Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eva Mejuto: "O traballo integrador e democratizador da cultura de Matilde Bares é moi meritorio"

A xornalista e escritora vén de gañar o certame cun relato no que a figura da mestra bueuesa ten un papel de referencia

A escritora Eva Mejuto, gañadora do Premio Matilde Bares de relatos de igualdade. // Gustavo Santos

A xornalista e coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, Eva Mejuto, é nova gañadora do Premio de Relatos de Muller Matilde Bares, que convocan o Centro de Información ás Mulleres de Bueu (CIM) e o Concello. A autora, natural de Sanxenxo e residente en Pontevedra, acolle con gran ledicia un recoñecemento no que o xurado destaca "a grande carga emocional, o renacer cada día da desolación e alcanzar a esperanza" que hai no seu relato "Matilde". O galardón inclúe unha dotación económica de 1.500 euros e a publicación do relato. O acto de entrega do premio está prevista dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.

-Como acolle a concesión da undécima edición deste Premio Matilde Bares?

-Este proxecto para min foi moi interesante como camiño. Tiven que investigar e saber sobre a figura de Matilde Bares. O traballo xa foi moi interesante per se porque para facelo tiven que coñecer que había detrás do nome dunha muller, que tamén é o nome dun premio e dunha rúa de Bueu. Independentemente de que gañase ou non para min todo este proceso foi moi satisfactorio. E a concesión do premio sempre da azos para seguir traballando.

-Cal era o obxectivo que se plantexou á hora de escribir "Matilde"?

-O obxecto do concurso é a igualdade e a loita contra a violencia. Aparte diso eu tamén quería dar a coñecer a figura de Matilde Bares e a súa importancia porque segue sendo unha gran descoñecida en Bueu e no resto de Galicia. Fixo un traballo moi meritorio, como dinamizadora cultural e axudando a aprender a ler ás persoas que emigraban. Tivo unha importancia vital nunha época na que a cultura e a educación estaban ao alcance de moi pouca xente. Ese traballo integrador e democratizador da cultura e do coñecemento, por parte dunha muller e nese tempo é moi meritorio.

-Entendo que previamente non coñecía a figura destra mestra e veciña de Bueu.

-Non. O ano pasado vin a convocatoria do concurso e lembro que o primeiro que pensei foi preguntarme quen era Matilde Bares. Quedeime con iso na cabeza e antes de facer un conto quixen investigar sobre ela. Non atopei moito e alguén me recomendou que me puxese en contacto con Arturo Sánchez Cidrás. Non sabía se ía formar parte do xurado, así que comenteille que estaba a facer unha investigación sobre Matilde Bares e facilitoume o seu traballo investigador, que foi a base do relato. Estoulle moi agradecida.

-Que se pode contar desta historia, na que semella que Matilde Bares é unha das protagonistas.

-A historia está ambientada no principio dos anos 30 e a protagonista é Carmen, unha muller que ten que fuxir cara América fuxindo dunha situación de violencia na casa. Matilde Bares é unha das personaxes de referencia porque foi quen lle ensinou a ler e forma parte dun contexto que me interesa destacar, o Bueu dos anos 30, co voto femenino recén aprobado e nunha época de certo esplendor antes da guerra. O libro fala da solidariedade, dunha serie de redes tecidasa entre mulleres, que existen e existiron sempre, que son as que axudaron a que moitas mulleres sobreviran a unha violencia sistémica que había e hai na nosa sociedade.

-Qué reflexión se pode extaer desta historia?

-Hai unha reflexión que fai a protagonista, que nun momento di que as mulleres podemos votar e que ante a lei somos iguais. Pero o problema o temos dentro das nosas casas: que a lei cambie está ben, pero ten que cambiar tamén a sociedade. O problema das mulleres é que o medo o teñen dentro do seu propio fogar e iso é algo que non cambiou. Está claro que a situación mellorou, pero esa reflexión pódese facer aínda na actualidade: hai unhas leis, unha igualdade, mais tamén hai unha situación real na que as mulleres seguen morrendo nas súas casas. A reflexión no libro tamén é un tanto amarga porque Carmen di que a situación estaba a cambiar e pensa que ogallá en dez, vinte ou trinta anos sexamos iguais homes e mulleres. Pero o que viu logo foi unha ditadura e unha situación moito peor.

-Que importancia cre que ten a convocatoria de premios como este Matilde Bares?

-Vivimos nun tempo no que todo pasa moi rápido e o máis importante destes certames é que axudan a visibilizar estas obras. Sirven para facernos reflexionar e poñer o foco sobre estas cuestións. Neste caso, que ademais se publica a obra, ten unha labor multiplicadora. A min como autora obrígame a facer unha reflexión para contar a historia e se coa publicación o relato chega a un público grande esas reflexións espállanse. Neste caso concreto, sirve para sacar do descoñecemento e dignificar a unha figura tan relevante, non só para Bueu senón para o país, como Matilde Bares.

-O xurado destaca no seu fallo a carga emotiva do relato. Comparte esa apreciación?

-Falaban da sensibilidade e estou dacordo. Eu busquei tratar este problema de antes e de agora, que pode pasarlle a moitas mulleres hoxe en día, desde a empatía. Poñerme nas emocións, nos sentimentos, no que pensan, no seu medo, no cotiá? Tentar que podamos ver a súa vida co seus ollos, crear un espazo para que esa muller se exprese. Eu destacaría a carga emotiva que ten o texto e esas redes de solidariedade entre as mulleres, que son unha táboa de salvación dentro do machismo.

Compartir el artículo

stats