Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espiñeira desconfina a Carvalho Calero

O barrio de Aldán organiza un concurso de debuxos entre os nenos sobre a figura e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas

Pequenos do barrio, durante o concurso.

A comarca viviu durante a xornada de onte a celebración do Día das Letras Galegas máis atípica de todas, coa imposibilidade de celebrar eventos como os Premios Xohán de Cangas ou os Premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo que convoca cada ano o Concello de Bueu. Sen embargo, aínda hai veciños que se propuxeron festexar o idioma propio e botaron man de inxenio para levar á rúa esta festividade. O caso máis chamativo foi o dos veciños da aldea de Espiñeira, en Aldán. A través da asociación veciñal montaron un concurso de debuxos sobre o idioma galego no que participaron moitos nenos do lugar.

Ao longo da xornada de onte os traballos estiveron expostos no cruce que vai ata a praia de Areacova. Houbo tamén un sorteo que gañou a pequena Carmela Fernández Estévez. Sorteouse tamén un conto que levaron Alan e Brais. O sorteo foi do relato breve "As pitas baixo a choiva", de Ricardo Carvalho Calero, precisamente o autor homenaxeado este ano polo Días das Letras. Boa parte dos debuxos que se expuxeron facían referencia precisamente a este relato infantil. Tampouco faltaron os debuxos centrados na novela "Scórpio", na que o autor homenaxeado narra os anos previos á Guerra Civil así como o conflito bélico.

IES Illa de Ons

En Bueu os xóvenes tamén foron protagonistas. Onte os alumnos do instituto Illa de Ons penduraron de Youtube un vídeo con fotografías e documentos históricos que narra a vida e obra do propio Carvalho Calero. Os alumnos de 1º de ESO foron os protagonistas, ao prestar as súas voces para as gravacións. Pola súa banda, o profesorado dos departamentos de Educación Plástica, Lingua Galega e Lingua Portuguesa foron os que colaboraron para levar adiante o proxecto audiovisual.

No Concello de Moaña as redes sociais tamén foron o recurso empregado para non pasar por alto o Día das Letras. O Concello pendurou durante toda a semana distintos recursos relacionados co idioma propio, así como datos biográficos de Carvalho Calero. A alcaldesa, Leticia Santos, publicou un bando que na páxina oficial de Facebook postearon co seguinte texto: "En Moaña sabemos que o idioma galego é o noso principal sinal de identidade.

Neste ano Carvalho Calero non deixaremos confinada a nosa lingua, porque nela vai tamén o noso futuro".

Neste municipio tivo que suspenderse unha conferencia do escritor e lingüista Carlos Quiroga, da Associaçom Galega da Língua (Agal). O Concello tratará de recuperar esta proposta cando se relaxen as medidas de confinamento actuais.

Compartir el artículo

stats