Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As orixes do Concello Moaña y A súa necrópole

Como se descubriu a necrópole de San Martiño en Moaña

O autor indaga sobre as orixes dos soterramentos nos arredores da igrexa moañesa

A través da gabia aberta no adro alto, descubriuse parte da necrópole. //

Un panel informativo instalado no pasado mes de setembro ao fondo do aparcadoiro da antiga reitoral de Moaña, sinala que o sartego exento situado na súa zona exterior, forma parte da "Necrópole de San Martiño". Debido a que non sinala o lugar exacto onde se atopa, de seguido, vanse a describir as pescudas feitas nos libros parroquiais, arquivo histórico de Pontevedra e nun informe arqueolóxico do ano 2006 que levan a situalo no adro alto da igrexa de San Martiño.

Efectivamente, comezouse polos libros dos defuntos moañeses, depositados no Arquivo Diocesano de Santiago, onde se comprobou que existe a seguinte acta de defunción, totalmente distinta ás demais: "El treinta y uno de diciembre de mil setecientos y cuarenta y uno se falleció un pobre que andaba puerta por puerta; no se le administró por hallarse muerto y se enterró en el atrio, no se sabe de donde era."

Tendo en conta que, nesa época, as persoas que falecían en Moaña cumprindo coas normas eclesiásticas, enterrábanse no chan da igrexa de San Martiño e os disidentes (suicidas, herexes e apóstatas) no adro, sen cerimonias relixiosas nin asentamentos nos libros de mortos, chama a atención que o párroco da familia do pazo do Rosal, don Francisco Antonio Tabares Saavedra, deixase constancia deste morto atípico, enterrado sen ritos fúnebres.

Coñecendo a existencia documentada deses dous lugares de enterramento, igrexa e adro, faltaba por localizar o recuncho exacto onde se atopaba o cemiterio dos disidentes; por elo, investigouse no arquivo histórico provincial de Pontevedra ata encontrar o contrato das obras de cantaría, legalizado polo escribán Portomariño de Cangas na data do 24 de febreiro de 1763, que tiña por obxecto alongar a igrexa de San Martiño e reformar os seus adros. Nunha das súas cláusulas, o cura ecónomo, residente en Paxarín, don José Benito Avalle, impúxolle ao mestre arquitecto do Hío, Esteban de Sobreira, o seguinte: "?ha de mudar el cementerio que se halla a la parte del vendaval y ponerlo de la misma manera en el otro sitio que se le señale?"

O que amosa a súa situación na banda suroeste do adro alto onde, segundo informe da empresa adxudicataria do control arqueolóxico das obras de urbanización dos adros da devandita igrexa, Adro Arqueolóxica, parte delas afectaron ao muro que o separa do adro baixo, porque había que "... solucionar os problemas de desplome que se lle observaron, a causa da escorrentía. Para iso fíxose unha gabia interior. Estas obras realizáronse entre o 14 e o 22 de xuño de 2006, observándose na zona restos de interese arqueolóxico."

Tales restos consistían nunha tégula (tella) romana de recheo, osos espallados, un osario e, o que é máis importante, sartegos antropomorfos na zona I, a 1,65 mts. de profundidade que, segundo o antedito informe arqueolóxico: "A Zona I é a que está a maior profundidade da superficie, e a fosa de enterramento está escavada na rocha, polo que pensamos que sería o enterramento máis antigo. [...] Existe un nivel en contacto coa Rocha Natural, co límite inferior con certas concavidades que nos fan pensar en posibles enterramentos. Estes serían, tal vez, coetáneos do enterramento da zona I, tamén escavado na Rocha, e quizais nos indican os momentos máis antigos de enterramento, que posteriormente foron tapados con novos recheos e inhumacións, que son os que vemos en cotas máis cercanas á superficie."

Tamén se cita no informe a un muíño romano de recheo que se mandou ao Museo de Pontevedra aínda que se ten constancia dun segundo muíño, moi similar, desaparecido.

Os datos do informe arqueolóxico demostran, con exactitude, a existencia da Necrópole de San Martiño e o lugar exacto onde se encontra; mágoa que non se teña constancia da época aproximada dos denominados, momentos máis antigos de enterramento pois, este xeito de soterrar aos mortos era moi común en España, desde o século V ata o X.

Con respecto ao sartego antropomorfo exento da reitoral, o panel, situado no seu aparcamento baixo o título Necrópole de San Martiño, contén a seguinte lenda: "Os sartegos son unha modalidade de enterramento habitual durante a Idade Media, sepulturas en forma de caixas de pedra dunha soa peza por ser o material máis duro e seguro coñecido, e tapadas cunha pesada laxe. A diferencia das grandes necrópoles escavadas na rocha nai, neste caso temos un sartego exento, fabricado mediante o baleirado dun bloque de pedra seguindo o contorno simplificado dun corpo humano. Non presenta ornamentacións nin inscricións de ningún tipo xa que estaba destinado a ser soterrado nun cemiterio. En tempos o ser humano aproveitou os sartegos para seren utilizados como salgadoiros para a carne da matanza aínda que nalgúns casos, como vemos aquí, foron reutilizados para a construción dunha pía de lavado a man.

Tendo en conta que na antedita lenda sinálase que o sartego "estaba destinado a ser soterrado nun cemiterio" e que os situados máis preto del encóntranse a menos de 250 metros de distancia, cumpre deducir que procede, efectivamente, da necrópole descuberta en 2006 e que pode datarse pouco antes de finais do século XII en que se consagrou a igrexa de San Martiño pois, de seguido, comezaron a sepultarse aos moañeses ortodoxos no interior dela, deixando a necrópole para os chamados disidentes, tal e como foi reflectido".

Falta pois, que se teñan en conta os devanditos documentos oficiais para que sexa factible, de comezos, a colocación dun novo panel no lugar exacto en que continúa enterrada dita necrópole onde se deberían incluír fotos dos sartegos para que, no futuro, se poidan localizar outros similares que continúan enterrados.

*Investigador e veciño de Moaña

Compartir el artículo

stats