Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos de asistencia sanitaria (VI)

O autor continúa afondando na sanidade ambulatoria e hospitalaria no século XX

Vehículos da Brigada Sanitaria de Pontevedra en 1928.

En base ás experiencias sufridas, os concellos da provincia de Pontevedra acordaran xa en 1921, destinar o 1% dos seus presupostos á creación dunha Brigada Sanitaria Provincial para atender á previsión, defensa, diagnóstico e tratamento das enfermidades infecto-contaxiosas, denominadas tamén como evitables. Esta Brigada dependería do Gobernador e a dirección técnica estaría nas mans dos inspectores provinciais de sanidade, contando cunha ambulancia, duas camionetas, unha con estufa e outra con aparellos de desinfección, e un automóbil para o director e o persoal. Habería que agardar á chegada da Ditadura de Primo de Rivera para que entrase en vigor o Estatuto Municipal de Calvo Sotelo de 1924 que desenvolvería logo o Regulamento de Sanidade Municipal e Provincial de 17 de febreiro de 1925. No mesmo, articúlanse diversos aspectos como a composición das Juntas Locales de Sanidad presididas polo alcalde, actuando de secretario o Médico Titular en funcións de Inspector de Sanidade e como vocais o secretario do concello, un farmacéutico, un veterinario, un arquitecto ou técnico, o párroco e un mestre.

Os obxectos de Policía Sanitaria que deben atender abranguen as vías e locais públicos de todo tipo (mercados, matadoiros, escolas, urinarios, lavadoiros...), tendas de comestibles, fondas, barberías, fábricas de peixe e industrias... A supervisión dos servizos de augas potables e residuais, os matadoiros, enterramentos e abasto de leites tamén son recollidos no Regulamento, suxerindo para un mellor control a sua municipalización. Para a atención aos pobres da Beneficencia debe proveerse unha asistencia médico-farmacéutica, non excedendo de trescentas, as familias por médico e debendo disporse un servizo municipal de matrona e practicante. Claro que todo isto, como sempre, había depender no seu cumprimento da vontade política e dos posibles presupostarios de cada concello...

En desenvolvemento destas disposicións, vaise crear neste mesmo ano en Pontevedra o Instituto Provincial de Hixiene, dependente da Deputación, incluíndo á Brigada como sección móbil do mesmo e os diferentes institutos e laboratorios epidémicos creados anteriormente. Xa que logo, tamén se regulamenta que nos concellos de menos de 4.000 habitantes debería haber facultativos municipais de medicina (un cada 300 familias ou dous se chegaban ás 450) e de cirurxía e un farmacéutico para atención dos pobres. Esta medida non lle afectaría a Cangas (case 13.000 h.) nin aos concellos limítrofes que xa desde anos antes contaban cunha Xunta Local de Beneficencia conformada basicamente polo alcalde, un médico, un cirurxián-practicante (Restituto Rivas Villaverde), un farmacéutico, un veterinario e tres veciños. Nestas datas, os veciños do Hío solicitarían unha subvención de 1.000 pts. para o médico pois senón este terá que marcharse, deixando a moitos pacentes sen atención. Sentíndose tamén pouco atendidos, o párroco de Coiro ofertaría unha praza de médico (non cirurxán) particular a cubrir antes do dous de maio deste ano, dotada con 4.000 pts.

Durante este ano de 1925 o Instituto Provincial de Hixiene asumiría as competencias dos diferentes institutos epidémicos creados en Pontevedra a finais do século anterior e inicia un plan de extensión do mesmo ás vilas da provincia, procedendo a vacinar en Cangas contra o tifo. En abril deste ano, o pico de afectados alcanzaba en Cangas cantidades alarmantes, sancionando o gobernador a algúns médicos pola deixadez neste asunto. Neste tempo, a revitalización e creación de Pósitos por Saralegui, tamén incluiría unha Sección de Socorros Mutuos, que se responsabilizaba da inspección e administración da axuda aos asociados e aos seus familiares en situación de enfermidade, falecemento, paro involutario, perda dos medios de produción (embarcacións, artes) e incluso hixiene. A Sección de Montepío, que canalizaba a liquidez obtida por outras actividades, atendía a concesión de seguros de vellez e invalidez aos socios incluídos nestas circunstancias.

Contodo, a situación sanitaria de Cangas nestas datas ainda era moi precaria e o índice de mortalidade moi elevado debido ás infeccións intestinais derivadas da contaminación das augas e sobre todo da tuberculose, coñecida como a "peste branca". Esta enfermidade atribuíase á chegada de emigrantes de América pero o certo era que os traballos da pesca, os numerosos empregos de fogoneiros nos vapores e no servizo militar na Armada aportaban as maiores causas na sua extensión. Despois de Vigo e Vilanova de Arousa, Cangas mostraba a taxa máis elevada cun 3,24 cada mil habitantes, entanto que o o índice de Moaña era de 2,59 e o de Bueu de 1,59 por mil. A rabia e a lepra eran tamén enfermidades endémicas sobresaíntes e xunto coas doenzas reumáticas, o cancro e o alcoholismo serían, en proporción, outros focos da atención sanitaria local como a epidemia de sarampelo que obrigaría a pechar a escola do Hio en xullo de 1927. Para porse ao día nestas cuestións, o Centro Recreativo y Cultural de Cangas programaría na xeira de conferencias veranegas do ano 1927, unha denominada "Vulgarización médica" a cargo do doutor Juan Gil de Rouffignac. En maio deste ano e por oposición, ocuparía a praza de veterinario municipal Antonio Vicente González que se encargará do control sanitario das tablaxerías (carne), das peixeiras, do macelo (matadoiro) e das análises.

Para a ubicación do Instituto Local de Hixiene, o Concello de Cangas tiña previsto allear as casas do vello hospital fundado por Gonzalo de Nogueira e no 1928, a Xunta Provincial de Beneficencia abriría un expedente para concretar a propiedade do edificio. Ante o propósito de venda destas propiedades, ainda continuarían no 1931 as reclamacións por parte do Concello, abríndose investigacións sobre a Fundación e conversas co arcebispo para a sua cesión, medidas que foron inútiles. Nestas datas de finais dos anos vinte, Bueu contaba con catro facultativos sendo que en Cangas exercían os médicos Isidoro Canitrot que vai cesar como titular municipal de Cangas en xaneiro do 1927, González Graña, Gil Rofignac, Piñeiro Graña, Abellás, Fociños (Hio) e M. Núñez (Vilariño) así como o xa citado practicante, Restituto Villaverde. Algúns destes tamén atendían consultas particulares, as igualas ou avinzas e as mutuas dos Pósitos e asociacións agrarias. Por veces aparecían por Cangas médicos ambulantes, arranxadores de determinadas doenzas e en marzo de 1928 faino o doutor barcelonés C. A. Boer que atende na Fonda "La Primavera" casos de hernias, descenso de matriz, ventre caído, obesidade... Pago en man e tratamento ao albur do pacente (?).

A finais de xaneiro de 1929, o alcalde de Cangas a requerimento da Deputación emite un informe sobre a incidencia da tuberculose na área do concello, atribuindo a sua persistencia á mala alimentación e pobreza existentes, ás malas condicións dos mariñeiros nos barcos de pesca e ao alto consumo de bebidas alcólicas. Entanto, en marzo do ano 1929, a Sociedade "La Unión" do Hio, grazas ás aportacións dos veciños emigrantes, inauguraría un edificio e material médico que servise de consultorio para os afiliados, atendido polo doutor M. Martínez Piñó. En febreiro de 1930 o Concello debe prover unha praza de tocólogo municipal que, ademáis dos embarazos e partos, debía atender outras cuestións sanitarias, accedendo a este cargo José Piñeiro Graña que exercería nela pouco tempo polo advenemento do rexime republicano. En setembro tamén queda vacante a praza de Inspector Local de Sanidade pois o doutor Canitrot vaise para exercer como médico propietario da sociedade de socorros mutuos "La Cooperativa".

O 26 de febreiro deste ano 1930, o Goberno vai promulgar un decreto que recollía a extinción da Caja Central de Crédito Marítimo, ligada aos Pósitos desde 1919, creando o Instituto Social de la Marina (ISM), organismo que en 1931, xa baixo a República, vai ser integrado no Ministerio de Traballo, exercendo a sua acción social e sanitaria nas chamadas Casas do Mar. O 3 de setembro, o Concello de Cangas anunciaría a provisión dunha praza de tocólogo e outra de matrona.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats