Un total de 74 traballos optan este ano aos Premios Johan Carballeira, que convoca a Concellería de Cultura de Bueu. O prazo para a presentación de textos vén de rematar con 56 orixinais no apartado de poesía y 18 no de xornalismo. Unhas cifras de participación que demostran que o certame "é todo un referente a nivel galego", segundo salienta o concelleiro Xosé Leal.

Nas vindeiras semanas convocaranse os respectivos xurados, que tras avaliar os traballos elexirán ao gañador en cada unha das modalidades. Está previsto que os veredictos se coñezan a finais do mes de abril ou principios de maio, coa intención de facelos coincidir co Día das Letras Galegas. O premio está dotado con 1.500 euros en cada categoría e o seu obxectivo é render homenaxe ao que fora alcalde de Bueu, así como xornalista, escritor e poeta, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira.

Os gañadores da edición de 2019 foron Arancha Nogueira co poemario "O silencio das gaivotas", publicado agora por Edicións Xerais como "Dente de leite", e o xornalista Aser Álvarez coa reportaxe "Ferrín e a poesía do circo".

O certame de poesía, que con esta acada xa a súa edición numero vintetrés, é un dos máis importantes en Galicia e na súa lista de gañadores hai autores como Yolanda Castaño, Xosé Carlos Caneiro, María Reimóndez ou Daniel Asorey. No tocante ao apartado xornalístico con esta van dezasete edicións na que houbo gañadores como Arturo Sánchez Cidrás, Moncho Paz ou Antón Lopo.