Arredor da Tradición é un grupo de traballo composto pola etnomusicóloga Xulia Feixoo e polo compilador e músico bueués Guillerme Ignacio, que levan xa dous anos presentando por diversos lugares da xeografía galega "Mulleres de Gargamala. Cantares de tradición oral" e "Maruxa das Cortellas. Tocadora de pandeiro". Dous libros vencellados á tradición musical oral galega e que este domingo presentan en Bueu, na sala Aturuxo. Será un acto co que Arredor da Tradición remata unha etapa e espera que se abra a porta a outras novas, con novos traballos. O peche só podía ser cunha foliada, que ademais será ao mediodía, co cal tamén terá moito de sesión vermú.

Os autores teñen como obxectivo "profundizar no coñecemento das músicas de tradición oral", dando un papel protagonista ás personas informantes e empregando a divulgación como ferramenta de resocialización dese patrimonio. O primeiro froito dese traballo é o disco libro "Mulleres de Gargamala. Cantares de tradición oral", publicado en 2017 por A Central Folque. Este volume foi presentado en diversos eventos culturais, como o Culturgal, a SELIC de Santiago, o Festival Intercéltico do Morrazo ou incluso no centro cultural galego en Madrid.

A presentación do domingo será cunha foliada vermú aberta, na que o protagonismo volverá a recaer na música e baile tradicional. Unha oportunidade para celebrar e compartir a tradición musical galega. Comezará a partir das 12.00 horas e está previsto que se prolongue ata ao redor das 14.00 horas.