Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Barra, unha aldea engulida pola area (I)

O autor afonda na suposta historia dun poboado nesta zona do Hío, que tería desaparecido baixo o areal

Documento no que se cita a Barra, datado no ano 1275. // A.H.N.

A meu avó José Coya Coya (+) e a meu pai José Luis, causantes da miña teima.

"Había unha vez unha pequena aldea nun lugar paradisíaco, cheo de verdes campos de pasto e de leiras labradas para recoller alimentos adobiadas polas sempre estreitas congostras e corredoiras. Era un lugar onde só se escoitaba o cantar da auga dos regatos, o berrar dos mamíferos, o asubío dos paxaros, o afastado son das campás da igrexa do Hío e o murmurar ou pola contra o ruxir do mar batendo no Areal de Barra...". Isto podería ser o testeiro dun conto que calquera nai ou pai pode acostumar a contarlle ao seu cativo/a para que se durma paseniño.

Retrocedendo no tempo máis de dúas décadas, naquelas conversas que eu mantiña co meu avó José Coya Coya, finado no 2004, faloume dunha aldea sepultada no areeiro que existe ao nacente da aldea de Donón. Contoume que a historia dunha aldea enterrada na area xa a percibira sendo un neno. Preguntando naquela época, en distintas ocasións, a persoas maiores de setenta anos, recibín variadas respostas que ata mesmamente poden levar á conclusión de que iso podía ser unha lenda. A diversa información recollida mesmo fala do campanario dunha igrexa que se atopaba mergullado nas profundidades do Océano Atlántico que baña a Praia de Barra, na parroquia do Hío, en Cangas do Morrazo. Parece ser que as redes que os mariñeiros empregaban para as faenas da pesca viñan rachadas por enganchar no citado campanario. Incluso podemos engadir máis información que enche o asunto con indicios de fábula ou lenda imaxinaria. Pode sorprender ata onde pode chegar a fantasía e variación da información oral, máis a redacción limítanos a espallarnos moito.

Dise pois, que detrás dunha lenda existe unha realidade que latexa, así que intentaremos espila e deixala na máis crúa realidade. Con afouteza pero con cautela, para introducirnos na veracidade da historia debemos aportar información rigorosa que nos afaste dun terreo areoso para que nos traslade ao chan onde pisa o boi (terra firme).

Preguntando recentemente á veciña do Igrexario Josefa Portela Franco, por desgraza finada hai poucos días con 97 anos, fíxonos un comentario sobre este tema: "Houbera unha aldea e despois veu unha galerna e afundiuna. Iso xa o escoitei de rapaza como xa o oirían nosos pais".

No que coinciden varias persoas é na situación aproximada desta aldea que repousa no areeiro ao levante da dita aldea de Donón, baixo os sitios hoxe nomeados como A Caracoleira, A Curuxana e A Redonda, non moi lonxe do xacemento arqueolóxico de Fixón (Viñó, O Hío), do que podemos obter información a través dos traballos desenvolvidos na década dos 80 polo Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén e do que nos pode aportar copiosos coñecementos o arqueólogo José Suárez Otero. Alí, neste areeiro, ata non hai moitos anos estaba permitido a extracción da area para labores de construción. Este feito deixou ao descuberto nalgunha ocasión algúns restos de muros que circundaban as leiras e que co paso do tempo quedaron baixo a area.

Segundo a R.A.G. denomínase "casal" (antigamente "casar") a un conxunto de casas que forman un pequeno grupo no campo ou dentro dun pequeno núcleo de poboación. É dicir, unha pequena aldea.

Sabemos que as terras e vivendas da parroquia do Hío, fai séculos estaban aforadas na súa maior parte polo Arcebispado de Santiago, casas nobres como o Marqués de Castelar, a de Soutomaior ou o Conde de Maceda, ou por poderosos mosteiros e conventos dos que citaremos maiormente ao de santa María da Armenteira da orde de san Bernardo e ao beneditino de san Xoán de Poio o cal tiña agregado como priorado o Mosteiro de Santiago de Ermelo, en Bueu. Como dicíamos estes mosteiros aforaban as terras e casas a fidalgos e nobres que, á súa vez daban en foro aos caseiros, humildes labregos. As condicións acordadas consistían en que os bens debían estar ben labrados, granxeados, e que vaian sempre en mellora e nunca en abandono nin en diminución. Deste xeito, os mosteiros levaban unha renda acordada polo aluguer das vivendas, dos cultivos e froitos coa suma dalgún animal que proporcionase alimento (carneiro, galiñas, galos e outros) e tamén da "luctuosa"(sic) que era un tributo que tanto os señores como prelados acadaban cando acontecía a morte dalgún labrego caseiro do lugar aforado (polo xeral cabezas de gando). Asemade aos caseiros non lle estaba permitido vender, trocar nin dar en dote leira algunha.

Para comenzar a dar crédito da historia, debemos atender á toponimia nas proximidades do lugar onde se atopaba esta aldea que tiña por nome Barra. Este topónimo dá nome a un curral, a un río, a unha ponte, a unha enseada ou a unha coñecida praia de nudismo. Sobre a orixe deste nome, consultamos coa opinión do especialista en toponimia Iván Sestay, quen nos explica que o fenómeno xeográfico da existencia dunha inmensa barra de area nas proximidades deu nome esta aldea. Tamén somos coñecedores de que no Hío e noutras parroquias próximas a ela, existen numerosos apelidos toponímicos, é dicir que fan referencia a lugares ou poboacións, por exemplo: (H)Ermelo en Bueu, Gandón, (H)Erbello, Menduíña, Bacelar en Aldán, Vilariño, Nerga ou Rodal no Hío, Cidrás en Marín, Boubeta en Coiro, Cadabón en Meira e outros máis. Moitos destes apelidos aínda perduran no Hío, pero outros esmoreceron aquí co paso do tempo, como: Bon (topónimo en Beluso), Meira (en Moaña), Moderrón (en Aldán), do Con (en Pinténs), Donón ou Barra. Sirva como proba os que se atopan nos libros do arquivo parroquial do Hío, con exemplos do apelido toponímico deste casal. Concretamente no asento de matrimonios podemos citar ao enlace de Domingo de San Pedro, fillo de Estevo de San Pedro e de María de Barra, con Inés Viciosa (sic) acontecido o 2/12/1625. Ou mesmamente cando o 19/08/1637 contrae matrimonio nesta igrexa Pedro Lorenço con Mariña de Barra, sendo esta filla de Pedro Visosso (sic) e de Ynés de Barra. Polo que constatamos de que na primeira metade do s. XVII este apelido aínda estaba presente na parroquia.

No que atinxe ao Casal de Barra, non se coñecen moitas publicacións, máis debemos prestar atención a unha no que se cita a habitabilidade deste lugar. Lemos o seguinte: "/...coa inclusión dunha peza completa e anepígrafa aparecida no lugar da Curuxana, dentro da chaira litoral que se estende ao pé da ladeira leste do Facho e que é o tránsito obrigado entre este e a enseada de Barra, lugar onde se constata tamén a existencia dun enclave habitacional da época romana.../" ("Para o deus Berobreo",2005, pax.26, textos de: Pilar Barciela Garrido, Rosa Benavides, José Carlos Búa, Michael Koch, Thomas G. Schaltner e José Suárez Otero).

Do mesmo xeito reparamos nun interesante traballo histórico-xenealóxico realizado polo investigador Héitor Picallo e a escritora Enma Pedreira, publicado no xornal Sermos Galiza nº 212 do 21/02/2019 no que se cita a Nuno Pérez Maldoado casado con Aldara Fernández polo patrimonio que estes tiñan para levar en arrendamento, entre outros a saber: /...Así e todo os patrimonios non eran nada raquíticos, gozaba doutros polas terras do Morrazo, algún dos cales lle transmitiría á súa filla Mencía Núñez, concretamente os herdos, pastos e dereitos do lugar de Barra (no Hío) e un quiñón da igrexa de Santa María Darbo.../. Entendemos que os autores deste artigo beben dun documento do Mosteiro de Poio datado no 28/01/1275 que custodia o A.H.N.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats