Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Barra, unha aldea engulida pola area (II)

A súa historia a través dos documentos dos mosteiros de Armenteira, Poio e Ermelo

Pardiñeiro no lugar do Espiñeiro en Donón. // Antonio P. Coya

A meu avó José Coya Coya (+) e a meu pai José Luis, causantes da miña teima

Ademais do antigo documento do 1275 anteriormente citado referente ao Casal de Barra, existen outros que se custodian no A.H.N. dos que podemos extraer unha serie de apeos e foros destes tres mosteiros que aportan datos moi importantes deste Casal sobre nomes de habitantes, vivendas, toponimia ou lindes e estremas das leiras.

O Mosteiro da Armenteira a través dun documento escrito en latín datado no 26/06/1271, afora a Teresa Pérez unha herdades en Barra na presentación de san Andrés do Hío. (Clero-Secular, regular. Car.1762, N6. A.H.N)

No tomo I do asento de rendas e escrituras do Mosteiro da Armenteira aparece o Lugar de Barra entre outros da parroquia do Hío, e faino ad pedem litterae "Era de 1369" que se corresponde co ano 1331. A caligrafía deste documento é posterior á data sinalada, polo que deducimos que debe ser copia doutro escrito.

Observamos no Tomo 2 do foral do partido do Morrazo un documento escrito con moitas verbas en galego sobre un foro vello do lugar de Barra cando parte deste casal estaba nas propiedades da Armenteira, quen llo daría en foro a Juan Rodriguez escudeiro de Pero Ares (cremos que señor da Torre de Aldao e outras casas señorais). O documento está datado no 26/01/1412 e dinos: "/... Ano do nascemento de nro ssor Jesucristo de mill E quatrocientos E doze aos veynte y seis dias andados de henero sabean todos que Eu Juº Rogo o mozo escudero de pero ares por mi e por toda....E no casal que dizen de baRa En que agora mora diego do pungero que esta fegresia de santandres do yo. E Esto por quanto Ynes Rodrigez mina aboa.../ O dato "diego de pungero" pode referirse a que nesta data xa existía a aldea de Punxeiro nas inmediacións do castro que se atopa no Monte do Facho, da que nos ocuparemos noutra ocasión. No mesmo tomo reparamos na transcrición doutro documento dun antigo foro da parroquia do Hío onde se cita ao lugar de Barra datado no 3/09/1479: /...Este es un treslado bien E fielmente sacado de una carta de foro Escripta en pergamino la qual yo fernando de rromay scrivano saque del archivo del dho monesterio de armentera.../"

O texto non ten desperdicio pois inclúe numerosas verbas en galego: "/... Ano do nascimento de noso señor Yesuxpto de mill E quatro cientos E setenta E nove años tres días do mes do septembro sabean quantos Esta carta de aforamiento...como nos don fray gonçalbo de saavedra abbade do mosteiro...en noso mosteiro E cabildo por tangemento de campaa segun que o avemos de uso E de costume...Aforamos E damos ... de fuero a vos Pedro de mera Escudeyro vezº E morador En la villa de bayona de myño E a vosa muller costanza gonzalez q he ausente.../".

A transcrición do pergameo contén terras aforadas de Bueu, Beluso, Sanct Zibrao (sic)polo que pensamos que debe ser a parroquia de Aldán, Cangas e tamén do Hío, e continúa: "/...Yten vos aforamos mays o lugar do yo (Hío) En que agora mora juº zaço? ...e na dita feligresía do yo sacando o lugar que agora ten Juº feixoo E de Sta. María de armentera E mays a presentacion de Sanct Andres do yo ytem vos aforamos mays a metade dos lugares y rrendas y heredades q o dito mostº ten E no lugar de barra.../".

No dito libro aparece outro documento datado no 5/12/1570 correlativo ao de 1479, no que aparecen como foreiros Sebastián Falcón Facheiro esposo de Ana Gómez, esta como filla de Gómez Gago e da herdeira e filla do escudeiro Pedro de Mera, dona Elvira López. O contexto dá conta de varias herdades no Morrazo como bens da Armenteira "/... sitos En morraço que son los lugares de munduyna y de baRa E do yo (Hío).../".

Co asolagamento da area en Barra, os mosteiros ían perdendo, modificando e intentando cobrar débedas atrasadas. Sabémolo porque atopamos unha dilixencia do Mosteiro da Armenteira en 1601 contra o veciño de Pontevedra Sebastián Falcón Facheiro, "Platero" (sic), sobre os bens aforados de varios lugares do Morrazo, entre eles o de Barra. Na última década do s.XVI, os caseiros deste Casal pagaban unha renda a Mayor Fernández de Acuña e Constança González, mulleres que ficaron de Pedro de Arines Troncoso e de Mateo Correa, sucesoras no cobro das rendas aforadas por Pero de Mera. A renda constaba de vinte celemíns de pan mediado e un carneiro dunha idade de dous ou tres anos.

Os frades do Mosteiro da Armenteira intentan pescudar sobre a liquidación dos froitos de Barra xa que entre os anos 1597 e 1600 non se cobrou a dita renda: "/...a diez e nuebe de Jullio del dho año de mill y seiscientos y uno... para ynformación y liquidación de los frutos...del lugar de barra y quien llebo y goso Los anos de noventa y siete (1597) y noventa y ocho noventa y nuebe y seiscientos presento per testigo a pedro visioso vzº y casero del dho lugar questava presente.../. A declaración de Pedro Vizoso como caseiro aparece redactada da seguinte maneira: /...dixo que abra cinco o seis anos ...que el se caso con Ynes de Varra su muger hija de Juan da Pena y de Ynes de barra caseros y labradores que fueron del dho lugar de barra...y dize que...pagavan a mayor fernandes de acuña vezina de bayona como herederos de pedro de mera el viejo en virtud de un fuero...veynte celemines de pan mediado...y un carnero... y los anos de noventa y siete y ocho y nuebe y el de seiscientos no pago la dha rrenta ni ninguna persona se la pedio ni la vino a cobrar y la tiene en su poder.../". A documentación certifícanos ademais que o Mosteiro da Armenteira cobrou un boi polo tributo da "luctuosa" (sic), debido ao pasamento de Pedro Vizoso (pai).

No 18/05/1532 don Martín de Vila Caravaxal, abade perpetuo comendatario (sic) do Mosteiro de Poio, xunto con outros frades, outorga a Gonzalo de Nogueira mercader (sic) e rexedor da vila de Cangas e a súa muller Inés de Nogueira un contrato de foro polo que cobrarán 20 celamíns de pan mediado (millo e centeo) e que nos deixa detalles de importancia como o de varias propiedades asolagadas pola area que impiden ser aptas para o cultivo: " /...Año del nacimiento de nro Sr Jesucristo de 1532 años a 18 de maio: sepan quantos el presente contrato de fuero vieren...E por bía de aforamiento de oy en adelante a vos Gonçalo de Nogueira Mercader Vº de de la Vª de Cangas q. sois preste y a vra. muger Ynes de nugueira que esta ausente... a saver que os aforamos El lugar del dho (dicho) monestº que esta En Varra frª de S. Andres de Oyo en que aora vive Pº vicioso: con sus Cassas, y Heredades: vouças, sotos, E Resios Arboles y plantados a montes y a fontes con las heredades de Mellide que andan con el dho lugar. Y mas hos aforamos las Heredades de BON sitas en bon feligresia de S.M. De Beluço que solia traer Roy da Regueira.../".

A continuación o documento cita algúns terreos que estaban granxeados e cultivados polos veciños de Barra como: Prado do Agro Bello, Cortes con sus Comareiros y salidos, O Pradiño da Lagoa, Beiga da Lagoa, Coba de Gorbella, Monte de Sobreiras, Montes de Melide, Monte de Sobral, Monte de Fontán, Monte da Cova do Paço, Monte de Suabouças, O Seixo, Canal da Eira, A Rotea, Bouça de San Juan, Tallo de Seara, Labandeira, /...todas las quales cubrio la Arena y no sirben de nada y todas son anexos y pertenecientes al lugar de barra.../

Por outro documento do Mosteiro da Armenteira en relación á aldea de Donón datado no 31/01/1554, confirmamos que o Casal de Barra, con moitas leiras cubertas de area, aínda estaba habitado: "/...Mas el lugar de barra donde bibe e mora alonso de barra.../".

En canto aos apeos do partido do Morrazo que redactou o escribán Juan García no ano 1555 para o mosteiro beneditino de San Xoán de Poio, recollemos o seguinte: "/...Dentro de la iglesia de santo andres do hiyo a beinte E un días del mes de abrill del ano de mill E quisº E cinquenta e cinco anos fue notificado Este mandamº E citaº En la ofrenda de la misa Estando juntos la mayor parte de los feligreses... a lo qual fueron presentes por testigos Guº de Santos E juan dominguez casero de la dha yglesia -juan Rodrigez clerigo.../".

Continuamos na descrición e declaración dos veciños de Barra que neste mesmo documento afirman: "/...El dho afonso biçoso labrador vzº de la felegresía de santo andres do hiyo testigo ... dixo lo siguiente: dixo que El dho monº de san juan de poyo tiene En la dha felegresia El casar de barra que tiene aforado guº (Gonzalo) de nogeira vzº de cangas que no sabe lo que paga por el E dize que tiene las heredades y cosas siguientes: una casa colmaça En que bibe juan biçoso E otra En que bibe olaya albarez tellada- E otra En que bibe juº dotero tellada E un çeleiro colmaço- mas quatº cortes de ganados- mas la heredad da chousa que Esta çeRada sobre si con las casas y de muro E lleva beinte caRos desterco.../".

Son interesantes os nomes dos habitantes e as casas existentes xunto co celeiro con tellado de colmo e as cortes pero tamén o é o uso da expresión "carros de esterco" como medida de cálculo da superficie da leira. De seguido cita varias herdades das que destacamos: Fixoo, O Tallo, Leira das Cabras, O Seixo, O Canal, A Rotea, Prado de Campelo, A Lagoa, O Trigal, Fonte do Outeiro do Sal, Cortes ou Paioanes (hoxe Peivanes) e outras como Chousa de Sobreirachan, Outeiro do Lobo ou O Estripeiral pertencentes aos Montes de Melide, dos que os bens situados na vertente máis oriental xa eran cultivados anteriormente por Pero (sic) Vizoso, pai do dito labrego e morador de Barra Juan Vizoso, quen igualmente declara que unha das casas está habitada pola súa nai Olaia Álvarez e outra polo seu cuñado Juan de Otero e que a renda que pagan a Gonzalo de Nogueira ascende a 38 celamíns de pan mediado e unha marrá. Juan de Cadabón, outro dos labregos declarantes, afirma que na leira da Chousa atópase "/...la Eyra E ciertas arboles de llevar fruta.../" (A.H.N. Clero-secular- regular, L.10276).

O 4/02/1568 os frades da Armenteira fan comparecer na parroquia do Hío ao veciños Juan da Pena e Domingo de Barra e a Juan Vizoso para que fagan xuramento dos bens e herdades traballadas en Barra. As testemuñas preguntadas serían Juan, Pedro e Afonso de Meyra (sic), veciños de Donón. O recompilado dinos que nesta data xa se pode dicir que Barra está completamente engulida e asolagada polo avance das dunas areosas, loxicamente por mor dos intensos e asiduos temporais que zorregan este lugar co agravante naquel tempo da ausencia da vexetación de árbores que hoxe frean a forza do vento e o andar da area . O texto di: "/...por el lugar de baRa que le perteneçian heran los siguientes: una casa de tellado En que Al presente bibe E mora El dho Juan da Pena y dizen q el Asiento del dho lugar de baRa se cubrio toda darena y no se mora y ansi mesmo se cubrieron las cortes y huertas y heredades...ademas de perderse el Asiento del se perdieron y cubrieron de harena heredades que llebarían quarenta celemines de pan de senbradura.../".

En canto a outro foro outorgado o 20 de abril de 1605 polo Mosteiro da Armenteira concédese a Pedro Vizoso e a súa muller Inés da Pena a propiedade do Espiñeiro de Barra (hoxe pertence á aldea de Donón): "/...aforo E doi en aforamento a vos pedro vicioso El moço de Varra que estays pressente y a ynes da pena buestra muger aussente Vzºs del lugar de Varra felegresía de ssanto andres del hiyo...que bos aforo...el dho lugar que se dize do Hespiñeiro de barra ssito en barra...con sus cassas, que es una cassa dos cortes y un corral...y con el Monte de rrui de Varra que está junto con el monte de pelayo" (hoxe Palairos).

No 20/06/1616, o Mosteiro de Poio nomea ao escriban Esteban Fernández para facer indagación dos bens do Lugar de Barra. Este cita aos labregos Pedro Vizoso, Juan de Casal e a Pedro Gallego, caseiros do citado lugar para que faga declaración dos bens existentes. O primeiro declarante asegura que os bens de Barra xa estaban aforados antes polos antecesores de Gabriel de Nogueira, actual foreiro, veciño de Cangas, descendente de Gonzalo de Nogueira (antigo foreiro), pagando por renda deles vinte celamíns de pan mediado. Juan de Casal confesa que tivo que construír unha casa nova, pode que no lugar do Espiñeiro en Donón, porque, segundo apunta, a outra casa na que moraba xa estaba engulida pola area "/...Primeramte una casa colmaza en que bive Joan do Casal que hiço de nuebo porque la casa principal del dho lugar la cubrio la arena. Mas una cortiña que se diçe de payoanes çerrada sobre ssi que lleva el dho Joan do Casal. Mas la heredad que se diçe de la Choussa que solia servir y aora con otras mas estan cubiertas de harena .../".

Asemade, atopámonos cun memorial de beneficios, propiedades e bens que o Mosteiro de Poio tiña en distintas freguesías do Morrazo. Este memorial está sen datar e ten correlación cos documentos de 1532 e este outro de 1616, polo que deducimos que é posterior a esta data. O documento reitera no asolagamento da aldea de Barra: "/...Primeramente una cassa colmaça en que vibe Juº do casal; que la hiço de nuebo por raçon q la cassa Principal la cubrio el Arenal.../".

O mosteiro de Ermelo achéganos un documento do 18/03/1663 no que se citan as propiedades e bens de Barra: "/...Lugar de barra de los de nerga en o hiyo. En el monestº de Santº de Ermelo A diez y ocho dias del mes de marzo del ano de mill E seisº e sesenta e tres anos.../".

Tal vez esta é unha das derradeiras datas no que aparece rexistrado este topónimo como herdades que pertenceron aos ditos mosteiros. Máis tarde, nos séculos XVIII e XIX moitas delas foron cultivadas a viñedo sendo traballadas maiormente pola veciñanza de Donón. Hoxe pouco a pouco van esmorecendo as colleitas. Pode que o futuro que lles espera sexa semellante ao que tivo o Casal de Barra...

Aquí rematamos este artigo que amosa retrincos da historia dunha pequena aldea galaica no Hío. O esforzo fixémolo para saírmos da area e así pisar terreo máis firme.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats