Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ampliación da igrexa parroquial do Hío en 1788

A reforma acometeuse ante o aumento demográfico da parroquia e a obra fixoa Esteban Sobreira

Unha vista da igrexa parroquial de San Andrés do Hío e o seu emblemático cruceiro. // G.Núñez

Aos investigadores Alfonso Fernández Sotelo e Manuel García Barreiro

A igrexa parroquial de san Andrés do Hío foi edificada a finais do s.XII ou primeiros do s.XIII segundo opinión comunmente aceptada. O templo conserva a portada románica. No laborioso libro "Historia de Cangas", de Carlos Vázquez Marinelli, José Moreira Pumar, Manuel Rodal González podemos ler sobre esta igrexa (pax. 615): "...De arco de medio punto, onde hai un tímpano sostido en dúas mochetas en nacela. O tímpano ten no seu centro unha cruz de S. Andrés de lazos e aos lados dúas figuras bastas con movemento e disimetría no tren inferior... Enriba da portada fan con posterioridade unha pequena fornela onde poñen unha pequena imaxe de S. Andrés, crucificado nunha cruz en aspa..." Tamén se cita os numerosos canzorros románicos que perduran nas cornixas das paredes norte e sur.

Ante o incremento demográfico da parroquia, segundo "A Xurisdicción do Morrazo s.XVII-XVIII" de Hilario M. Rodríguez Ferreiro, temos constancia de que no ano 1708 había 658 habitantes, aumentando a 794 no 1752 e incrementándose aos 871 no 1787 (Tomo 1, pax. 111), moitos templos relixiosos, algúns de considerable magnitude, sufriron ampliacións e reformas. A parroquial do Hío non foi unha excepción, e así no 1787 plásmase o contrato da obra que modificaría a antiga construción desta igrexa, eliminando deste xeito o antigo ábsida románico.

Datos sobre a obra e o contrato

Don Joseph Álvarez de Neira tomou posesión desta parroquia do Hío no 1764 ata seu falecemento en 1787. Sabemos que outorgou testamento xunto co seu irmán Caetano, o 15 de febreiro de 1786 ante o notario José Benito Bermúdez de Castro (consulta en liña, Familysearch ). Caetano, exercía por aquela data como crego nas parroquias de san Xián de Irixoa e de santa María de Viveiro, diocese de Mondoñedo. Tamén tiña, cando menos, outra irmá de nome Josefa que convivía con el na Casa Reitoral do Hío.

O contrato da ampliación do templo foi redactado polo propio crego dentro desta Casa Reitoral o 28 de xaneiro de 1787 con Esteban Sobreira García, mestre de cantería, nativo e veciño do Hío, e ante as testemuñas don Joseph de Otero, presbítero e veciño do Hío, Manuel Medraño e seu fillo Manuel Antonio Medraño y Gayoso, veciños de Aldán. De Esteban Sobreira ocuparémonos noutra ocasión, máis é necesario dar coñecemento doutras obras executadas polo mesmo neste s.XVIII. Referímonos a varias obras no 1771 da igrexa de santa María de Darbo e á ampliación da parroquial de san Martiño de Moaña. Todas elas foron adxudicadas a este mestre canteiro por grandes investigadores como: Carlos Vázquez Marinelli, José Moreira Pumar, Manuel Rodal (en Historia de Cangas), Alfonso Fernández Sotelo no traballo realizado sobre os libros do Arquivo Histórico do Hío na Semana Santa do 2015 ou por Manuel Uxío García Barreiro. Concretamente a obra de Moaña xa está ratificada por este acreditado investigador, mediante o contrato da obra ante o notario Ignacio Porto Mariño, acontecido no 24 de febreiro de 1763 (véxase o Libro de Festas de san Martiño de Moaña 2013 e"A reforma de San Martiño no século XVIII" FdV 2/12/2018).

Todo indica que a construción da igrexa do Hío foi un empeño persoal do crego Joseph Álvarez de Neira que semella ter interese por deixar constancia da súa pegada na parroquia, pois no contrato expresa o seguinte: "?tengo comunicado con Estevan Sobreyra, Maesttro de Canttaría, vezno de ella, qe está presste en qe ha de hazer de mi qta (cuenta) la Capilla Mayor de estta dha Yglesia..."

As cláusulas son expresadas a gusto do crego e reitor da seguinte maneira: "...Primeramte ha de deshacer la qe oy se halla existente, y la qe ha de hazer de Nuevo á mana de Cruzero, Con dos Capillas Correspondienttes, una, a otra ha de pasar Con el mismo ancho adelantte Diez Quarttas poco mas o menos, Con sus Bovedas, y medio Cañon Cruzado, y pudiendo ser de media Naranja con sus tragaluces Correspondienttes; y desps Tambien há de hazer, una Sachristtía enseguida de la Capilla Mayor, también de Boveda Y medio Cañon Lizo; Con ttal qe quede sittio Correspondie pa pasar la Proseciones alrededor de dha Ygla ; quedando todo ello a veneplázitto mío?" (Consulta en liña, Galiciana Arquivo Dixital de Galicia. Si: caixa G 6065/68).

Outras condicións correrán á cargo do mencionado mestre canteiro como as madeiras para as estadas e acimbres da obra e outros materiais necesarios. O presuposto sería de 15.000 reais e faríase efectivo en tres quendas, repartidas da seguinte maneira: unha primeira de 6.000 reais que Esteban recibiu no intre do contrato ante as testemuñas. Un segundo recibo sería tamén de 6.000 reais, que se efectuaría na metade da construción. Rematando así cun derradeiro pagamento de 3.000 reais ao finalizar a obra.

Acordouse comezar a construción o 1 de marzo de 1787 coa obriga de continuar sen cesar no labor da edificación. Todo os veciños do Hío que tivesen gando e carros para carrexar a pedra necesaria estaban na obriga de colaborar na obra. No caso de que houbese veciños que non aportasen gando e carros, a súa obriga consistiría en colaborar nas tarefas de cimentación e outras varias. Todo sempre baixo a supervisión do Arcebispado de Santiago.

Mais, cremos, sempre coa debida cautela, que unha enfermidade afecta ao sacerdote cando decide formalizar o contrato da obra e o primeiro pago, pois pálpase, ao noso pensar, un desexo por rematar canto antes a ampliación do templo. Os motivos que nos fan pensar tal cousa son dous. Primeiro porque o segundo recibo non se corresponde coa data nin coa cantidade acordada no contrato (6.000 reais), pois está constatado que o 25 de xullo de 1787 fíxose o segundo pagamento de 4.125 reais por conta do crego. En segundo lugar consideramos que non é posible que nun período de menos de cinco meses, a ampliación da igrexa estivese xa pola metade que sería o tempo asinado para entregar o segundo recibo.

Polo tanto consideramos que este prematuro adianto económico pode estar relacionado cunha posible enfermidade de don Joseph Álvarez de Neira. Podemos engadir ademais que o crego non chegou a ver rematada a obra, pois finou o 14 de outubro de 1787, segundo referencia de Alfonso Fernández Sotelo no traballo realizado sobre os libros do Arquivo Parroquial do Hío na Semana Santa desta parroquia do 2015.

Unha vez finado, a súa irmá Josefa será a súa herdeira universal e a encargada de realizar o pago de 4.875 reais que faltaban para a conclusión da obra. E así se fará, mais será en dous tempos: un pago de 2.040 reais o 25 de novembro de 1787 e outro de 2.835 reais o 25 de marzo de 1788, polo que fan un total de catro pagamentos no lugar dos tres concertados. Tal vez unha nova presentación de cregos estaría próxima a ocupar a vacante deixada por Joseph Álvarez de Neira.

Hoxe podemos ver como esta construción se corresponde coa descrita no contrato, salvo no cruceiro, que alí (no contrato) propón unha cuberta de media laranxa, e definitivamente fíxose cunha bóveda de crucería, segundo o estilo da bóveda da nave. Na cabeceira da igrexa do Hío observamos unha inscrición nunha cartela que di: "CONSIDERA OPERA DEI 1788" (Considera Obra de Deus 1788), onde tamén aparece este ano labrado nunha das tres claves da bóveda do Cruceiro.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats