativa obriga de abandonar a illa antes de finalizar o ano en curso 1898. O Xeneral Toral e Velázquez foi o último Gobernador Militar da Praza de Santiago de Cuba, tras renderse o 16 de xullo do fatídico ano. Dende ese momento, emprendeuse toda unha carreira contra reloxo, que produciu unha serie de feitos dunha gravidade extrema que trataron ata certo punto de ocultar. Unha vez cumpridas as condicións exixidas no armisticio, o 10 de decembro de 1898 asínase en París o tratado de paz que pon o adeus definitivo ós catrocentos anos de dominación española.

Nese tratado, que marcou o punto e final do outrora Imperio Español de Ultramar, déuselle o adeus a Cuba, Porto Rico, Guam e Filipinas, aínda que esta última foi oficialmente entregada ós americanos a cambio de 20 millóns de pesetas. A delegación española presente na firma de París estaba encabezada polo entón presidente do Senado, o santiagués Eugenio Montero Rios, que asumiu a representación da raíña rexente, Mª Cristina. Por parte estadounidense a delegación estaba comandada polo que fora exsecretario de estado, Willian Rufus Day, amigo persoal do presidente William McKinley.

Rendido o Exercito Español destacado en Cuba, o Goberno apresurouse a cumprir a raxatabla o compromiso adquirido cos representantes estadounidenses, consistente en deixar libre de soldados españoles a illa caribeña antes de finais do 98, coa excepción de tódolos que quixeran quedar na Illa, ben por atoparen alí parella, ou por adiviñar nese lugar un mellor futuro. Era evidente a necesidade que tiñan de man de obra para coidar os campos. O resto estaban na obriga de seren repatriados no momento acordado; caso contrario, os americanos ameazaron con bombardear os lugares onde residían, incluíndo os que estaban convalecentes en hospitais.

A capitulación marcou o punto e final dunha guerra que acabou co Imperio Español. Sen apenas tempo, o Goberno español comezou a tentear coas diferentes navieiras españolas para facerse cos servicios dalgunha delas, para traer de volta os case 120.000 españoles alí destinados. Tras celebrar unha poxa (segundo todos os indicios amañada), resulto gañadora a Compañía Trasatántica Española, propiedade do primeiro Marqués de Comillas, Antonio López López . A citada empresa navieira aportaba 20 buques propios e 23 estranxeiros en aluguer. Entre os estranxeiros había 9 franceses, 2 británicos e 12 alemáns. Finalizado o transbordo a diferentes lugares da península, contabilizáronse 93 expedicións de repatriados, dende a illa de Cuba, ata diferentes portos da costa peninsular. A Trasatlántica Española, cobrou o Estado Español 100 pesetas por cada repatriado. Tendo en conta que foron o ao redor de 120.000 homes os que emprenderon a viaxe de volta, todo indica que a Compañía Trasatlántica embolsou a cantidade nada desprezable de 12.000.000 de pesetas da época, por unhas viaxes que foron catalogadas de inadecuadas e deprimentes.

Do mal estado no que chegaron os soldados ós seus fogares dan boa fe os innumerables casos recollidos polas diferentes crónicas do momento, pero houbo unha, digna de ser tida en conta: Sendo noite pechada, chegou o municipio de Enfesta, hoxe anexionado a Santiago de Compostela, un mozo repatriado de 20 anos, "malgastou" a súas escasas forzas en petar a altas horas da madrugada na porta da súa casa. Os que estaban dentro non abriron por medo a que puidese ser alguén con intención de roubar, pero? ó abriren a porta pola mañán atopáronse co seu fillo querido morto no chan.

Os barcos da morte

Este é o alcume co que eran coñecidos os transatlánticos encargados de traer a casa a uns cadavéricos soldados que deixaron a súa xuventude e ilusións na illa de Cuba; e malviviron, moitos, o resto das súas vidas, a causa do abandono do Goberno Español, presidido pola raíña rexente Mª Cristina.

Os buques con repatriados que acadaron o porto de Vigo entre o 28 de agosto de 1898 e o final do ano, foron, por orde de chegada: " Isla de Luzón", " M.L. Villaverde", "Cheribon", "León XIII", " San Francisco", " Puerto Rico" e " Montevideo".

A evacuación levada a cabo por estes barcos da Trasatlántica supuxo un dos maiores casos de traslado e repatriación da historia feito por un país europeo. Esta circunstancia obrigou ás cidades receptoras de soldados a improvisar lugares onde refuxiar a tanto soldado vido de Cuba. En Vigo houbo que habilitar, sobre a marcha, estancias onde acubillar a inxente cantidade de milicianos chegados de ultramar. Acolléronos no Castelo de San Sebastián, no Hospital Militar, en casas particulares, en pavillóns do porto e no Lazareto de San Simón, onde foron ingresados todos aqueles que viñan afectados por enfermidades propias do trópico . Aínda así, todos eses lugares resultaron claramente insuficientes, dada a grande demanda. Foron inútiles os requirimentos da Capitanía Xeral de Galicia ao Goberno Español para dotar os portos de Vigo e A Coruña de buques de pasaxeiros, ou mercantes inactivos, que fondeados nos respectivos portos, fixeran as veces de hospedaxe. Estudos publicados en abril de 1999 por Xurxo Salgado, da Universidade de Compostela, din que a cifra de soldados orixinarios da península que batallaron en Cuba, alcanzaron a cifra de 240.000 mozos de substitución, dos cales preto de 25.000 eran galegos, cunha idade media de vinte anos.

Entre os barcos que chegaron a Vigo ateigados de soldados repatriados, faremos especial mención ós casos dos transatlánticos Isla de Luzón e León XIII, dadas as circunstancias especiais que rodearon ambas arribadas, dentro do desastre que resultou a propia repatriación.

"Isla de Luzón"

O 28 de agosto do 1898 ás 7:30 horas quedou amarrado no peirao de ferro do porto de Vigo o vapor da Trasatlántica Española "Isla de Luzón ", de 117 m. de eslora, con velocidade media de 14.8 nudos. Foi o barco que tivo a dubidosa honra de ser o encargado de traer a primeira remesa de repatriados de Cuba chegados a Vigo. O transatlántico viña ateigado con 2213 soldados, dos cales 157 eran xefes e oficiais. Tras a chegada ó peirao de Vigo, desembarcaron os que consideraron en "bo estado", para logo continuar a súa tétrica marcha ata o fondo da ría, o Lazareto de San Simón, onde tiñan previsto facer unha espera de seguridade (corentena) de 5 días fondeados, ata ser finalmente desembarcados na illa. As crónicas dos xornais do momento reflexaban nas súas páxinas o aspecto enfermizo, mesmo cadavérico, que presentaban a grande maioría dos soldados desembarcados no peirao de ferro vigués.

Ante tanta calamidade, as novas que viñan do Ministerio da Mariña trataban de ocultar a penosa realidade sufrida polos repatriados. Mesmo a Compañía Trasatlántica Española, afanábase en publicitar, ben alto e claro, as bondades da viaxe no seu barco; e de que nas súas adegas non se detectara ningún tipo de contaxio ¿??, engadindo, que o seu vapor chegara en excelentes condicións.

Pero ó desembarcar apareceron uns homes debilitados e famélicos, que mesmo non se podían manter ergueitos. Dende que o "Isla de Luzón" partira de Santiago de Cuba, faleceran nel 34 soldados, dóus deles nas últimas 21 horas, que foron traídos e soterrados no novo cimiterio vigués de Pereiró; mentres, os 32 restantes foran entregados ao mar na inmensidade do Altántico. Na estadía do "Isla de Luzón" na Ría de Vigo, foron contabilizados 14 mortos, afectados maioritariamente por disentería e cólera, máis outros 14 en estado moribundo.

A claustrofóbica espera de 5 días en augas do Lazareto, ordenada polo Goberno Civil, que sufriron os tripulantes contaxiados do "Isla de Luzón" para seren desembarcados en San Simón, non foi nada doada. Pasadas unhas xornadas, onde as penurias foron en aumento, e á situación chegou a unha situación irreversible e limite. O Xeneral redondelán Antero Rubín (que se atopaba como doente entre os repatriados), protagonizou unha acalorada discusión telegráfica co Gobernador Civil de Pontevedra, ó que lle comunicou que no caso de non recibir novas positivas sobre o desembarco dos soldados afectados, el mesmo estaba disposto a tomar o mando. "Yo no puedo dejar que se mueran los soldados, y si desembarcándolos puedo darle la vida; los desembarcaré bajo mi responsabilidad". En clara referencia ós 1000 soldados famélicos e doentes que aínda estaban nas bodegas do "Isla de Luzón". Tras o encontrón, os desesperados soldados foron postos en terra. Ó traslado dos mariños non mellorou moito a situación vivida cando estaban fondeados, por culpa exceso de confinados na illa.

Antero Rubín Homent foi nomeado Capitán Xeral de Galicia en 1917.

(*) Investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats