Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos de asistencia sanitaria (V)

Nesta entrega o autor aborda a sanidade hospitalaria e ambulatoria no século XX, a microbioloxía e a medicina social

Consulta médico a principios do século XX. // Arquivo do autor

A Instrución Xeral de Sanidade de 12 de xaneiro de 1904 introduciría innovacións importantes na función sanitaria local, sentando as bases para a organización do Corpo dos Médicos Titulares. O primeiro Regulamento foi aprobado en outubro deste ano e recollía a constitución de Partidos sanitarios, a creación de plantillas orgánicas, os principios para a provisión de prazas polos Concellos e a contratación de servizos sanitarios. No aspecto funcional, manteríanse as atribucións asistenciais e asesoras que establecera a Ley de 1855, pero creando a función inspectora sobre os servizos sanitarios municipais: limpeza ruas, augas, vivendas, locais e mercados, cemiterios, matadoiros, industrias, espectáculos... sen desatender o epidemiolóxico, a asistencia domiciliaria e a hixiene e partos das familias pobres.

Os médicos titulares seguían a depender funcional e económicamente dos Concellos pero xa se sentan as bases para que os servizos sanitarios locais e os médicos, auténticos funcionarios municipais, se vaian desligando da tutela municipal para se integraren en esferas administrativas máis amplas. Contodo, en marzo de 1904, o Concello de Cangas ainda convoca duas prazas de médicos titulares cunha dotación anual de 500 pts., cubríndose só unha pola escasa contía destinada, pois lugares como Oia abonaban 700 pts. Nesta convocatoria ocuparía a praza de médico titular en Bueu, José Massó Ferrer, deixando vacante a outra praza prevista, o que provocaría un recurso de Manuel Riobóo Guimeráns, médico en Cela. Entanto non se ían cubrindo as prazas de médicos eran ainda varios os cirurxáns-practicantes en exercicio como Salvador Abilleira en Cela, Gumersindo Meira en Beluso ou José Meira en Bueu, sendo tamén desta categoría Restituto Rivas en Cangas, Marcelino Pérez Conde no Hio e Joaquín Juncal Núñez en Moaña. A utilización de sanguesugas para determinados tratamentos ainda estaba en uso sendo o establecemento de Ángel Guisande na rua da Peregrina en Pontevedra un dos principais expendedores deste produto.

En abril deste mesmo ano 1904, crearíase o Colexio Médico Provincial (voluntario), un organismo fundamental para a defensa da profesión médica contra o intrusismo profesional de cirurxáns, sacamoas, practicantes e matronas que exercían sen título. As denuncias de boticarios que lle expedían receitas aos curandeiros, o control sobre os contratos con Sociedades particulares (debían aportar 150 asociados mínimo) e as fraudes e impagos por parte dos concellos, van ser outras medidas a tutelar por este organismo. As normas que lle afectaban aos compromisos dos médicos da sanidade benéfica, continuaban basicamente a ser as mesmas que no século anterior pero no caso dos atendidos por iguala ou avinza médica, o Colexio xa especifica o seu alcance. Esta atención pasaría a incluir só a atención a enfermidades comúns e epidémicas do avinzado e a sua familia, exceptuándose da iguala as venéreas, cirurxías, feridas a man airada (coiteladas...), fracturas, dislocacións ou partos. Este sistema de igualas adoitaba pactarse entre os médicos locais para equiparar os pacentes e os prezos trimestrais en categorías segundo os recursos e número de compoñentes familiares. Asemade, compartían información sobre o cambio de facultativo non só polo curriculum médico senón tamén en caso de impagos das cuotas.

Un dos poucos casos de hidrofobia (rabia) detectados na zona, ocorrería en 1905 ao morrer un porco que fora mordido por un can con estes síntomas, advertíndose que seis persoas tamén foran atacadas polo mesmo animal. A Xunta Local de Sanidade actuaría en consecuencia, mandando matar ao porco e queimalo con petróleo, sacrificando tamén ao can. Contodo, sospeitaban que houbese máis dun can pois as seis persoas mordidas non cadraban na sua descrición. Estas persoas afectadas serían levadas á clínica do doutor Cobián en Pontevedra onde foron tratadas con vacinas antidiftéricas e antirrábicas, desembolsando o Concello 50 pts. por cada unha. Porén, unha veciña de Aldán acabaría falecendo meses despois por esta mesma causa o que provocaría xa unha situación de alarma entre os veciños e a mobilización da Xunta Local de Sanidade dirixida polo médico titular José Benito González Arís. As misións desta institución aparecen recollidas no artigo 72 da Lei Municipal contemplando a vixilancia dos mercados, o matadoiro, estado dos sumidoiros, urinarios, fregadoiros das fábricas de peixe e curiosamente, tamén alude ás casas de prostitución e as visitas e recoñecemento das mulleres públicas. Contodo, o problema nestas datas era a ubicación do matadoiro municipal (chámanlle macelo) situado na rua Fomento, entre as fábricas de salga, polo que se prevé o seu traslado para maior hixiene.

Neste ano 1905, incorporaríase ao plantel médico de Cangas José Piñeiro Graña, uníndose aos médicos, Severino Figueirido e Manuel Vilar Teijeiro, que xa viñan exercendo desde anos antes. Contodo, Cangas presentaría unha reclamación ao Ministerio d Gobernación por non estar de acordo coa clasificación dos médicos titulares que implicaba maior número deles e máis financiación.

A finais de xaneiro de 1906 convócanse en Cangas duas prazas de practicantes de Cirujía Menor cunha contía de 200 pts. anuais cada una. Neste ano, o doutor Manuel Vilar vai iniciar un litixio contencioso administrativo co Concello cangués que alegaba finalización de contrato con el e licitaría a sua praza como vacante sen autorización gobernativa polo que seguiría neste posto mentres durou o contecioso que se prolongaría dous anos. Tras algunhas vicisitudes, crearíase en febreiro de 1908, a proposta de Antonio Maura e asinado polo rei Afonso XIII, o Instituto Nacional de Previsión (INP), primeira institución oficial encargada da seguranza social e asistencia sanitaria en España.

Nos últimos meses deste ano produciríase un brote de tifo en Bon e as autoridades sanitarias e o médico señor Massó, detectando o foco, deciden canalizar as augas mediante unha tubería financiada polo concello. En maio de 1911 presentaríase nas Cortes un proxecto de Lei de Bases para a organización dos servizos de Sanidade pero non sería aprobado ao non pasar o trámite parlamentario. Nestas datas eran dous os médicos titulares que exercían en Cangas e un en Aldán, sendo practicantes Marcelino Pérez Conde (atendía tamén no Hío) e Adolfo Rivas, que xunto co seu homólogo de Moaña Joaquín Juncal Núñez e demáis médicos, terían que enfrentar con escasos medios, as epidemias de peste bubónica de 1915 e da gripe de finais de 1918 (a spanish flu, influenza ou trancazo) que atopaban un bo caldo de cultivo nas vivendas insalubres, nos cortellos anexos con animais e nos patios con esterco.

En setembro de 1916 o Concello de Cangas provista unha praza de Inspector Municipal de Higiene y Sanidad pecuaria pero vai declarar deserto o concurso o que provocaría un recurso de alzada ante o Gobernador por parte do concorrente Leopoldo Checa Pérez.

O virus da gripe, que perduraría ata 1923, tería en outubro a primeira falecida en Cangas que tamén deixaría contaxiados aos seus fillos, pero sería especialmente efectivo entre as numerosas traballadoras das fábricas de salga e conservas, contándose entre as suas vítimas o empresario Ángel Botello Suárez. O Concello, seguindo ordes superiores, procedeu á desinfección das dependencias municipais e nos servizos hostaleiros como tabernas, hoteis, cafés... Mais, para previr o contaxio, as xentes do común, como se dicía daquela, adoitaban cocer herbas de eucalipto e romeu, sacando incluso os santos á rua e inxerindo grandes doses de quinina e moito viño que non servían para nada ante os episodios bronco-neumónicos. Xa que logo, os médicos replicarían contra os remedios caseiros, ditando medidas como lavarse con frecuencia, airear as vivendas, ferver as roupas e desinfectar os cuartos da casa con formol e gas sulfuroso para rematar cosas inmensas colonias de bacilos "que gozan de la impunidad más anárquica", segundo opinión dun facultativo. Outra baixa significada desta epidemia foi o médico de Cela, doutor García Santaclara sendo que o de Beluso, Rogelio Val, recibiría a Cruz da Beneficencia polo seu árduo traballo, atención e entrega no combate contra o virus.

(*) Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats