Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A II República sae os balcóns

A Asociación Memoria Histórica de Cangas anima a lembrar a data con bandeiras e himnos

O barco de pasaxe "Alegría" e abaixo, Francisco Eiroa Graña. // Fdv

Este martes, 14 abril 2020, cúmprense 89 anos dun dos máis importantes acontecementos da historia contemporánea galega e española: a proclamación da II República. Segundo recollen Iago Santos e Antonio Nores no seu libro "Historia de Cangas- 1900-1936. Unha ribeira de pescadores", dous días antes, o 12 de abril, celébranse as eleccións municipais no distrito de Cangas cun resoante trunfo do pobo de Cangas. A Asociación Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas lembra aquel episodio. Os elexidos e resultados das votacións foron:

Ángel Iglesias Acuña "Xelo" - Independente - Patronal de Armadores - 475 votos

Juan Azpeitia Santisteban - Independente - Patronal de Armadores - 474 votos

Jose Acuña Rodal "José de Vicenta" - Republicano - Alianza Mariñeira - 470 votos

Manuel Nores Sotelo "Taratola" - Republicano - Alianza Mariñeira - 468 votos

Francisco Eiroa Graña - Republicano - Círculo Mercantil - 466 votos

Lorenzo Corbacho Rodal - Socialista - Sociedade Canteiros - 469 votos.

Non foron elexidos os candidatos monárquicos: Cecilio de la Gándara Blanco ( 100 votos), José Vidal Barreiro (95 votos), Leopoldo Montes Graña (95 votos) e Benigno Lemos Mallo "Cinturita" ( 93 votos).

O trunfo da esquerda é completo. Así a Corporación municipal queda constituido por nove republicanos, catro agrarios, un socialista, dous independentes e catro monárquicos.

A nivel de Estado

".. .Como resultado do clamoroso trunfo do republicanismo nas cidades nestas eleccións municipais, derreou a monarquía, o Rei fuxiu de España e o 14 de abril proclamouse a II República entre a máis fermosa e masiva ledicia. Era tal e tan mesta a presión das masas nas rúas que en Madrid non podía nin tan sequera movilizarse a garda civil, nin a tropa estaba disposta a acatar ordes de actuar para soster o descomposto réxime monárquico?"

O 14 de abril en Cangas

Esta é a reseña do xornal "El Pueblo Gallego" na sección de "Cangas", de data 21 de abril de 1914, páxina 11, onde fai referencia ao martes 14 de abril dese ano, do acontecemento da proclamación da II República en Cangas: "...Pola tarde, no último vapor ( O "Alegría") viñan de Vigo don Francisco Eiroa e don Lorenzo Corbacho coa bandeira tricolor enaborlada no mastro do barco, e os pitidos da serea congregaron no peirao a unha inmensa multitude entre a que se atopaba a Xunta do Centro Republicano, os seus membros, en unión dos nomeados señores, puxéronse á fronte dunha manifestación que percorreu as rúas, cantando a Marsellesa e a Internacional. Ao chegaren á Casa do Concello, o señor Eiroa Graña, en unión dos concelleiros de esquerdas e o Centro Republicano, pediu ao último alcalde da Monarquía, señor Gándara, que lle foran entregados os poderes en nome da nacente República, ao que accedeu este último e acto seguido o señor Eiroa constituiu, baixo a súa presidencia, un Comité que actuou no mesmo instante, acordando declarar o mércores como Festa local. O nomeado mércores ás 12 horas do día organizouse outra manifestación que, partindo da Casa do Pobo e coa bandeira da Alianza Mariñeira levada polo seu presidente, don Manuel Nores, recorreu as rúas ata chegar á Casa do Concello, poñendo a carón da bandeira republicana a de Alianza e dirixindo a palabra ao público o señor Nores. Ás catro da tarde chegou un delegado do señor gobernador civil da República e procedeuse á formación dun Concello integrado polos concelleiros de esquerda?."

Elección de novo alcalde

O sábado seguinte constituiriase definitivamente o Concello, con catorce concelleiros republicanos e seis monárquicos e agrarios. Segundo recolle Xerardo Dasairas Valsa no seu libro "Memorias da II República en Cangas" , "..na sesión plenaria do sábado día 18 de abril procederíase á elección de Francisco Eiroa Graña como Alcalde, e de Manuel Nores Sotelo, primeiro tenente alcalde; segundo, Luis Lagoa Soliño; terceiro, Juan Azpeitia Santisteban e cuarto, Alfredo Iglesias Vidal. Primeiro procurador síndico, Lorenzo Corbacho Rodal; segundo, Manuel Otero Ríos; rexedores: José Acuña Rodal, Antonio Sotelo Pardavila, Joaquin Piñeiro González, Tomás Coya Rial, Agustín Portela González, Luis Bolivar Massó, José Paredes Rodas, Matías Villar Sotelo, Benjamín Iglesias Vidal, Agustín Jáuregui Martínez, Diego González Iglesias, Agustín Jorge Etcheverri. De seguido constituíronse as comisión e nomeamentos dos vogais da Xunta de Primeira Ensinanza e dos membros de cada comisión. As comisións designadas serían as de policía urbana, montes e cemiterios, alumado público e abastos, repeso de pan e carnes, facenda, música e festexos, lonxa e mercado, cobro de arbitrios, biblioteca e primeiro ensino. Ao contrario que noutras partes non se produciría aparentemente ningunha depuración de funcionarios municipais, ainda que habería mudanzas na categoría dos mesmos como no caso do secretario municipal ou do cesamento do director da banda de música. Dende o día 21 ordenaríase que a bandeira tricolor ondease nas escolas e nos edificios oficiais, sendo que o lema - Paz, Orde e Traballo -, semellaba ser a consigna dunha ilusionante república que nacía?".

Compartir el artículo

stats