Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In memoriam // Xosé María Pérez Santoro

Os tempos non corren bos nin para se despedir

Santoro. // Camilo Camaño

Santoro. // Camilo Camaño

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Camilo Camaño *

Cando todo o mundo estabamos pendentes da pandemia que asola ao planeta. Cando un rigoroso confinamento domiciliario lexislado na procura de evitar maiores cotas de contaminación e expansión vírica nos priva de todo movemento, espertamos coa crúa noticia do pasamento do amigo Xosé María Pérez Santoro. Como se non quixera irromper na atención de todo suceso debido ao coronavirus Covid-19, acaso para non distraer o seguimento a tan cruel epidemia. Vaise de puntillas para non molestar, quizais para non causar máis dor da xa existente, ou se cadra para que a devandita despedida fose tan humilde e xenerosa como o decorrer da súa exemplar vida, como el mesmo.

Como o silente voo da gaivota, Santoro encetou a derradeira viaxe ao país de ningures. Unha incerta viaxe e sen retorno, nun momento critico, nun tempo que pasará á historia desgraciadamente pola situación de excepción que afecta a infindas vidas. El, tal vez tamén quixo formar parte dese estado excepcional e, como acostumaba, tratar de pasar desapercibido.

Xosé María xa forma parte desas persoas imperecedoiras, inmortais, da xente que o seu pasamento non vai supor a súa desaparición, pois deixa como testemuña do seu paso pola vida, pola xeografía, moreas de mensaxes, unha fonda pegada nos que tivemos a honra de telo coñecido, tratado, compartido momentos de amizade, creativos, intensos, inesquecibles. Deixa un importante legado tanto físico, como artístico, cultural e docente. Sempre disposto a compartir e transmitir os seus coñecementos.

Santoro creou escola e foi estímulo para os que o admiramos e respectamos. Moitos de nos vimos nel un exemplo a seguir, tamén atopamos o apoio preciso cando o necesitamos. Así era a persoa que acubillaba ao artista e neno que sempre levou dentro. Así tamén era o artista que sempre soubo admirar e respectar aos demais artistas e creadores e creadoras.

Tiven a honra de coñecer de perto a súa obra, tamén de comisariar algunha das súas exposicións, ou de organizar conxuntamente outras actividades como a antoloxía de Ocaña, ou con anterioridade aqueles encontros de debuxo infantil que se realizaban na Alameda.

Decidiu entregar a súa vida á fotografía, porén lembro traballos interesantes en pintura, acaso seguindo pasos do seu familiar e xenial Ángel Botello Barros. O seu paso pola Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid, puido influír nesa decisión, pois alternaba os estudos co traballo nos laboratorios do destacado fotógrafo Samuel Bronston, situación pola que chega a formar parte dunha das equipas de foto fixa colaborando con Bronston na dirección fotográfica de filmes tan importantes como: ´La caída del Imperio Romano´. ´El fabuloso mundo del circo´.´55 días en Pequín´... Esta experiencia foi fundamental para afondar no estudo e investigación da luz, algo significativo en toda a súa obra.

Santoro navegou polo amplo abano de posibilidades temáticas e técnicas da fotografía, sendo considerado un dos importantes creadores da época. Sutís composicións con corpos humanos espidos subliñan un pronunciado coñecemento anatómico, que xunguido á profundidade no retrato, amosan o interese pola figura. O costumismo é outra das temáticas cotiás coa omnipresencia da paisanaxe e paisaxe da contorna .

Xa en plena madurez crea un tándem no que se xunguiran a experiencia do alquimista e fotógrafo marinense Gago e o coñecemento seu. Nesta etapa traballa en técnicas experimentais con materiais de emulsións químicas froito da investigación na fotografía antiga e sobre soportes non convencionais a, con resultados altamente interesantes en: cianotipia, oleotipia, ferro-prata, carbón directo, carbón transportado, goma bicromatada, son algúns dos procesos maxistralmente empregados, con resultados moi próximos á pintura. Seguramente a única exposición individual a base destas técnicas fose a que me encargou comisariar e celebrada na Sala de exposicións Angel Botello da Casa da cultura de Cangas no mes de decembro de 1995.

Distincións como o 1º Premio en Composición no IV Certame europeo de Fotografía "Angel Font" 1992. 1º Premio en Iluminación no V Certame de Europeo de Fotografía "Angel Font" 1995. 3º Premio en Foto Profesional na Convención Internacional "Arco Fotográfico" 1994,

entre outras, avalan a alta calidade e profundo coñecemento do creador Santoro, recoñecemento que o levou a impartir cursos, conferencias e leccións maxistrais convidado por entidades nacionais e internacionais especialistas no mundo da fotografía.

O SILENTE VOO DA GAIVOTA ronda pola valeira Praza do Señal albiscando aínda cicatrices daquel escaparate, pola Ribeira hoxe conversa en alameda observando a ausencia infantil por mor do cruel virus, para tomar folgos e encetar tan longa viaxe. Sen nos despedir.

Ata nos reencontrar en tan incerto lugar prezado artista, mestre e amigo, namentres estarás sempre presente entre nos.

*Artista de Cangas

Tracking Pixel Contents