Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha honesta proposición

Hai moito talento nos cantantes e nos técnicos que lle dan cobertura

Un momento da representación de "The Primitials". // ProLight

Un musical é a música vista a través do teatro: parece obvio, mais non sempre son os pallasos os que se achegan a partitura, con todas as súas estratexias de sempre pero engadindo o canto como vehículo principal da comedia. Sérvense das cancións para os seus números e non deixan de facer gala da súa flexibilidade corporal, da mímica, dos chistes vellos vestidos con roupaxes novas.

Son listos e buscan a complicidade do público dende o primeiro momento, facéndoo partícipe dun espectáculo que ten moito de festa. De paso, disimulan que non existe unha verdadeira trama, máis alá da sinxela dramatización dunha historia de poder no seo dunha tribo sometida polo rei e orientada polo xamán: non hai un gran risco, os tempos son propicios aos chistes sobre a monarquía. Un repertorio ben trufado de éxitos populares completa un menú que todo o mundo pode degustar con agrado .

É na fórmula que ensambla o vocal e o xestual onde a función se atopa co público: en realidade , The Primitals é un traballo sumamente complexo representado cunha aparencia de facilidade que atopa a comicidade na sorpresa, nunha simplicidade enganosa, no insólito da proposta. Case podería dicirse que é unha "deconstrución" do musical, se non fose porque esa palabra lle engadiría demasiada solemnidade a un proxecto que ten o entretemento como horizonte. Iso non quere dicir que lle falten os seus toques de mala baba -se cadra, mesturar o Creep de Radiohead co "Ridi, Pagliaccio" de Leoncavallo ten máis dunha lectura- mais a vis cómica navega case sempre a favor dun honesto humor branco.

Hai moito talento nos cantantes, que son quen de armar un musical a capella, e nos técnicos, que lle dan cobertura ao seu atrevemento. E a dirección está moi atenta ao pormenor, a que os efectos e os chistes non cheguen a cansar, a que o sentido do teatral non se perda entre a exhibición técnica. Todo flúe con precisión e atención ao detalle e o público, claro, entra facilmente na obra, ri, participa e aplaude con insistencia unha invitación a esquecer por un anaco os problemas que esperan fóra.

Compartir el artículo

stats